A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘innovación educativa’

II Encuentro Nacional AFrato

In FormArte on 28/04/2011 at 08:02

A Asociación Pedagógica Francesco Tonucci vén de publicar o programa do II Encuentro Nacional, “El mundo de las emociones, los sentimientos y los valores en el juego de educar”, que terá lugar en Granada os días 3, 4 e 5 de xuño de 2011.

Tan só vamos a apuntar os títulos das conferencias e quen as impartirá, con iso, cremos que xa é motivo dabondo para vérmonos alá.

-“El diccionario de los sentimientos en la escuela de hoy”, José Antonio Marina.

-“Los niños y niñas no aprenden lo que les enseñamos, nos aprenden a nosotros”, Antoni Zabala.

-“Arqueología de los sentimientos”, Miguel A. Santos Guerra.

-“Cuando el piso de abajo de la escuela huele a naranja”, Carmen Díez.

-“Una educación que siente, valora y ama”, José Mª Toro.

-“¿Cuánto vale un niño?”, Francesco Tonucci.

E outros moitos momentos interesantes nos que a Asociación AFRato presentará o Consello do Alumnado, ou outros nos que Marina, Tonucci e Zabala responderán as preguntas dos nenos/as e do público.

Advertisements

Premios, premios, premios

In PremiArte on 09/03/2011 at 09:04

No que vai de semana levamos cinco entradas referidas a premios dirixidos ao profesorado; aínda quedan moitos por saír, entre eles os “Marta Mata” ou os dos materiais dixitais do ITE –estamos a falar dos “grandes” logo hai una morea de premios, mesmo os poderíamos clasificar de primeira, de segunda e de segunda rexional …; uns dirixidos ao profesorado, outros a centros;  uns a experiencias realizadas e outros a proxectos do que se fará; uns con certificación con equiparación e outros sen ela;  uns con grandes dotacións económicas e outros nos que se participa polo recoñecemento; uns finanzados por institucións e organismos en colaboración coa administración educativa e outros independentes…, hai de todo. Cando vemos as distintas convocatorias sempre nos fixamos nalgunhas pistas, entre elas:

1º O estilo de redacción, a terminoloxía pedagóxica empregada e os temas priorizados. Hai convocatorias que ano tras ano saen igual, tan só se lle modifican as datas e volta a poñelas en circulación. Isto xa pode ser unha pista moi clara, malamente poden falar de innovación e mellora cando isto sucede. Non hai convocatoria perfecta, non hai unha que non precise un axuste cada ano, ben polos erros detectados á hora da súa aplicación, dos problemas que xorden por determinados termos, etc.

2º A adecuación á realidade; hai convocatorias que a día de hoxe teñen como requisito que as experiencias que se presenten non foran publicadas en Internet. Alguén nos podería dicir cal é a experiencia innovadora realizada nunha aula ou nun centro que non fora reseñada nun blog de aula, na web de centro… Entendemos o que é a orixinalidade e non comercialización, pero entón será preciso que na convocatoria se diga con claridade que non fora publicada a memoria, resumo ou reseña que agora se pretende presentar.

3º Se están dirixidos ao profesorado ou ao centro educativo. Dependerá do que pretenda finalmente a convocatoria. Cando teñen interese por prácticas, experiencias ou materiais innovadores –no formato que sexa- o normal é que se dirixan ao profesorado; agora ben, cando se queren modificar as dinámicas dos centros, deben dirixirse a o colectivo que integra o mesmo, nestes casos a motivación dos centros pode ir desde conseguir entrar nun grupo de escollidos, dotación económica ou recoñecemento; ao tempo, nestas convocatorias non se debería esquecer que detrás de calquera iniciativa global sempre hai unha persoa ou pequeno grupo que lidera esas actuacións, e ás que tamén deben obter algún “beneficio” –económico ou méritos- se pretenden que sexan prácticas que se consoliden.

4º Os criterios e comisión de selección de premiados. Puidera parecer que isto non ten importancia pero en función das crenzas sobre educación que teñen a as persoas que integran o xurado, pode salientarse ou desbotarse un traballo meritorio ou mediocre. Isto é a pedra angular da selección de experiencias de innovación educativa: a capacidade ou visión innovadora que teñan os membros do xurado. Lamentablemente hai que dicir que hai comisións que son unha rémora para a innovación; non se explica doutro xeito que resulten seleccionadas prácticas incoherentes coa filosofía e principios dos currículos educativos. E no caso de infantil é flagrante. Con que teñan imaxes infantilizadas, con voces infantilizadas, con planteamentos puerís, e se aparece unha mascota –parva, máis das veces- e as vogais ou as cores, os números, emparellados ou crebacabezas, xa ten todas as papeletas para ser obxecto de premio. Outras veces parece que prima o snobismo ou exotismo da actuación en cuestión. En poucas, moi poucas ocasións se seleccionan polo sentido común –un xurado sempre debe afondar ou mirar un pouco máis alá e preguntarse o valor pedagóxico real da actividade.  Ás veces vemos algúns dos premiados e cremos que serían obxecto de reclamación; pero a quen reclamarlle? Cando unha administración –nomeadamente as educativas- salienta unha experiencia, está poñéndolle a etiqueta “exemplo” para todos os demais –docentes, familias, alumnado-, non sei se serán conscientes diso, pois do contrario hai casos que non se comprenden, ni se pode entender que sexan seleccionados pola mesma administración que dita as directrices curriculares e organizativas.

