A nosa achega á educación infantil

Intervención artística final: As chaves están en infantil

In CativArte on 19/06/2015 at 06:15

Ao longo destes tres anos mantivemos un xogo co noso alumnado no que lle dicíamos que a mestra tiña unha chaves máxicas coas que logramos abrirlle a cabeza, o corazón, os sentidos, a mirada ou o pensamento. Agora que se van con todo aberto, pregunteille se non me deixaban aquí as chaves para poder axudarlle a outros nenos e nenas a abrirse. Emporiso decidimos facer unha intervención artística que fose un recordo, unha metáfora dese noso xogo.

Nós, sempre dicimos que a arte é unha linguaxe que nos permite expresar ideas con outros recursos, os plásticos. É fundamental que comprendan que unha obra é unha forma de expresión, porén cando facemos traballo artístico, non se trata de copiar obras de autores máis ou menos senlleiros, senón que entendan que son outros modos de representar o mundo. Neste caso, pese a aparente sinxeleza do resultado, coidamos moito o proceso e todo ten un significado.

Unha vez acordamos que faríamos un cadro coas chaves que empregamos, redactaron unha nota para pedirlle ás familias que colaboraran con nós na achega de chaves que xa non utilizaran nas casas, explicándolle que era para a nosa última intervención artística. Así xuntamos cincuenta de todos os tamaños, modelos e formatos: hainas grandes, pequeniñas, chaves de armarios, de portas, de coches, tubulares, de dobre punto, de seguridade, de caixas, de portal…

Logo fomos decidindo que podía simbolizar cada unha delas: a chave coa que abrimos os segredos, os ollos, o oído, a bondade, a timidez, os sentimentos, a sensibilidade …, e por suposto unha chave persoal coa que se abriu cada un deles e delas. Sobre cada unha delas escribiuse a súa función.

No último día, trouxéronos unha desas chaves grandes e antigas (de hórreo ou muíño) e decidimos que esa sería a chave mestra que podía abrir todo.

Como soporte, tras dous intentos, decantámonos por un lenzo grande sobre o que cada un deles escribiu varias veces o seu nome con ceras acuarelables, de modo que unha vez aplicada a auga, cada cor de cada nome fusionouse cos outros creando unha paleta multicolor onde os nomes permanecen esvaídos por debaixo das cores. Como calquera pode imaxinar, isto non se lle ocorreu a eles, pero si se lles explicou a razón pola que se facía así. Todo responde a un motivo, é unha metáfora e así hai que facérllelo ver.

Feita a montaxe, búscase un título, decantándonos pola proposta dunha nena que escribe “As chaves máxicas abretodo”.

Agora que xa baleiramos a aula, recollemos todos os seus traballos, os carteis cos seus nomes, quedando todo de novo espido e en branco para volver a comezar con outros nenos e nenas, saben que ese cadro quedará comigo e que cada vez que o vexa recordarei como se foron abrindo estas vinte e cinco persoas, que cando chegaron á escola aínda tiñan moitas portas pechadas. Tan só foi preciso atopar a chave adecuada para lograr que cada un nos amosara o que tiña agochado dentro ou para que deixara entrar as boas calidades coas que agora van equipados.

Para nós, unha das mellores metáforas visuais que temos feito, unha das máis cheas de significado e de vida. Sen contar que ten un dobre sentido, mesmo unha afirmación e unha reivindicación da nosa función profesional: que ninguén dubide que as chaves están en infantil.

Ver presentación

Chaves

Para acceder ás intervencións artísticas finales doutros cursos:
2012-13: Water painting
2011-2012 Tall painting
2010-2011 Drip painting
2013-2014 Ice painting e Milladoiro 11_14

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: