A nosa achega á educación infantil

Agustín Fernandez Paz, o deber do profesorado galego

In InformArte on 29/06/2014 at 08:34
Agustín Fernández Paz, asínándolle un exemplar do libro a Casilda

Agustín Fernández Paz, asínándolle un exemplar do libro a Casilda

Viaxamos un ano máis á Casa Grande de Cimadevila para presenciar a entrega do Premio Trasalba 2014 a Agustín Fernández Paz. Pouco ou case nada podemos engadir ao alí dito e recollido no libro que se editou con motivo do acto e que leva por título “Na casa da esperanza”, tan só os nosos pensamentos e suposicións sobre o sentir do homenaxeado.
Certamente é moi grato ver como todos os asistentes glosan os méritos do premiado para ser distinguido cun galardón que recoñece unha traxectoria de traballo en prol de Galicia, pero a min neses casos sempre me dá por pensar o que hai detrás de dos numerosos premios, publicacións, intervencións, homenaxes, entrevistas, artigos, traducións, coordinacións editoriais, participacións en colectivos varios, etc. Con certeza absoluta podería asegurar que moitas, moitísimas horas de traballo, algunhas renuncias, uns poucos desgustos e mesmo un chisco de frustración ao ver que tanto esforzo ás veces parece non reflectirse na realidade. Daquela é cando me pregunto de que pasta están feitas estas persoas excepcionais e por que non abundan máis. Que é o que fai que sempre teñan aceso o facho da ilusión cando a inmensa maioría sucumbimos ao desánimo.
Agustín Fernandez Paz é un exemplo a ter presente. Un docente que desde a escola se implicou no fomento e consideración da nosa lingua; un mestre que se comprometeu coa renovación pedagóxica; un escritor que encheu un baleiro poñendo en valor a LIX; un persoeiro sempre disposto a participar en todos os actos nos que se requiría a súa presenza; por riba de todo, un defensor da educación pública de calidade. E en todas as súas facetas profesor, escritor, editor ou formador, non deixou de ser un home coherente cos seus principios. Isto, nos tempos que corren, non é o común. E menos aínda, levar o éxito e o recoñecemento coa humildade que o caracteriza, cando outros por moito menos parecen ser uns elixidos dos deuses.
Aproveitei para facer unha revisión do panorama actual e non atopei nin aos Susosjares, nin Finas, nin Agustines que dícía o noso amigo Francisco Castro na Laudatio referíndose a algúns dos compañeiros do homenaxeado nas batallas polo galego e pola educación. Nos tempos das redes sociais, dos colectivos virtuais, da non distancia, non hai grupos de renovación pedagóxica entusiastas como os houbo alá polos setenta e oitenta, cando, conscientes de que o cambio non caía do ceo, se dedicaron a poñer os alicerces para que o galego, a cultura galega e a pedagoxía galega foran a semente da mellora educativa e social. Hogano, case todo foi domesticado, financiado, encarreirado a través de liñas de subvención, o que acabou esganando a creatividade. Iso sábeo calquera, cando se marcan as pautas da innovación desde a administración, non hai verdadeira renovación.
Emporiso, nos alegramos tanto da elección do xurado do Premio Trasalba, distinguindo a traxectoria de Agustín Fernandez Paz, un docente que levou o seu maxisterio desde as aulas e desde a literatura abrindo novos vieiros polos que logo outros transitamos. E sobre todo, porque é un home con esa afouteza tranquila que distingue aos que deixan unha pegada que perdura ao longo dos anos. Un antídoto contra todos eses divos predicadores que arestora enchen foros latricando do que non saben, exaltando, terxiversando e portando bandeiras ou consignas que non dignifican coas súas actuacións. Grazas por valorar a honestidade profesional e persoal, tal e como sería do gusto de D. Ramón Otero Pedrayo.
Pechamos esta nosa persoal crónica da visita anual aos Chaos de Amoeiro cun parágrafo dun artigo de Otero Pedrayo, Un deber do profesorado galego, publicado en El Pueblo Gallego (16-VII-1919), do que soubemos grazas ao folleto que a organización do acto nos entregou aos asistentes, no que se recollían catro artigos relacionados coa educación, nos que se interpela ao profesorado galego, nun discurso absolutamente vixente a actual, personificado no labor de Agustín Fernández Paz.
“Mais estamos salindo fóra do tema d´istas liñas. Elas somentes se propoñen chamar a concenza do profesorado galego de tódol´os ordes pr´unha maor exempraridade do seu traballo diant´as necesidás propias de Galiza.
Pídese con elemental xustiza a incursión dos temas galegos nos programas escolares. Namentras ist´a arela non sexa conquerida o esforzo particolar pode facer moito, cuase todo, en cada cátedra. Ben mirado, a esquemática dos plans d´enseñanza soilo adequiren vidalidade c´a interpretazón e traballo do profesorado.
I-agora qu´unha Galiza coscentemente espranzada alumea nas cibdades e nas vilas i-é agardada nos agros com´unha redenzón, figura craro i-urxente o ditoso deber do que falamos. Calquera que sexan os programas oficiais o mestre ten espazo para eispricar ôs rapaces as grandes liñas da faciana xeográfeca e histórica da Galiza. Non se precisa material d´ensiñanza. Está nos montes d´hourizonte, nos ríos que debuxan o chan, no seo dos bosques, nos castros cinguidos de lendas, na portada esculturada feitucamente da igrexa, nos contos, nos refrás e nos ditos dos vellos, tan amados e simbólecos pr´a tenra intelixenza dos rapaces. As leuciós da escola deben compretar, eisaltar e cinguir c´o mundo aquela pedagoxía fonda de todol´os días do vivir e do traballo. Calquera acontecemento do día -a chegada d´un americano, a feira, a vendima – dá pé pra eispricar como son as terras i as xentes d´alén-mar, a siñificanza do comercio, o valor do traballo das viñas. E non digamos o que se pode facer c´os rapaces d´os grados superiores d´unha escola graduada. (…)

Moito se tén feito e se fai pol´o profesorado galego. Cómpre máis: un acordo intenso e fecundo pra que en todal´as enseñanzas non esteña en ningunha cátedra ausente ista grande e vidal realidade da Galiza que nos envolve e na que alentamos como unha atmósfera nosa e insustituibre. “

Con Francisco Castro, presidente de GALIX.

Con Francisco Castro, presidente de GALIX

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: