Mestres conscientes da situación

Chema Madoz

Hai poucos días entregamos unha colaboración na que unha vez máis apelabamos ao empoderamento do profesorado, nomeadamente nesta adversidade. Dicíamos que arestora había quen fixo da profilaxis o eixo da súa actuación, outros que renegan de todo, os que seguen como se nada e aqueles que fan o mesmo ca antes coas modificacións derivadas dos protocolos de prevención. Cando en realidade, o que se precisa é de profesionais que sexan conscientes das consecuencias da situación actual na formación integral dos nenos e nenas e que adopten as medidas que as contrarresten.

Apuntabamos dez ámbitos do currículo infantil que corren o risco de saír moi prexudicados polo que é aí onde deben incidir os mestres conscientes:

No afectivo, pois o individualismo e o illamento deste tempo deben ser neutralizados con accións que ensinen a querer ben.

Na autonomía, agora que por mor dos protocolos nada queda para a liberdade de elección, hai que buscar maneiras de que os pequenos exerciten a autodeterminación.

No socializante, coa desaparición do común, do compartido e daqueles ritos que dan sentido de pertenza a unha comunidade.

Na comunicación, debido ao confinamento ao dificultamento por mor da mascarilla e da non proximidade dos interlocutores.

No sensorial, entre os atrancos e as prohibicións de contacto haberá que buscar alternativas non contaxiosas que nos aporten información tanto do exterior coma do noso interior.

No corporal, polo inmobilismo das actividades que se propoñen para evitar contacto o que repercute na corporalidade consciente e inconsciente.

No racional, coa aposta polo directivismo e merma da autonomía coa que se desenvolven as sesións escolares.

No lúdico, por confundir os tempos de xogo con xoguetes.

No imaxinativo, pois delegouse esa capacidade humana nas pantallas.

No espiritual, faceta sempre relegada dos currículos por asimilala á relixión, cando agora máis ca nunca cómpre visualizar a conexión entre un mesmo e o todo.

Debemos mentalizarnos de que non se trata de seguir facendo o mesmo ca antes senón, dirixir as nosas actuacións a paliar o que pode saír máis danado, buscando alternativas non contaxiosas pero que recuperen aquela quimera da formación integral e desenvolvemento harmónico dos pequenos.

Iso son as mestras e mestres conscientes: os que perciben os cambios e actúan consecuentemente.

Deixar un comentario