Se tiveramos que facer balance do ano 2020, en poucas palabras denominaríanolo “o ano da reinvención educativa”, sen entrar en detalles de se este novo avatar foi para ben ou para mal.
Visto agora coa distancia deste tempo elástico, -que unhas veces parece que nos fixo esquecer o pasado e outras dá a impresión de que pasou voando-, podemos asegurar que foi o más estraño de todos cantos vivimos na escola. Nunca poderíamos imaxinar o que se nos veu enriba. Nunca pensaramos que faríamos escola na distancia. Nunca cremos que poderíamos estar cos cativos sen contacto. Nunca sospeitamos que a vida nos depararía unha proba tan dura. As que xa temos unha idade e uns anos na profesión, sabemos que ningún curso é coma outro, que as cousas cambian nunha reviravolta, que sempre xurde o inesperado. Pero endexamais supuxemos que isto fora como foi, como está a ser ou como será.
Ata temos mala conciencia. Adoitan dicir que ás veces os desexos cúmprense. Nós levabamos moito tempo pedindo que desaparecesen todas as parvadas que estaban invadindo a escola e suplantando a labor docente: celebracións, efemérides, actos simbólicos por todo tipo de causas, todo un elenco de personaxes que pretendían introducir os seus contidos no currículo e meter “o seu tema”, decoracións, exposicións de non se saben ben que, saídas escolares ás novidades máis exóticas, etc. Pois en verdade, todo iso quedou parado. Pero tamén outros aspectos importantes.
Cando en marzo, inesperadamente nos dixeron que se pechaban as escolas, non aventurabamos que ata o vindeiro curso non volveríamos ás aulas. Cando nos pediron que fixeramos o noso traballo on line, non pensamos que nos fora tan ben. Abonda con botarlle unha ollada ás nosas reflexións no blog. Cando en setembro retornamos con todos os protocolos e prevencións dixemos que iso non era posible en infantil. E superámolo! Fomos quen de reinventarnos. É máis, esta situación foi unha aguilloada para saír do que agora denominan “a nosa zona de confort”.
Tamén é certo, que para algunhas (máis das desexables) supuxo caer nun pozo de pesimismo, de temores, de paranoias, de pretextos ou mesmo de enfermidade. Centos de baixas e de xubilacións fixeron que houbera que chamar a opositoras das listas de contratación. Xente con máis ilusión ca preparación, aterraron las aulas. Aquí foi decisivo o rol dos equipos directivos e dos de coordinación docente. Eles tamén tiveron que superar unha proba de lume: foron claves para que os colexios seguiran abrindo cada día, para que se mantivera o contacto coas familias e para que os nenos e nenas non sufriran máis do debido coa pandemia.
Agora empezaremos un ano coa sensación dun comezar de novo. Agardabamos que a situación fose a mellor e puideramos baixar as restricións malia que todo indica que será ao contrario. Aínda así, xa non temos tantos medos. E sobre todo, sabemos que temos capacidade de facerlle fronte ao inesperado e ao inédito. Pois quizás sexa esa a lección que podemos extraer de entre todo o negativo que vivimos. O reto de “volver a empezar”, de superarnos a nós mesmos, de dar seguridade a quen ten medo, de poñer o maxín a funcionar para buscar alternativas, de non perder as ganas de facer escola, de ser mestras por enriba de todo.
Se o 2020 foi o ano da reinvención, que o 2021 sexa o da ilusión.