
Tras moitos anos solapadas baixo unha inxente cantidade de novas modas, chegou o momento de sacar o mestre ou mestra que tiñamos medio adormecido ou atordado entre tanto recurso, material, “metodoloxía”, programa, tecnoloxía ou novidade.
Durante o confinamento o que máis e o que menos fixo limpeza nos seus armarios e caixóns. Agora tocoulle ás escolas. Polos protocolos de prevención fíxose preciso baleirar as aulas. Hai quen o está a vivir coma un drama. Hai quen di que non sabe en que empregará o tempo. Que tal se probamos a ser mestras e mestres?
Cando eu comecei a traballar hai xa máis de trinta anos, cheguei a unha sala que viñan de acondicionar como aula. Só tiña as mesas, as cadeiras, un encerado, un paquete de folios e quince lapis que me dera o meu compañeiro para poder arrancar. Lembroume ben da súa conversión do custo de cada recurso escolar en alimentos. Pediume responsabilidade no gasto e compromiso coa economía familiar. Procurei non defraudalo. Fun unha mestra low cost, como lle din agora. Cantei, fixen psicomotricidade, danzas, dramatización, mímica, empreguei material de refugallo, tirei proveito da contorna, contei contos “de boca”, recitei poemas, adiviñas e retrousos. Falamos, rimos e contamos nunha aula espida de recursos pero chea de alegría. Foi o ano no que fun máis mestra ca nunca despois. Ao rematar o curso fixen inventario, seguía a ter quince mesas, quince cadeiras, quince lapis, quince nenas e nenos felices e quince familias agradecidas.
Agora ao ver os protocolos, a restrición de espazos e de materiais, as aulas espidas e os temores a que os nenos “toquen”, volvín ao recordo da miña primeira escola. Haberá que volver a ser mestras de infantil.
Non perdades o tempo pensando en como plastificar ou como desinfectar os materiais. Empregádeo recordando ou deprendendo de memoria contos, cantos, poemas, historias, xogos…
Teño a seguridade de que sairemos fortalecidas.
A escola gañará. Seremos máis felices. Escoitarémonos máis. Aprenderemos mellor. Conviviremos, compartiremos e partillaremos sen risco de contaxio.