A nosa achega á educación infantil

Tapiz da primavera: puntillismo cos pés e dripping

In CativArte on 27/03/2015 at 07:44

Como reflectir nunha pintura todas as cores da paisaxe primaveral, os cambiantes azuis do ceo, os milleiros de verdes dos montes, os amarelos dos toxos e das xestas que coma pingas salpican o verde, como pintar as etéreas flores rosáceas das espidas froiteiras que, cun refacho de vento, marchan voando coma pequenos papaventos …, como lograr plasmar nun cadro todo iso que ao lonxe parecen pequenas manchas de cor que se superpoñen, se mesturan e se resaltan?

O noso alumnado tentou facer unha representación da paisaxe que vemos a través dos ventanais, pero poida que polos materiais empregados –ceras, lapis de cor e rotuladores-, o resultado non os deixou moi satisfeitos, porque quedaba con cores moi planas, moi estáticas, non lograron plasmar toda a paleta de cromática que vían.

Así, ao día seguinte fixémoslle unha proposta, tentaríamos repetilo nun gran mural para logo expoñer nos corredores do centro ao igual que fixemos co verán e co outono 2014, así como co inverno 2015. En cada un deles empregáramos unha técnica distinta, e nesta ocasión quixemos facer unha intervención a medio camiño entre o artístico e o lúdico, de modo que lles dixemos que o pintaríamos cos pés e lanzando pintura, o que os deixou desconcertados e fascinados.

Cando chegaron pola mañá amosámoslle algunhas obras de pintores ligados ao movemento do puntillismo (divisionismo), e nese momento viron que iso era o que a eles lles gustaría plasmar: milleiros de cores que acaban dando forma a elementos que se integran na natureza. Pero xa de inmediato me dixeron que iso era moi difícil porque seica había que facelo coa punta dos dedos puntiño a puntiño, e nós tiñamos en mente o grande mural que acostumamos a preparar en cada cambio de estación para colgar no corredor; as dimensións son 200×180, tal e como amosamos aquí. Nese momento recordeilles que lles dixera que pintaríamos cos pés. Ante as súas observacións (mancharse, frío, non quedar forma de puntiños, etc.), engadín que non se descalzarían, daquela quedaron aínda máis desconcertados. Amoseille un rolo de plástico de burbullas e díxenlle que con iso lles faría unhas calzas coas que pintarían. Organizámonos por grupos, fixemos un esquema no encerado, dividimos zonas no mural (liña de terra-liña de ceo), “calzámonos”, collemos botes de témpera en cores básicos (verde, azul, amarelo, branco), estendemos o anaco de pano sobre o que pintaríamos (retallo de tela de cobertor branco moi groso e con relevo), e comezamos o chorreado de pintura para que a pisaran.

Comezamos polo ceo, que realizamos en tres grupos variando as cantidades de azuis e de branco, e logo con dous grupos fixemos o monte con verdes e amarelos. Rematamos con unhas porcións de témpera de purpurina para crear ese efecto da luz sobre as cousas. Estaban marabillados de como as súas pegadas creaban esas combinacións de cores e coa sensación que lles producía o plástico de burbullas.

Unha vez o puxemos vertical quedaron impresionados co efecto logrado, pensaron que xa podía quedar así, pero recordámoslle que aínda nos faltaban as árbores froiteiras coas súas flores voando polo ceo. Aí xurdiron moitos apuntamentos, habían quen suxería pintalas e poñer as flores de papel ou pintalas cun pincel. Retrucámoslle que iso non lograría o efecto “voador” que querían. Durante o recreo engadín unhas ramas de xesta que peguei ao tapiz con silicona, e á volta creamos tres tons diferentes que ían do branco roto ao rosa, como as flores das ameixeiras, das cerdeiras ou dos pexegueiros. Sobre elas chorreamos a pintura (dripping) con brochas grandes.

Agora quedamos absolutamente satisfeitos, tanto polo resultado coma polo proceso seguido, neste caso máis guiado ca noutras ocasións pero sempre suxerindo e incorporando as súas achegas.

Certamente, non é o noso obxectivo ensinarlle movementos pictóricos (ou perverter a idea pola que xurdiron) nin a copia de obras senlleiras, pero neste caso, consistiu en botar man da experiencia para solucionar “o noso problema”. E sobre todo, foi unha actividade divertida, diferente e enriquecedora.

O noso tapiz ficará pendurado ata que a inminente chegada do verán e os cambios da paisaxe nos pidan outra interpretación. Xa se verá.

Ver fotografías do proceso

Tapís da primavera

O galo de Barcelos e as previsións meteorolóxicas

In EncienciArte on 24/03/2015 at 14:18

IMG_0390

Un alumno que pasou a fin de semana en Portugal, trouxo como agasallo para a clase o típico galo portugués que cambia de cor segundo a humidade ambiental, de modo que fai unha certeira previsión meteorolóxica a curto prazo.

IMG_0388 IMG_0389

Ningún dos seus compañeiros e o compañeiras coñecían este recordo tan típico do país veciño, presente en case todas as casas galegas, nin por suposto a lenda que deu lugar a este souvenir tan representativo de Portugal. Así cando abrimos o paquete quedaron un pouco estrañados. Vimos que traía as explicacións en catro idiomas (español, portugués, inglés, francés), e atraídos polo texto onde dicía que cambiaba a 9 cores, puxémonos a ler. Así soubemos da lenda do galego que facendo o Camiño de Santiago foi acusado falsamente, e en presenza do xuíz dixo que para confirmar a súa inocencia o galo que estaban comendo cantaría cando o foran axustizar.

IMG_0386 IMG_0385

descarga

06-08500

Xa de inmediato decidimos comprobar se era certo que cambiaba de cor. Ao pouco de abrir a bolsa na que viña, as alas e a cola do galo pasaron dunha cor gris violácea ao azul intenso (que seica é a cor que adopta cando se espera calor), pero o ceo, o día e a nosa estación meteorolóxica dicían outra cousa. Matinaron sobre o asunto e chegaron á conclusión de que o galo tiña que estar fóra, pois dentro da aula sempre fai calor. Así, durante o recreo levámolo ao exterior e a cor pasou ao violeta (anuncio de choivas). Visto isto, concluíron que o galo tiña que estar fóra, ao igual que o sensor exterior da pequena estación meteorolóxica que temos na clase. Onte e hoxe andivemos todo o día co galo para dentro e para fóra, para comprobar se era certo que dentro se enganaba coa temperatura da calefacción. Xa vimos que si. Agora as previsións e a cor do galo coinciden, así o puidemos comprobar en varias verificacións que facemos ao longo do día e que rexistramos nunha táboa comparativa.

IMG_0405

IMG_0390

Tan só nos queda por saber a razón pola que cambia de cor.

Fixemos indagacións na rede e lemos que se debe a un baño de un produto que lle aplican nesas zonas ao galo. Con todo, quixemos facer partícipes ás familias, polo que lles enviamos unha consulta con tres preguntas: se tiñan algún galo de Portugal nas casas; si sabían por que cambiaba de cor, e se o galo acertaba coas previsións do tempo.

Descubriron que en moitas casas, dos avós especialmente, había algún elemento no que estaba representado este popular símbolo portugués (mandís, pousavasos, trapos de cociña, manteis, reloxos e figuras de cerámica), e que se fiaban totalmente da cor do galo. O que ninguén nos dixo é porque logra cambiar de cor.

barcelos

designall (1)

Así foi como grazas a un agasallo, fixemos unha pequena investigación que nos mantivo a todos entusiasmados.

portugal_independence_day_2013-1527005-hp

Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 1.928 segidores