Como apuntábamos na entrada anterior, nos centros nos que traballamos, neste momento estase preparando a visita do futuro alumnado, os nosos veciños da escola 0-3. Previamente, as mestras que en setembro se farán cargo dos novos grupos de 3 anos, irán á escola 0-3 a coñecer o contexto no que pasaron os seus primeiros anos. Como agasallo, o noso alumnado, preparoulle un cadro co poema “E ti? … vas a escola?”, de Azucena Arias Correa, recollido na publicación “O proceso de adaptación”. A finalidade é facelo chegar ás mans dos seus proxenitores co motivo de chamar a atención sobre un feito relevante na vida dos nenos e das nenas: a entrada na escola. Emocionante, de entrada na vida de “maiores”, ao tempo que pode provocarlles desacougo, ansiedade e anguria.
O primeiro contacto coa escola é determinante, en función de como este se realice terá repercusión no posterior rendemento e benestar emocional dos nenos e das nenas, tal e como expón, Heather Geddes no seu libro “El apego en el aula”, publicado en Graó.
E ti… vas á escola? AS DÚBIDAS DO PITIÑO O pitiño branco / de crista vermella / comeza hoxe a escola / do medio da eira. Intúe que a escola / é algo importante / porque no poleiro / só fan preguntarlle: -E ti?… vas á escola? / -Cando á escola irás? / -Se non vas á escola… / non aprenderás. Onte pola noite / non pechaba ollo, / estaba nervioso / con todo ese embrollo. O pitiño branco / non dorme, non soña, / faise mil preguntas / sobre iso da escola: Haberá unha mestra?, / ou un educador?, / será un sitio frío?, / fará nel calor? Que fago cando entre?, / terei que sentar? / Se non teño sitio… / poderei marchar? Alí hai moita xente… / coñecerei a alguén? / Con quen xogo se … / non coñezo a ninguén? E se quero caca / ou facer pipí… / a quen llo debo eu / comentar ou dicir? Se vou ao retrete / saberei regresar? / Quen a cremalleira / me axudará a pechar? E se cando acabe / non me veñen a buscar… / que fago? marchar? / ou porme a chorar? Estas e outras dúbidas / fanlle presentir / que iso da escola / non é para si. Cando dorme, soña / coa avoa galiña. / Que emocionada / está a probiña! -Como pasa o tempo! / Onte inda era ovo, / e hoxe o meu neto / é un alumno novo! Espertou outra vez / ás tres da mañá / e lembrou as cousas / que lle mercou papá: Un lapis, uns folios / unhas cores, un traxe… / Moitas máis cousas / que se vou de viaxe! O galo ergueuse / e chamou ao pitiño, / a pola mandou / bulir un pouquiño: -Hai que bulir un pouco, / xa pasa da hora / correde ou non chegamos / cediño á escola. Será que a escola / -pensa o pitiño- / se vai desprazando / cada minutiño? Ai que nervios teño! / Xa estamos chegando / con pitas e pitos / eu voume atopando. O pai, o galo / está preocupado…: / que fará o pito / cando estea esgotado? Se a escola é -cavila- / o mellor que hai … / por que lle treme todo / á miña bela nai? Que é iso que soa? / Que é ese timbre?… / Non entro, non quero, / as miñas ás resístense. Mamá dame bicos, / voume suxeitar, / forte, moi forte, / non me hei soltar. Chegou o momento, / xa teño que entrar, / saúdanme na porta… / isto vaime gustar. Papá e mamá / quedaron un pouquiño / por se tiña medo / de ficar soíño. … Aos poucos días / vai seguro á escola, / está pouco tempo, mais todo controla. E é que esta escola, / a escola da eira, / ten un plan de entrada / que é de primeira.