A Asociación Espiral convocou a 5ª edición dos seus premios a Edublogs, un referente a nivel estatal na promoción e uso deste recurso da web 2.0.
Establecen 3 premios por cada unha das categorías quedando contemplados os blogs dirixidos ao profesorado, ao alumnado, ao asesoramento e formación, ás asociacións de familias, as bibliotecas escolares e aos centros de profesorado. Hai unha específica para os blogs de profesorado de educación infantil.
Sempre consideramos que os blogs abriron unha nova tendencia en educación, e son sobre todo unha maneira de abrirse ao exterior.
Malia todo, a día de hoxe, cremos que hai que facer unha análise rigorosa sobre os estilos educativos que subxacen detrás de cada blog. O emprego dunha ferramenta 2.0 per se non lle imprime unha pátina innovadora a actuacións rancias e obsoletas. Nalgúns casos, é lamentable que a rede serva para espallar prácticas que deberían ser borradas do orbe educativo, e é máis lamentable aínda, que por estar asociados eses blogs a plataformas ou comunidades en rede reciban miles de visitas –nalgúns casos só para descargar unha fichiña- e que estean referenciados en webs, mesmo institucionais ou das administración educativa. Ben sei que, como na televisión non pode haber censura, é o público quen elixe, pero…