A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘blogs educativos’

Edublogs

In InformArte on 08/02/2012 at 07:56

Onte vimos o gran número de blogs de educación infantil que se presentan a o VI Premio Espiral de Edublogs 2012, algúns deles de Galicia.

Nun tempo de poucas alegrías, hai  mestres/as que non fan recortes. Malia que o  soldo vai a menos e as horas de traballo e responsabilidades van a máis, moitos dos que traballamos nisto cremos que unha maneira de defender a educación é mostrando o que facemos, compartindo con outros, abríndolle unha xanela ás familias e á sociedade en xeral.

Son horas e horas de traballo, non só na aula, senón desas que ninguén ten en conta e moitas restadas á vida persoal. Hai que rastrexar pola rede na procura daquilo que mellor se axuste á nosa maneira de traballar; reflexionar, adaptar, deseñar, probar, fotografar ou gravar, redactar, publicar e sobre todo, mostrar, expoñer publicamente o que facemos; é coma espirnos. Sempre nos facemos unha pregunta: cantas familias estarían dispostas a facelo?, cantas inspeccións educativas mostrarían o que fan?, cantos tertulianos críticos poñerían o seu traballo na xanela?, ou mellor aínda, cantas administracións educativas deixarían ver as súas producións diarias e no que invisten as súas horas de traballo?

E que non xurdan suspicacias porque estes premios non teñen dotación económica. Os que se presentan fano tan só polo recoñecemento, non pode haber outro interese.

Se lle botamos unha ollada a cada un dos blogs vemos moi diferentes estilos docentes, algúns pódenos resultar máis achegados á nosa maneira de traballar e outros non. Pero o que é indiscutible é que hai moitos mestres/as que traballan con ilusión polo que fan. Uns inciden na música, crendo que é a vía para chegar a outros ámbitos; outros poñen o seu empeño na educación en valores, outros nas TIC, outros na lectura, nas linguas, nos xogos, na cociña… Somos todos xente ben diferente, e velaí a riqueza para a educación e para os nenos/as: ao longo da súa vida escolar vivirán con persoas que tratarán de transmitirlle as súas paixóns, as súas filias –e tamén as fobias- pero iso, iralles conformando unha bagaxe moito máis rica.

Certo é, que hai moitos grandes profesionais que non se mostran na rede e que non todo o que se publica é de interese; estamos totalmente de acordo, pero con iso non lle restemos mérito a quen o fai, porque expoñerse a diario, motiva e “obriga” a facelo mellor.

O prazo para presentarse remata o 20 de abril, tal e como figura nas bases da convocatoria.

Advertisements

Experiencias innovadoras en TIC

In TICArte on 01/06/2011 at 20:00

O vindeiro sábado, día 4, no Museo Nacional Reina Sofía, terá lugar o acto de entrega de premios a edublogs que anualmente convoca a Asociación Ciberespiral.

Ao tempo farase a presentación de “”Experiencias educativas en las aulas del siglo XXI-Innovación con TIC“

Unha publicación monográfica, coordinada por Espiral, Educación y Tecnología , editada pola Fundación Telefónica, na que Espiral e Educared quixeron recoller 94 experiencias educativas innovadoras, da man de 112 profesionais do mundo da educación, que aceptaron o reto de explicar a súas vivencias en primeira persoa.

Trátase dun  libro vivo, prologado por Jordi Adell, distanciado de teorías utópicas, baseado na realidade cotiá das aulas, que sen dúbida, achega ideas e rompe tópicos á hora de animarse a integrar as tecnoloxías na práctica docente.”

InnovArte tivo a honra de participar nesa publicación, cunha visión crítica –hai quen pensa que é marca da casa-, ao tempo que construtiva –ou iso pretendemos- sobre algunha das incoherencias que se están dando nese proceso de introdución das tecnoloxías nas aulas de infantil; nomeadamente estámonos a referir á oferta de materiais multimedia de corte infantilizado e ramplón que poida que aborden contidos curriculares pero en absoluto son acordes coa filosofía educativa do currículo de infantil. Isto por pór un exemplo, xa que a través de InnovArte tratamos de amosar, case a diario, como entendemos nós a introdución das TIC nas aulas.

Lamentándoo moito non poderemos estar no acto de presentación, xa que esta fin de semana asistiremos ao Encontro Nacional da Asociación Francesco Tonucci en Granada, pero temos entendido que se fará unha gravación do acto que poñerán a disposición a través da web de Ciberespiral.

V Premio Espiral Edublogs

In PremiArte on 09/03/2011 at 09:01

A Asociación Espiral convocou a 5ª edición dos seus premios a Edublogs, un referente a nivel estatal na promoción e uso deste recurso da web 2.0.

Establecen 3 premios por cada unha das categorías quedando contemplados os blogs dirixidos ao profesorado, ao alumnado, ao asesoramento e formación, ás asociacións de familias, as bibliotecas escolares e aos centros de profesorado. Hai unha específica para os blogs de profesorado de educación infantil.

Sempre consideramos que os blogs abriron unha nova tendencia en educación, e son sobre todo unha maneira de abrirse ao exterior.

