Once anos de InnovArte

Once anos de InnovArte

Dende fai xa dez anos, cada 27 de xaneiro, adoitamos celebrar o aniversario do blog. Igual é porque cando comezamos nunca pensaramos que tivera tan longo percorrido. Pero tamén é porque ben sabedes da importancia que lle concedemos nas aulas a eses fitos anuais, celebración da vida, da experiencia adquirida, do camiño feito e da ilusión por continuar. Aínda que este é o máis estraño de todos cantos temos vivido. O que está a acontecer, as súas consecuencias na escola, no comportamento dos nenos e nenas, en nós mesmas ou na sociedade téñenos bastante superadas. Por non falar da tristura que nos acompaña perennemente. Endexamais fomos fatalistas ou pesimistas, pero manter a alegría suponnos un esforzo intencionado, un exercicio que facemos pola nosa saúde e pola dos que nos acompañan. O peor de todo é ver como isto se prolonga sen poder axexar onde está o final. Estamos a gastar os días pensando nos que virán, sen saber de certo se van ser mellores ou aínda peores. Agardamos que dentro dun ano poidamos facer un balance distinto.

Nesta tesitura, na que estamos todos, parece que non cómpre saturar nin con laios nin con alalás. Tampouco temos moitos folgos, emporiso escribimos pouco. Xa virán tempos mellores! Poida que sexa momento de mirar cara dentro, de ler, de reflexionar, de soñar… Así que esperamos que entendades que o blog estea en modo “aforro de enerxía”. Aínda con todo, nós seguimos a traballar arreo pola educación. É máis, quizais foi este o ano de máis colaboracións en todo tipo de publicacións ou eventos formativos tanto do ámbito galego coma de fóra. A través do blog ou das redes sociais fomos dando conta de todas as participacións: nos primeiros momentos do confinamento foi unha especie de euforia colectiva, unha exaltación ao descubrir as novas alternativas; agora xa algo máis calmado, coma quen vai perdendo fuelle. Fatiga pandémica, seica lle chaman.

Hai uns poucos días, a nosa amiga brasileira Silvana Lapietra, mandounos unha fotografía dun cartel que viu nunha plantación de lavandas que estaba a visitar; dixo que se lembrou de nós ao momento. Vai dende aquí o noso agradecemento por esta comparanza e pola consideración. En efecto, estamos a traballar aínda que o produto precise de tempo para a súa elaboración. Somos abellas traballadoras, unhas veces cara fóra e outras cara dentro.

Nas vésperas do aniversario miramos cara atrás, cara o camiño percorrido dende que decidimos abrilo. E decatámonos de como dende InnovArte sempre instamos facernos conscientes das circunstancias e das consecuencias que isto tiña na escola, na educación ou na docencia. Nada é inalterable, todo está en continuo cambio e a praxis tamén ten que acusar o cambio.

Coma sempre, remataremos cunha mención á nosa imaxe de cabeceira. Cando Robert Smithson rematou Spiral Jetty, gravou un vídeo documental percorrendo o muelle espiral cara dentro e cara fóra. Un movemento centrífugo e outro centrípeto. Andar cara o futuro e desandar o pasado. Visto dende o seu comezo, un signo de interrogación.

Pois quizais sexa iso o que toca arestora!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s