Desde que lemos na clase “O ganapán das palabras”, tiñamos ganas de coñecer a Pepe Caccamo, o escritor que facía versos inversos, reviraba as palabras ou que as miraba a través do espello, pero logo chegou ás nosas mans “Tinta de luz” e daquela xa non esperamos máis. Chamámolo, contámoslle o que nos gustaba da súa obra e el, xenerosamente, aceptou dándonos todo tipo de facilidades.
Non sabíamos ben que facer para recibilo, pero a súa tinta de luz xa nos fora brindando oportunidades de xogo coas cores. Esas ilustracións da súa irmá Berta Caccamo, reflectindo as
“cores frías e quentes, mornas, tépedas, ardentes, duribrandas, brandiduras. branquiloiro, roxipardo, grismarelo, negriazul, rosvermello e verdourado. Cores altas, branquilongas, verdifracas, griscontentas, negribaixas, roxivellas, rosanchas e pardolentas.”
deron pé a que nós tamén creáramos as nosas cores, seguindo fórmulas únicas, ás que lle deron nomes coma “rosa diamante”, “vermello piruleta” ou “gris vaquero”.
Logo, grazas á visita dunha nai, tamén lles puidemos poñer “matrícula” porque, como especialista en artes gráficas, amosounos as cartas Pantone e axudounos a identificar a denominación estándar desas nosas creacións.
Entanto, nós seguíamos a gozar con “Tinta de luz”, así soubemos das liñas paralelas que corren namoradas, do triángulo tángulo farángulo, do cadrado carbado carbón, das acompasadas liñas onduladas ou das bravas liñas quebradas…, tamén quixemos pintar o vento e a sombra do aire na herba.
Buscámolas por todas partes.
Ata que chegou Pepe Caccamo á escola e puxo todo patas arriba. Nada do pensado, nada do previsto foi adiante. El traía o seu propio plan, que por suposto superaba grandemente todo o que agardábamos del.
Como artista, creador, malabarista das palabras, coñecedor dos pequenos e das escolas infantís, soubo o que había que facer para enredalos no seu fío e levalos engaiolados e prendidos da música das súas verbas ata a hora de marchar.
Leu “Tinta de luz”, fixo brincadeiras con trapos de cociña, deixounos a idea de atrapar a tinta de luz e gardala en tarros de cristal para logo usar nas distintas escritas, coa promesa de que volvería para velas cando o chamáramos.
Agasallounos con algúns dos seus libros, dedicounos con textos en espello os que xa tiñamos…, deixounos a todos esgotados coa súa enerxía, entusiasmo, creatividade e cariño.
Lembrarémonos desta visita. Foi un momento inesquecible na nosa aula.
Mil grazas Pepe Caccamo, agardámoste lendo “Sopa de estrelas” -cuns poemas que foron escritos a petición de Bea, a súa mestra, para as nenas e nenos da EEI do Ribeiro, situada no satélite San Adrián de Cobres do planeta Vilaboa do Morrazo-, tamén ilustrados pola súa irmá Berta Caccamo.