A perda dos rituais: consecuencias Covid-19

Mercamos “La desaparación de los rituales. Una topología del presente” de Byung-Chul Han uns días antes do inicio desta estraña situación, dende aquela volvemos en reiteradas ocasións ás lúcidas e premonitorias  reflexións deste filósofo coreano afincado en Alemaña do que xa leramos outros títulos como “Hiperculturalidad”, “La sociedad del cansancio”, “La salvación de lo bello” ou “La expulsión de lo distinto”. Todos eles caracterizados pola brevidade, concisión e certeira disección da sociedade actual. Sorprende ler os seus ensaios escritos hai xa uns anos, tan proféticos e tan asequibles mesmo para persoas que non temos unha grande formación filosófica.

Si ben, cando o lemos en marzo nos fixo caer na conta dun risco que axexaba á sociedade actual, agora temos a certeza de que imos cara ese abismo, nomeadamente no que se refire á infancia. Se algún día saímos deste túnel, teremos deixado polo camiño a meirande parte dos ritos que nos consolidaban como comunidade. E pode ser dramático, xa que logo, como el di “os rituais danlle estabilidade á vida grazas á repetición”, “obxectivan e proporcionan unha referencia do mundo”. Ritos de socialización, de celebración, de paso, de peche ou de transición están en risco de desaparición.

“Los rituales, como acciones simbólicas, crean comunidad sin comunicación, pues se asientan como significantes que, sin transmitir nada, permiten que una colectividad reconozca en ellos sus señas de identidad. Sin embargo, lo que predomina hoy es una comunicación sin comunidad, pues se ha producido la pérdida de los rituales sociales.”

Ao longo de pouco más dun cento de páxinas vai analizando as causas, síntomas e consecuencias da morte dos rituais: a presión por producir, por ser “auténticos”, festas e relixión, vida e morte, a preeminencia dos signos, o dataísmo ou o paso da sedución á pornografía.

Tan preocupadas como estamos polo cumprimento de protocolos para evitar o contaxio, quizais non estamos a poñer atención no que se nos está indo das mans como comunidade: todas as celebracións de vida e ritos sociais. O non poder ter contacto máis ca cos que convives, o non poder reunirnos, o non poder xantar xuntos, o non poder agarimarnos, o non poder estar cos nosos maiores… É certo que enchéramos os tempos escolares de celebracións baleiras de sentido comunitario. Dende InnovArte tiñamos pedido moitas veces que se impuxera o sentido para non ir de foliada en foliada, entre festas anuais, conmemoracións, días internacionais e outras invencións comerciais discorría o tempo escolar adobiado con atrezzos ad hoc (camisetas con mensaxe, lazos, calcetíns de cores, cornos de reno, diademas de estrelas ou panos ao pescozo). Con todo, hai algunhas que cómpre manter no seu sentido máis xenuíno, aquelas que lle dan corpo ao calendario anual e que nos fan sentir parte dunha colectividade. Adoitamos dicir que, dende hai uns meses, o novo rito de ingreso nun grupo é o lavado de mans con xel hidroalcólico e as regras son o non compartir nin tocar. É ben triste. Emporiso, sempre dicimos que hai decatarse do risco e buscar alternativas.

É como facer? Pois haberá que buscar maneira. Haberá que seguir celebrando os aniversarios aínda que non haxa torta para compartir. Haberá que seguir comendo xuntos aínda que non poidamos tomar todos do mesmo. Teremos que aprender a describir as sensacións que sentimos (gustativas, táctiles, olfativas…), para que os outros poidan percibilas. Será o momento de vivir a comensalidade doutro xeito. Será o tempo de volver sobre o sentido orixinario de cada celebración. Unha oportunidade para cribar o que merece permanecer e o que non. Pero hai que sentirse parte dun grupo que se rexe por un calendario de ritos. Do contrario, mesmo parece que nos erguemos pola mañá para gastar o día ata que chega a noite, e así un e outro pasan os días todos iguais sen nada que nos faga agardar por eles con ilusión. E tal e como nós o sintamos, así o percibirán os cativos.

“Los rituales configuran las transiciones esenciales en la vida. Son formas de cierre. Sin ellos, nos deslizaríamos de una fase a otra sin solución de continuidad. Así es como hoy envejecemos sin llegar a hacernos mayores. O nos quedamos en consumidores infantilizados que no madurarán jamás.”

Emerxerán outras formas ata o de agora insólitas. A nós hai uns días, trala morte dun querido coñecido convidáronnos a unhas exequias on line xa que eran noutro país. Se ben nun primeiro momento nos pareceu inaudito, durante a celebración entendemos que era unha alternativa para poder render homenaxe á memoria do amigo e de dar palabras de consolo aos seus achegados. Centos de persoas, dende distintos lugares do mundo, estabamos a compartir o noso respecto e cariño por este home. O mesmo que se pretendía cos rituais de antes.

O fundamental e non perder esa masa común que nos unía como colectividade. E transmitírllela aos nosos pequenos. Unha sociedade sen ritos non é máis ca un número de individuos.

Para Byung-Chul Han, a progresiva desaparición dos rituais carrexa o desgaste da comunidade, a desorientación do individuo e o narcisismo colectivo.

Cremos que leva razón…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s