Malia todo, a día de hoxe, cremos que hai que facer unha análise rigorosa sobre os estilos educativos que subxacen detrás de cada blog. O emprego dunha ferramenta 2.0 per se non lle imprime unha pátina innovadora a actuacións rancias e obsoletas. Nalgúns casos, é lamentable que a rede serva para espallar prácticas que deberían ser borradas do orbe educativo, e é máis lamentable aínda, que por estar asociados eses blogs a plataformas ou comunidades en rede reciban miles de visitas –nalgúns casos só para descargar unha fichiña- e que estean referenciados en webs, mesmo institucionais ou das administración educativa. Ben sei que, como na televisión non pode haber censura, é o público quen elixe, pero…

Blogs de aula

In RebelArte on 26/11/2010 at 08:59

O recentemente publicado Informe da industria de contidos dixitais –elaborado con datos do 2009- destaca que 2,87 millóns de españois escriben un blog propio ou alleo e 6,94 millóns léenos. Por outra banda, máis dun cuarto dos internautas (27,8%) declara ter lido algún blog, mentres que un 5,3% da poboación non sabe o que é un blog.

Nestes días celebrábase en Sevilla Eventoblog, o segundo encontro máis importante de blogs de Europa e o primeiro no mundo de fala hispana; alí expúxose de como o blog segue a ter relevancia, pero neste lustro xurdiron novas formas de comunicación que o cambiaron. Agora a lei é “non poñas nun blog o que cabe nun tuit”. Enrique Dans, participante no evento, conversou sobre como mudou a percepción da xente con respecto aos blogs, “Antes o que tiña un blog era un curioso, alguén moi inquedo; agora é moito máis fácil e normal”.

Con todo iso non deixamos de preguntarnos se é totalmente habitual hoxendía a existencia de blogs de aula, de grupo ou de profesor/a, ou seguen a ser descoñecidos pola meirande parte do profesorado.

Facilitamos o enlace a un artigo de Tiscar Lara “Blogs para educar. Uso de los blogs en una pedagogía constructivista”, publicado na revista Telos no 2005 que se acompaña dunha presentación ppt  e que servirá para convencer a moitos/as docentes das súas vantaxes. Neste fala do gran potencial dos weblogs como ferramenta no ámbito do ensino, xa que poden adaptarse a calquera disciplina, nivel educativo e metodoloxía docente. Pola claridade na exposición e abordaxe de todos os puntos, é das mellores argumentacións que temos visto.

Malia todo, nós mesmas como autoras de cadanseu blog de aula, engadiríamos outra vantaxe destes –ao noso modo de ver, e atendendo ao nivel educativo no que traballamos, das máis salientables. Un blog de aula é unha xanela que nos permite abrirnos ao exterior, nomeadamente ás familias. Fálase continuamente da participación das familias no feito educativo e da complementariedade familia-escola na tarefa educativa, pero desde o descoñecemento do discorrer do día a día da aula, isto non é posible. E tampouco se arranxa coas reunións trimestrais coas familias, nin coas titorías, nin cun día de portas abertas; iso é outra cousa. Pero si cun blog. Dedicar unhas liñas e unhas fotografías a explicar o que facemos cumpre con esa finalidade: permite facer ás familias coñecedoras do noso quefacer; fomenta o diálogo pais-fillos, favorece a estruturación temporal dos nenos/as, e axuda a que o noso traballo sexa comprendido e respectado. Para nós, unha maneira de facer escola, facilitándolle aos pais e nais información sobre as actividades e o obxectivo que se persegue; orientacións/recomendacións de lecturas, de xogos, de vídeos, de tal xeito que isto virá a reforzar a nosa tarefa. Non ocupa tanto tempo –recordade a premisa de que o que caiba nunha liña non precisa dunha redacción “estilo programación”- e os seus beneficios son moitos. A única condición precisa: non ter medo de amosar o que se fai. Ás veces recordamos aquelas sinxelas libretas que había nas portas das aulas das escolas de Reggio Emilia, nas que nunha soa folla se informaba diariamente ás familias das actividades realizadas polos seus fillos/as e dos obxectivos perseguidos. Considerábamos que iso valía máis  que entregarlles a programación anual ao comezo de curso. Pois agora temos a ferramenta para facelo. Usémola.

Nota:
1º Non vale a excusa de que os pais e nais non teñen acceso a Internet. Se nos esforzamos por comunicarlle información dos seus fillos, tede a completa seguridade de que eles tamén buscarán a maneira de aprender a ver esa información. Ao menos esa é a nosa experiencia.
2º A dificultade de manexo dun blog, tampouco debería ser un grande problema.
3º Non pretendemos abrir un debate sobre se temos a obriga de amosar o que facemos, tan só cabe preguntarse, temos que ocultalo?

EduBlogs IV Premio Espiral

In PremiArte on 06/05/2010 at 20:57

Desde fai catro anos a Asociación Espiral convoca uns premios a blogs educativos, onde se poden ver algúns interesantes. Hai distintas categorías: de alumnado, de profesorado, de asesoramento, de orientación, de bibliotecas…

Presentáronse 86 na categoría de Educación Infantil.

Estes son os que se presentaron de Galicia.

Aínda non se fallaron os premios.

E non, nós non nos presentamos.