Responsabilidade

Imos dar comezo ao curso académico máis complexo de todos os coñecidos ata agora. Dous días antes, non sei que nos molesta máis:

-se escoitar ás familias que desconfían da escola,

-se escoitar ao profesorado que secunda unha folga no primeiro día.

Ben sabemos que dito isto se nos botará enriba medio mundo. Das familias agraviaranse as que estiveron durante todo o verán previndo o contaxio de maneira responsable. E dos docentes aqueles que van á folga pensando así defender os dereitos do profesorado.

Ás familias preguntaríalles se realmente desconfían das medidas que se adoptan na escola ou da responsabilidade de todos os pais e nais. Abonda con dar unha volta polos parques, pola praia, polas rúas ou polas terrazas para supoñer que hai moitos proxenitores que están ben tranquilos coa saúde dos seus fillos e fillas. Pregunto se en verdade lle van tomar a febre todas as mañás antes de traelos á escola, se van observar todas as normas de hixiene e de prevención, se farán na casa aquilo que lle demandan aos outros. Aclaremos entón se o medo é pola escola ou porque saben que se xuntarán con outros nenos.

Aos docentes preguntaríalles se realmente pensan que é única maneira de facerse oír é non estando no seu posto de traballo nun día tan complicado como será o de arranque deste curso. É que acaso non hai espazos, lugares e mecanismos para reivindicar dereitos laborais sen prexudicar ao alumnado, ás familias e aos compañeiros? Nun día no que aínda non sabemos ben como proceder, nun día no que farían falta máis ollos e máis mans ca nunca, en verdade credes que é o mellor para que a sociedade se sensibilice cos agravios á profesión e á escola pública?

En máis dunha ocasión teño manifestado a nosa admiración por Loris Malaguzzi. Polo que lin, unha das súas grandes preocupacións sempre foi a de conciliar os dereitos dos traballadores educativos co benestar da infancia. El sempre o tivo claro. A súa ideoloxía e compromiso político tamén eran públicos e notorios. Aínda con todo, sempre antepuxo os dereitos da infancia por enriba de todo. Nós tamén.

Unha amiga definiu isto coma “o suicidio da pública”. Acertou porque estamos a dinamitala dende dentro. Quen pode cometer a inxenuidade de pensar que estas medidas de presión provocarán a mellora da escola e da súa consideración social? So alguén que está moi lonxe do seu día a día, alguén que só fala con familias da súa corda, alguén que ten outros intereses, alguén para quen o alumnado non é o prioritario.

Non queremos estendernos máis porque xa está todo dito. Tan só se trataba de manifestar un malestar. De dicir en voz alta que non compartimos nin nos solidarizamos con estas dúas cuestións. Hai moita xente que tampouco. Pero hai veces nas que hai que falar claro e desmarcarse. Esta é unha delas.

Así llelo dicimos: empregando esas estratexias, non defendan os “nosos dereitos”.

4 Comments

  1. Está moi claro e moi ben argumentado, pero quixera manifestar a miña postura individual, como avoa que atende a unha neta con frecuencia. Secundo esta folga por ser a única maneira de mostrar un desacordo coa xestión nefasta que nos levou ata aquí. O cese da conselleira catro días antes do comenzo non amaña a gravidade da parte de coidado e prevención que lle cómpre á escola. Moitas grazas pola claridade, xa que propón un debate interesante. Parabéns!

  2. Desculpade, porque sigo, admiro e defendo a vosa perspectiva educativa, pero presentar esta folga como unha cuestión de “dereitos laborais” e non de garantías sanitarias e educativas para todas, paréceme un erro de concepto. Pode que estar presentes o primeiro día para vós sexa poñer as crianzas por diante, pero moita da xente que secunda esta folga faino porque entende que poñer ás crianzas por diante é facer o posible para que o seu contexto educativo sexa o máis san posible en todos os sentidos. Pode que a folga non sexa a medida máis axeitada (aínda que non por un problema de imaxe publica, como se dá a entender, que non penso que deba ser un criterio nin planteable), pero me gustaría saber que outras alternativas de presión ten a comunidade educativa (a folga foi apoiada tamén polas confederacións de Anpas, polo xa explicado) de ser escoitada de xeito inmediato -pois a situación así o require- pola administración.

Deixar un comentario