A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘Día da biblioteca’

Biblioteca escolar ou biblioteca de aula en infantil?

In ContArte on 21/10/2011 at 07:18

Ilustración María GranPre

Hai poucos centros de infantil nos que chegado o momento de organizar a biblioteca escolar non tiveran o debate sobre si deben seguir existindo as bibliotecas de aula. Pode ser enriquecedor, pero máis das veces desgasta e enfronta aos partidarios dunha ou outra opción. Acaba sendo estéril.

Máis que centrarse na aglutinación ou dispersión dos fondos, debería facelo sobre as funcións dunha e doutra biblioteca. Xa que logo, sendo complementarias, non excluíntes, non son as mesmas.  A biblioteca de aula pode ser unha sucursal da biblioteca escolar, malia non estar subordinada a esta.

Non somos quen de expoñelo con máis claridade que o fai Kepa Osoro neste documento da FGSR do Proyecto de lectura para centros escolares (PLEC), no que dá argumentos, mesmo comparativas da función dunha y doutra.

Persoalmente, e atendendo ás idades coas que traballamos (3-6), se tivésemos que elixir, optariamos pola biblioteca de aula, xa que logo, neste momento impórtanos máis prender a mecha da lectura que a formación de usuarios. Afortunadamente, non hai por que tomar esas decisións.

Tampouco deberíamos esquecer que na actualidade existe unha boa rede de bibliotecas públicas que tamén teñen os seus obxectivos de cara a este público infantil. Porén, non dupliquemos tarefas; a cadaquén o seu, que tamén hai moito solapamento de responsabilidades, na biblioteca pública fanse actividades máis propias da biblioteca escolar, e na de aula outras que lle corresponderían á pública.

Malgástanse moitos esforzos, ilusións e recursos. Esta é, tamén, unha reflexión que cómpre facer mesmo no día grande das bibliotecas escolares.

Pinceladas en el mundo

In CativArte,ContArte on 21/10/2010 at 15:02

Ao falar de literatura infantil, é case obrigado mencionar a ilustración. Atopamos un blog- revista de ilustración nos libros infantís e xuvenís, Pinceladas en el mundo, que consideramos pode ser do interese das profesionais da educación infantil, porque nel recóllense e organízanse todo tipo de ilustracións. Permite facer procuras por ilustradores –incluso polas súas nacionalidades-, por asociacións, editoriais, ou de revistas e blogs sobre a ilustración. Permite agrupar as entradas, vendo unha escolma de ilustracións do outono, do Halloween, de Carrapuchiña Vermella, gatos, e un sinfín de temas. Cremos que nos pode dar moito xogo co noso alumnado.

Como se fai un libro?

In ContArte on 21/10/2010 at 15:01

No Día Internacional das Bibliotecas escolares, poida que nos guste amosarlle ao noso alumnado o proceso de elaboración dun libro. A editorial Combel con motivo da presentación de “10 viajes y 1 sueño” acompáñao co making-of do mesmo. Vemos o traballo dunha escritora, da ilustradora –neste caso é un libro de pop-up– maquetadores, etc. O esforzo de moitas persoas para que nós gocemos coa lectura.

Blogs sobre biblioteca escolar

In ContArte on 21/10/2010 at 15:00

O día 22 de outubro é o Día Internacional da Biblioteca Escolar, con tal motivo queremos recomendar blogs de bibliotecas escolares, dos moitos que consultamos, salientamos dous:
Trafegando Ronseis, un dos nosos blogs de cabeceira; un traballo excepcional de Anxo e Gracia, “un blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula”. Un blog comprometido, dos que van a cara descuberta con aqueles temas nos que cren e defenden: valores e dereitos humanos, defensa da nosa lingua, a introdución das tecnoloxías no ensino, a importancia do audiovisual, a necesidade de conectar cos intereses das e dos adolencentes… e ducias e ducias de acertos máis. Ás veces pensamos que deberían ser subvencionados -ou non-, e dedicarse en exclusiva a darnos ideas ao profesorado. Non sabemos como fan, pero envexamos a súa actividade, no que vai de ano levan 1042 entradas.Un blog con discurso de seu, sempre arredor da literatura, porén, da vida. Recomendamos unha das súas últimas entradas “Amor na biblioteca
El Biblioabrazo, blog e web da biblioteca escolar do CEIP Gabriel y Galán de Cáceres, segundo premio nacional de animación lectora no 2009. Dinámico, actualizado día a día, ben organizado e ben dotado de recursos, de recomendacións e de actividades de animación lectora. Permite a busca por temas, ligazóns a outros blogs e webs de lectoescritores, ilustradores, revistas de literatura infantil, editoriais, e mesmo elaboran guías de lectura sobre determinados temas –oficios, alfabetos, outono, etc. Atoparedes moitas actividades para copiar, entre elas, as cestas lectoras para os recreos. Cómpre ver as súas entradas sobre bibliotecas escolares. Un gran traballo.

Variacións sobre a lectura

In FormArte on 21/10/2010 at 14:54

“Os días 29 e 30 de outubro celebraranse en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia. O lema desta cita será Variacións sobre a lectura, unha oportunidade para a difusión de experiencias que se están a levar a cabo en centros escolares galegos (algún tamén de fóra de Galicia), arredor desta cuestión (a lectura), que aúna tantas vontades e merece tanta atención en tempos de mudanzas tecnolóxicas e, ao dicir de algúns expertos, de paradigma na cultura escrita e na forma de ler e de escribir. Será un punto de encontro do gran colectivo galego das bibliotecas escolares para seguir ampliando as posibilidades de colaboración.”

Entre outros conferenciantes salientamos a presenza de Teresa Colomer, Javier Celaya e Manuel Bragado, dos que xa temos falado noutras ocasións neste blog.