Continuación de “A pel das árbores”.
Buscando imaxes da cortiza das árbores demos co web de Cédric Pollet, un fotógrafo botánico e arquitecto paisaxista que percorre o mundo fotografando a pel das árbores; ten publicado libros e realizado exposicións con esas espectaculares fotografías así como imparte obradoiros para escolares nos que lles explica curiosidades sobre as árbores. Da súa galería, organizada pola cor da cortiza (branca, vermella, rosa, amarelo, verde ou azul), observamos moitas fotografías, das que o noso alumnado opinaba que eran pintadas. Logo amosámoslle outras do eucalipto arcoiris e como non o coñecían insistían en que eran pintados con pintura ou con reflexos do sol, polo que tivemos que botar man de árbores que foran pintadas, como no emblemático Bosque de Oma ou no Ecoespazo O Rexo de Agustín Ibarrola, daquela quedaron engaiolados e preguntáronnos por que non pintábamos nós as árbores.
Tivemos que buscar unha alternativa e acordamos que pintaríamos a pel das árbores tal e como gustaramos e logo pendurariámolas coma se fose un bosque. Velaquí o resultado deste traballo plástico sobre un soporte diferente que produce sensacións visuais, efectos de movemento, olores, ao tempo que desenvolve a sensibilidade artística e estética.