
Hai tempo que temos parado InnovArte, a imposibilidade de conciliar o que cremos co que facemos -debido ás restricións e dificultades derivadas da pandemia- leváronnos a un tempo de traballo cara dentro. Non era tempo de parolar, era tempo de resolver e de turrar para diante.
Emporiso, vivimos o comezo deste novo curso coma un renacer xa máis liberadas das limitacións. Aínda que coa entrada dunha nova promoción, percatámonos das verdadeiras consecuencias da pandemia para a infancia. Neste mes de setembro atopámonos con más dificultades xuntas ca nunca en toda a nosa traxectoria profesional. Un primitivismo nas habilidades e condutas do alumnado que se manifestaban nunha falta de autonomía, de comunicación, de atención, de relación e de desenvolvemento motórico, case sempre froito dos hábitos ou estilos de vida e desorientación das familias. É incrible que a día de hoxe que tanto acceso temos á información, é cando máis confusos atopamos aos proxenitores. A polarización entre a hiperprotección ou a deixación educativa, entre a delegación das responsabilidades parentais na escola ou as esixencias tipo contratador/empregada leváronnos a vivir máis de un maltrago.
Constatamos a nosa inxenuidade cando pensabamos que tralo confinamento e as restricións as familias saberían valorar mellor a función da escola e dos docentes, así coma dos servizos extraescolares. En verdade, no noso contexto non nos atopamos coa mellor cara do agradecemento, máis ben todo o contrario: a desconfianza, a fiscalización, as esixencias desaxustadas foron moeda común neste inicio de curso. Sabemos de certo que non aconteceu así só nos nosos centros. Falamos con compañeiras e compañeiros de todos os niveis educativos e este era o comentario máis común.
Ben sabedes as persoas que seguides InnovArte que non somos dadas a laiarnos, nin a buscar culpables fóra. Agora ben, isto é así. En algunhas situacións a ingratitude, a insolencia e a falta de respecto ao noso traballo, leváronnos a ter que dar conta por non realizar tarefas máis propias das familias ca da escola.
Foron duros os comezos deste novo curso.
Mentres tanto, xentiña que nunca se viu nestes afogos tentaban darnos leccións de pedagoxía, psicoloxía ou didáctica. As charlas nas redes, nos medios de comunicación ou nas publicacións especializadas sentaban cátedra daquilo que nunca viviron. Predicar empatía, apertura, flexibilidade, comprensión, implicación e compromiso é a día de hoxe un deses lugares comúns dos gurús educativos dos que se toman citas, sentenzas e aforismos para criticar o mal que o está a facer a escola.
Parece mentira, pero sempre hai apañadores de crebas que sacan tallada das revolturas: os charlatáns, os oportunistas, os advenedizos, os vendedores de métodos, os xa fóra do sistema que pontifican o que nunca fixeron, os avós profesionais que fabulan sobre a súa experiencia e outros opinadores que non saben de que vai o conto. Xa nos gustaría velos unha semana dentro dunha aula. Sería a mellor cura contra tanta soberbia e tanta inventiva.
Emporiso, lidiando como podemos coa nosa frustración de loitar contra marea, co malestar que sentimos ás veces e coa xenreira polo retrocedido, imos sobrelevando a situación uns días mellor ca outros.
Falabamos entre nós as dúas que mentres non fosemos quen de reconciliarnos coa situación non estaríamos en disposición de escribir. A honestidade profesional sempre foi un principio invulnerable de InnovArte. Agora xa estamos mellor, non sabemos se será de moita dura así que, de aquí en diante xa iremos contando o bo e o non tan bo da nosa profesión.