Si calquera de nós tivera que presentarse perante unha persoa coa que vai convivir os vindeiros seis anos, de seguro que no primeiro momento non lle amosaba un informe. Con toda probabilidade falaríalle de quen é, como é, dos seus gustos, afeccións, inquedanzas e do que din outras persoas del.
Ao meu alumnado chegoulle o momento de coñecer o centro e os/as docentes cos que cursarán a Educación Primaria, así quixemos se presentaran como as persoas que son. Con tal motivo e como agasallo para os nosos anfitrións decidimos elaborar unha carta de presentación na liña do que viñemos facendo nestes tres anos: un cadro composto por 25 caixas –todas diferentes, todas de distintos formatos, dimensións, tamaño e distintos sistemas de apertura. Sendo cada unha única, logran un conxunto artístico e ademais compoñen un texto:
“Presentándonos: somos máis ca un grupo de nenas e nenos, somos 25 persoas únicas, extraordinarias, especiais, diferentes, irrepetibles, marabillosas e singulares. Así somos, somos así.”
Dentro de cada caixa unha descrición de si mesmo/a feita por cada neno e nena, unha carta dos seus familiares falando do fillo ou filla, e un autorretrato. Pouco máis se pode dicir que aporte tanta información e revele tanto sobre cada un deles.
Cando nos puxemos mans á obra, pensei que tería que ser eu quen esbozara o perfil de cada un deles. Aínda así, decidín facer unha proba en pequeno grupo e pedinlle que escribiran a súa presentación. En verdade non tiña a seguridade de que foran quen de facelo. O resultado deixoume admirada; quedei pampa cando os vin escribindo “Eu son… son moi divertido, gústanme os tractores e os camións e as patacas fritas (…)”, “Me gustan los libros sobre dinosaurios y veo Clan”, “Yo soy… soy marroquí, fui a marrocos el año pasado a ver a mi abuela, no como carne de cerdo como vosotros”, “Eu son… son moi bo rompín un brazo 2 veces e corto pinos coa motosierra e coa máquina do lombo corto herba.”, “Yo soy… como de todo y me gusta que me den abrazos”. Tan só levantaban a cabeza para pedirlle axuda aos compañeiros á hora de escribir algo que lle entrañaba algunha dificultade. Quedei emocionada e admirada. Creo que nese momento fun consciente da labor desenvolvida ao longo destes tres anos. Aquí vin un resumo de tantas lecturas, tantas conversas, tanto traballo sobre o emocional, a diversidade, a autoestima, etc.
Logo envieille unha nota ás familias na que lles explicaba o que estábamos a facer e solicitaba a súa colaboración para escribir unha carta na que presentaran ao seu fillo ou filla. O pasado luns chegaron, e foi entrañable ler o que din os pais sobre os nenos/as e ver a reacción que lles producía escoitalo e que o escoitaran todos os compañeiros. Malia que nos encantaría que vírades os textos que escribiron, cremos que entran no terreo da privacidade, porén non os publicamos.
O autorretrato complementou a presentación.
Ao tempo, cada un seleccionou a caixa que quixo e decorouna ao seu gusto. Despois chegou o momento da montaxe. Tivemos que calcular a medida do soporte que precisaríamos para poder expoñer as caixas permitindo a apertura de cada una, 70×70. Logo engadir o texto e o nome de cada un; pintar o panel, pegar as caixas con silicona. E finalmente introducir as presentacións dentro das caixas.
Feito o cadro, quixemos acompañalo dunha carta miña dirixida ao titor ou titora de primaria na que lle explico a intencionalidade deste agasallo.
Como xesto de vínculo entre a vida na escola infantil e a súa nova vida en primaria, traspasámoslle un obxecto moi querido para todos nós, o galo de Barcelos que nos anunciou o tempo todos os días, para que así siga anticipándolles se poden xogar no exterior, se poden ver o sol, se o día estará anubrado ou se choverá, e como non, que lles recorde de onde veu.
Envolvemos o agasallo, asinámolo todos e trala camiñada –fomos a pé, xa que logo non hai unha grande distancia-, entregámolo orgullosos e emocionados.
Cremos que cumprimos co noso obxectivo, que malia que son un grupo, se entenda que son a suma de infindas calidades, características, habilidades e potencialidades de 25 persoas marabillosas.
Ver presentación.
En verdade emocioneime!!! Has estar ben orgullosa!! Que sorte tiveron de que foras ti quen os acompañara nestes anos, e que sorte a túa poder gozar desas 25 fermosas persoas!! Bicos e apertas!
Grazas amiga Viqui, cando falemos xa che contarei todo o que hai detrás disto e o que me motivou a facelo. Unha aperta e grazas
Moi fermoso. Estupendo traballo, o resultado é moi bonito, pero o máis importante é o que hai detrás, cóma se ven eles, cóma os ven as súas familias… Que en Primaria teñan en conta a cada un/unha desas personas diferentes e marabillosas. Felicidades!!!
Moitas grazas compañeiros/as.