Tras unha fin de semana preludio do que está por vir, xa se avanzan as medidas escolares perante un inminente confinamento. Lido o plan para a educación virtual de 3º de Primaria en diante, fáltanos por saber que se fará coas escolas infantís e primeiros niveis de EP, pero todo parece apuntar a que levarán o mesmo camiño dun xeito máis laxo. Nenas e nenos seguindo aulas confinados nas súas casas.
Quero pensar que quen toma estas medidas dispón de todos os datos e aínda sabendo das súas consecuencias negativas, considera que a única maneira de atallar a pandemia é pechando as escolas. Imaxino que está ben analizado por todos os comités de expertos que se crearon nestes meses. Tamén supoño que a estas alturas xa manexan os datos aportados polos rastrexadores e saben ben que, na meirande parte dos casos, os focos de contaxio non tiveron lugar nas escolas. Sumado a isto deben ter presente que aos nenos e nenas de menos de sete anos lles custa seguir unha xornada escolar a través dunha pantalla -a todos en xeral- pero canto máis pequenos, máis precisan da modelaxe presencial dun docente.
Entón a pregunta é clara ¿non cabería a posibilidade de que os máis pequenos puideran asistir á escola aínda que fose en xornadas reducidas e con grupos reducidos? Por exemplo, facer dúas quendas evitando todos os servizos externos: programas de Madrugadores, comedores escolares e actividades de tarde. Como poden supor non digo isto por prexudicar a todos os implicados nesas actividades de “conciliación”, senón máis ben buscando o menor prexuízo para os menores.
Ben é certo que non todas as escolas de Galicia están coa ratio a tope, e que hai algunhas nas que non habería case ningún risco polo reducido número de alumnado. Agora estou a falar de ámbitos urbanos e periurbanos. O complicado de arranxar.
Xa se escoitan voces que apuntan a que neste inminente confinamento, as restricións non serán tan duras cos cativos e coas persoas maiores. Entón, ¿non sería posible que os pequenos asistiran á escola por un período reducido? O meu empeño non é outro que o de preservar o sentido e obxecto da escolarización nestas idades: a relación, as socialización, a compensación, a estimulación, a comunicación… Se queren que tomen o aire, cando menos que sexa un respiro de calidade e non para acompañar aos pais a facer a compra ou a facer xestións. Será complicado, haberá situacións imposibles…, tantas como na outra opción. En setembro, constatamos os efectos de seis meses sen asistir á escola, especialmente nos casos de vulnerabilidade social; é doado imaxinar o que pode acontecer de repetirse esta circunstancia. Quizais a clave estea en considerarnos un “servizo esencial”.
Sei que me poderán dar mil razóns polas que non é aconsellable o que propoño, pola contra eu só podo dar unha: os pequenos necesitan estar con outros para medrar. Busquen a maneira ou quedaran eivados e raquíticos de por vida.