Docentes, non heroes

Son das poucas que durante o confinamento non saíu aos balcóns a aplaudir aos traballadores da sanidade. Non porque non pensara que estaban a facer un bo traballo, senón porque non o considerei unha heroicidade e porque cría que era un agravio comparativo con outras moitas profesións que tamén estiveron aí facilitándonos a vida a todos os demais. De igual modo, agora nestes días previos ao inicio de curso, desagrádame que me pregunten como imos facer, coma se ir á escola fose un ir para o fronte. Non señores, os mestres e as mestras tampouco seremos heroes nin heroínas. Somos traballadores e traballadoras que temos que volver aos nosos postos de traballo nun contexto máis complexo ca antes disto.

“Hercules y la hidra de Lerna”, Bosio, 1824

Xa dicía Edgar Morin que “navegamos nun océano de incertezas entre arquipélagos de certezas”. Bo é que temos certezas: saber cal é a nosa labor fundamental. Todo o demais son as circunstancias deste mundo en permanente cambio. Teremos que adoptar protocolos, teremos que tomar medidas de prevención, teremos que asumir responsabilidades…, coma todos os traballadores e traballadoras. Agora ben, que isto non nos faga esquecer cal é a nosa función. As que sempre pensamos que a escola tiña que estar en sintonía coa sociedade, que debíamos educar en valores, que tiñamos que atender os aspectos emocionais, que a educación é unha corresponsabilidade entre familia e escola, agora chegou o momento de demostralo. Non é que teñamos que facer tarefas engadidas, senón que tocan outras, as que son froito do momento. O que sería vivir nunha burbulla é que a escola quedara ao marxe disto.

Así que non quero escoitar nin aplausos nin ler columnas de opinión ponderando aos mestres e mestras. Tan só quero sentir o respecto e ter a confianza das familias e da sociedade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s