Acollida nos centros: sentido e sensibilidade

“Magical Thinking”, Bo Bartlett, en Children in Art History

A raíz da entrada anterior na que relatábamos o agasallo que preparáramos para a visita ao centro de primaria, foron moitas as persoas que nos escribiron contándonos que nos seus centros non tiñan contemplado a presentación en primaria nin a acollida de alumnado das escolas 0-3. Ao tempo preguntábanmos como facela. Nós, unicamente dicimos que só se pode levar a cabo con sentido e sensibilidade, do contrario é mellor non facela. Se isto se entende coma un “protocolo” máis é mellor deixalo.

Todos nós temos vivido as experiencias de ser recibidos nunha casa por compromiso ou con cariño e afecto. Pois isto é o mesmo. Si recibimos ou nos reciben para cumprir cunha encomenda e o entendemos/entenden coma unha actividade fixada, será unha rutina máis das moitas que hai sen sentido.

Nós entendemos que o paso ao centro de primaria é para o noso alumnado un rito de tránsito dunha idade infantil a outra xa de nenez, eles así o ven. Saben que é un dos sinais da medra. Teñen sentimentos ambivalentes, por unha banda sábense cómodos e felices na escola infantil pero ao tempo queren vivir a experiencia de ir ao centro dos grandes. Mesmo aceptan a perda dos “privilexios” dos que gozan aquí en prol de ser maiores.

Emporiso, o día que visitemos o centro de primaria hai que entendelo case coma unha cerimonia. A preparación do itinerario, a elaboración dos agasallos para os anfitrións, a realización do camiño que nos separa, a recepción e a estancia alí deben ser moi coidados e por suposto adaptados á idade e sentimentos dos pequenos. No centro receptor non deben proceder como si se tratara dunha visita institucional dunha embaixada, non fai falla amosar todas as instalacións e riquezas do centro, non é preciso pasar unha mañá enteira matando o tempo, non fai falla proxectar vídeos promocionais. Fai falla sentido e sensibilidade.

É necesario que os nenos e nenas vexan que hai unha relación de respecto e proximidade entre os docentes dos dous centros xa desde que se saúdan e se presentan , é preciso que perciban que son esperados, que sintan que alí serán atendidos con cariño. Isto é o máis difícil, porque é desas cousas que ou sae de dentro de natural ou non hai protocolo que o poida finxir.

Tratándose de varias unidades, nós apostamos por unha visita en varios días; xa sabemos que haberá quen apunte o custe do autobús (en caso de ser necesario), o trastorno que ocasiona nos dous centros (que non será tanto), ou outro tipo de escusas. Sexa o que sexa, cómpre recordar que non é o mesmo unha atención para 25 (que xa son moitos), ca para 100 (aí pérdense os detalles). En moitos casos é posible a visita a pé, pisando e tomándolle a medida (figurada) á distancia que nos separa (ás veces unha rúa, outras pasar dun edificio a outro, noutros casos nin sequera iso).

É ben raro que no centro receptor non haxa irmáns (amigos) dos nenos/as que se incorporan, tanto de 0-3 coma de 3-6. Pois eles son sempre o mellor comité de benvida. Eles saben o que lles gusta amosar do seu centro, eles saben como acariñar aos visitantes. Preguntado o noso alumnado sobre o que máis lle gustou da visita, case todos coinciden en que ver aos seus irmáns. Dá para pensar; nós planificando outras cousas máis complicadas e resulta que era así de sinxelo.

Un recibimento agarimoso (do alumnado e do profesorado), unha pequena actividade nunha aula ou na biblioteca, compartir o momento do petisco de media mañá e uns xogos co alumnado de primeiro xa poden ser suficientes. Non fai falla máis, a cuestión é que perciban que alí van estar a gusto. De iso se trata non?

O problema é que cando se planifican estas actividades, ás veces, pénsase máis en impresionar ao profesorado que en causar boa impresión ao alumnado. Non confundamos. Non mesturemos nisto as tirapuxas e complexos “históricos” entre os distintos ciclos (0-3, 3-6, EP). Non se trata de evidenciar as diferenzas mirando case con desdén o que fan os do nivel anterior; é xusto o contrario. Recordemos que o obxectivo é procurarlle benestar e tranquilidade ao alumnado, non que os docentes se sintan superiores, iso terán que arranxalo noutro momento e lugar. Todas e todos somos profesionais que traballamos pola educación da infancia, independentemente da etapa na que traballemos.

Os departamentos de orientación, as direccións e os equipos de ciclo deberían ser os encargados de planificar esta actividade, que loxicamente ten que ir máis alá da mera visita, xa que logo en algún outro momento haberá que sentarse a falar sobre os nenos e as nenas que entran no centro. Non deberíamos reducilo ao trámite burocrático do traspaso de informes.

Pero como dicíamos ao comezo, todo isto depende do respecto polo traballo dos que nos precederon e do compromiso polo benestar do alumnado.

Sentido e sensibilidade é o único que se precisa. Nada máis, e nada menos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s