5º Os requirimentos técnicos do material. Hai veces que na convocatoria se poñen tantas condicións técnicas que só catro “avanzados” poden cumprir; co agravante de que de seguro que eses “avanzados” non son os que realizan as mellores experiencias, pero como as saben empaquetar, indexar, aplicarlle os estándares LOM ou de accesibilidade, eles serán os que acaden os premios.  Para facer iso, é mellor que os promotores lle contrataran o produto a unha empresa especializada e que non convocaran premios para o profesorado.

6º As canles de difusión que empregarán para dar a coñecer os materiais ou experiencias premiadas. Que un traballo sexa premiado non é unha fin en si mesma. Cando se convoca un certame é para saber do mellor que se fai nun determinado campo, para espallalo, para dalo a coñecer, para difundilo, para que sexa imitado, copiado, adaptado… Por iso, receo moito daquelas convocatorias nas que non se di que é o que se fará cos materiais premiados.

Isto e algunha cousa máis é o que miramos cando lemos unha convocatoria de premios.  Polo que volveríamos a recomendarlle ás persoas responsables das convocatorias de premios a lectura do Informe do Grupo de traballo PREAL do que falamos unhas entradas atrás.

Agora non queda máis que animarvos a presentar aquilo que sinceramente  consideredes pode ser de utilidade para outros como exemplo de boas prácticas. Que a sorte vos acompañe e que a responsabilidade ilumine aos xurados.

III Premios María Barbeito

In PremiArte on 09/03/2011 at 09:00

Ata o 30 de xuño está aberta a convocatoria dos III Premios María Barbeito de Educación en Galicia, promovidos pola USC coa colaboración da CEOU, aos que poderán concorrer por dúas modalidades:

-Investigación Pedagóxica, arredor do coñecemento da educación en Galicia, con un premio de 1.500 €.

-Innovación e Experiencia; experiencias educativas realizadas en centros galegos que reflictan a máxima calidade global da actuación en campos como a organización escolar, a inclusividade, o tratamento da diversidade, a normalización lingüística, a innovación didáctica, o uso das TIC ou a FP; con dous premios de 1.000 € e 500€.

 

Premio Internacional Educared 2011

In PremiArte on 09/03/2011 at 08:59

O Premio Internacional Educared 2011 está dirixido a docentes e alumnado de centros escolares de todo o mundo, consistente na realización de traballos coas TIC relacionados cos temas do currículo escolar. Hai varias formas de participación: docentes con alumnado; docentes sen alumnado e laboratorio de ferramentas. Establécense 3 premios por cada categoría e modalidade de participación. O xurado poderá adxudicar tres premios especiais a aqueles traballos que destaquen por: dirixirse a alumnado con n.e.e.; polo uso de tecnoloxía móbil/celular; por tratarse de traballos de colaboración entre distintos centros a nivel nacional ou internacional.

Consta de varias fases para a súa participación; o período de inscrición está aberto entre o 1 de marzo e o 2 de maio.

A maleta de Reggio Emilia

In InformArte,RebelArte on 05/04/2010 at 22:53

Volvemos da nosa peregrinación pedagóxica a Reggio Emilia, foco de atracción de crentes noutra escola infantil mellor. Alí nos atopamos 160 profesionais da educación, deles, preto de corenta galegas e galegos: mestres, asesores de formación dos CFR e responsables de Preescolar na Casa, entre outros.

Tres días de formación intensa que nos darán ao menos entradas no blog para trinta días… Non defraudou! Vimos, escoitamos, compartimos e reflexionamos tanto que precisamos pousar un pouco e logo ir librando devagariño. Faremos unha identificación de todo o relacionado con Reggio, para que vos decatedes de que, aínda despois de medio ano, estaremos a falar do alí visto.

A primeira reflexión: despois de varios anos nos que galegos viaxan a Reggio, cando poderemos coñecer experiencias que se desenvolvan na nosa comunidade? Ou só imos para facer turismo pedagóxico?, é unha posibilidade, Italia ten atractivos dabondo para ir alí. Cando, algunha administración educativa terá a iniciativa de crear un centro de innovación educativa de referencia para toda a educación infantil? Sabemos que o de Reggio xurdiu de seu, pero tamén se podería facer xurdir, ou non? Sería moi difícil crear un centro, con profesionais seleccionados, cun liderazgo pedagóxico forte e cun respaldo da universidade e da investigación educativa que funcionara como centro de “reciclaxe” de profesorado no que a formación e innovación se refire. Sempre que comentamos isto, alguén responde que non é posible, que atenta contra os dereitos do profesorado (polo destino neste centro), que non se poden facer estes experimentos de laboratorio. Non nos convencen eses argumentos. Todo dependerá de como se cree, con que finalidade e como se estableza a provisión de plantillas… e sobre todo, de como funcione e os resultados que acade. Dalgún xeito, así foron concibidas as escolas anexas. Non nos compracería a todos contar cun centro referencial galego en educación infantil? Pódese innovar na innovación educativa e na formación do profesorado, ou débese seguir facendo o mesmo ca sempre?

Mentres tanto seguiremos indo a Italia, veremos, entusiasmarémonos, contaremos á volta e transcorrido un tempo…, nin nos lembraremos. Pois daquela haberá que volver, motivos hai dabondo: agora en Reggio empezarán a estender a experiencia á educación primaria, será bo ir a coñecer os resultados dentro de cinco anos.