Intervención artística final: Milladoiro 11_14

Pola nosa escola pasan centos de nenos e nenas que, polo xeral, permanecen tres anos e logo marchan para iniciar a Educación Primaria noutros centros, deixando un bonito recordo que, inexorablemente, se vai esmorecendo co tempo. Emporiso, sempre nos amolaba que non quedara unha pegada física do seu paso.
Así, neste remate de curso damos inicio ao que esperamos se converta nunha tradición: o recordo de cada promoción a través dunha intervención escultórica que quede no centro.
O Milladoiro, onde está a escola, é o último paso do Camiño Portugués antes da chegada a Compostela. De feito o nome desta localidade dise que devén de:
– Da derivación de “humilladoiro”, lugar onde os peregrinos se postraban perante a visión no horizonte das torres da catedral tras un longo e dificultoso camiño.
– Hai quen di que de “miradoiro”, lugar desde onde se avistaba Compostela.
– Milladoiro de pedras onde os peregrinos desde tempos ancestrais deixaban unha pedra.
A día de hoxe, ducias de peregrinos pasan por diante do centro, e mesmo entran para selar a súa credencial, sendo para o noso alumnado algo cotiá ver pasar grupos de peregrinos a pé, a cabalo ou en bicicleta, e mesmo os saúdan con alegría. Pero poucos camiñantes saben da orixe do Milladoiro, levando a impresión de que é a típica poboación dun polígono industrial.


Na exposición “Auga doce” da Cidade de Cultura no Gaiás, quedamos engaioladas cunha escultura de Manolo Paz, “Catedrais”, unha composición de lousas, e isto resultounos inspirador para decidir o que facer como recordo de todos os nenos e nenas que pasan pola escola.

"Catedrais" de Manolo Paz
“Catedrais” de Manolo Paz

 Así que, como unha chiscadela á tradición, e como homenaxe a cada promoción, acordamos facer un “Milladoiro de nenos”.
Bo foi que nese rauto de entusiasmo decidimos poñernos mans á obra, pois de meditalo con detemento teríamos descartado a idea xa que foi preciso facer estruturas de ferro, asentalas con formigón, mercar pedra, furala, transportala, ensamblala, etc, etc.

Ver presentación

Milladoiro 11_14

O resultado para nós é magnífico. Cada neno/a puxo o seu nome nunha pedra que pasou a formar parte de unha das cinco torres milladoiro (unha por cada grupo que se vai); na base, a máis grande, a da titora; pechando, as das especialistas e apoios. Agora, cando pasen polo centro, saberán que alí pasaron tres anos da súa infancia e que son un anaco dunha escultura que simboliza tanto o nome e orixe da localidade, como o seu paso polo centro. E todos os peregrinos que pasen por diante do centro, poderán ler nun panel informativo (elaborado nunha placa de policarbonato) as orixes deste topónimo.

Unha escultura a medio camiño entre o máis ancestral (milladoiros no megalitismo) e o máis actual (rock balancing).

Como calquera pode supor, esta obra supera a capacidade operativa de InnovArte, emporiso no capítulo de agradecementos debemos mencionar a colaboración do Concello de Ames e as xestións do concelleiro de Educación; a dirección da EEI Milladoiro; e moi especialmente a  axuda do noso irmán Manolo que sempre nos apoia nas nosas “excentricidades creativas”, resolvéndonos as cuestións prácticas, xa que sen el non teríamos nin estruturas metálicas, nin pedras nin furados das pedras, nin transportes, nin solución a moitos dos problemas que nos xorden, tanto nesta ocasión coma en moitas outras.

Tras todo o traballo realizado ao longo do curso tratando de descubrir “tesouros” no Milladoiro, recantos segredos, poñendo en valor esta localidade , esta é a nosa maneira de devolverlle algo, enriquecendo a paisaxe e salientando a súa historia, tradicións e riqueza cultural.

Como dicíamos ao comezo, esperamos que sexa a primeira de moitas esculturas que engalanen a Escola Infantil Milladoiro, facendo que habitantes e camiñantes saiban  un pouco máis desta localidade, que ten moito bo que contar, malia que case sempre  sae nos medios de comunicación  no apartado de “crónica negra”.

No podríamos finalizar esta entrada sin una referencia a uno de los grupos musicales gallegos más emblemáticos, Milladoiro, con un vídeo que se acompaña de la pieza “O caminho”.

Deixar un comentario