Continuando na liña iniciada o curso pasado, cada vez que un alumno ou alumna está de aniversario celebrámolo, dun xeito diferente ao convencional, cunha elaboración plástica sobre unha páxina do xornal dese día na que seleccionaron unha nova que lles gustou.
Tralo éxito das creacións do ano anterior, que deran lugar á exposición “50 anos en 9 meses”, na reunión inicial coas familias do alumnado, facilitámoslle unha folla informativa na que se lles explicaba o modo de realización e a súa participación nesta data tan significativa na vida dos seus fillos e fillas. Aceptaron de moi bo grado e así o vimos desenvolvendo dende o comezo de curso, primeiro cos que aínda faltaban por cumprir os catro anos e agora xa cos de comezo de ano que fan cinco.
Consta de dúas partes que expoñeremos de seguido nesta entrada do blog e noutra titulada “Singularizándonos no grupo”.
Cómpre recordar que na aula temos carteis por cada mes do ano ilustradas coas fotografías dos nenos/as que naceron neles. Así imos levando a conta dos meses que faltan e dos que veñen por diante.
No día no que un neno ou nena está de aniversario, a mestra encárgase de mercar un xornal (cada vez diferente), e dedicamos un bo tempo a ler as novas que máis chaman a nosa atención, especialmente a do homenaxeado. Aquí son determinantes os gustos persoais, as fotografías das que se acompañen ou o impacto que teña esa nova nas súas vidas (ben porque a escoitaron na televisión, porque se fala dela nas casas ou porque os vincula con algo coñecido). Adoitamos ir marcando as que más lle gustan e logo finalmente elixe. Lémola con detemento, falamos sobre ela (a veces ata pode dar pé a desenvolver un pequeno traballo), e fixámonos especialmente na data que figura en cada una das páxinas. Recalcamos que o día no que el ou ela fixeron catro ou cinco anos, aconteceu iso.
Logo, para deixar unha presenza, tal e como gustamos, empregando dúas cores (unha condición que tamén impuxéramos o pasado curso), escriben o seu nome e mailo número de anos que cumpre. Aquí xogamos moito con distintas grafías para que vexan que hai variadas formas de escribir unha mesma letra ou número, procurando non ocultar a data e a nova pola que escolleu esa páxina. Unha vez seca, pasa para un cadro de cristal que lle temos reservado desde comezo de curso no que figura a súa fotografía e o texto: “Reservado para …, –/–/2017”.
Pola súa parte ás familias, pedímoslle que busquen na rede novas que sucederon no día no que naceu o seu fillo ou filla (hai páxinas web ou hemerotecas que o permiten). Temos que salientar e agradecer a colaboración que nos están a dar, preparando carteis ou composicións con esa nova que lles gusta vincular ao nacemento do neno ou nena. En función do formato, envíannola por correo electrónico ou en soporte físico, e na aula dedicámoslle un tempo a saber por que a elixiron. Unha vez coñecida tamén a gardaremos baixo a elaboración plástica realizada na clase.
En verdade dedicámoslle tempo, pero tampouco hai nada que nos impida facelo; parécenos ben interesantes as oportunidades que nos están xurdindo ao fío de cada celebración, a máis dese nexo que imos establecendo entre a vida dos pequenos e o que acontece no mundo no que viven. No xornal hai novas que nin nos van nin nos veñen, outras que lles gustan moito, páxinas que sempre atraen a súa atención (pasatempos, previsións meteorolóxicas, anuncios ou programación televisiva); en calquera caso e pouco a pouco imos sabendo como se organizan os xornais e a información que conteñen, como recollen contido tanto nos titulares, no corpo do texto, coma nas fotografías ou pés de foto. Paseniño, non é o noso obxectivo principal, iso irá calando ao longo das cando menos vinte e cinco lecturas de xornal que faremos.
Na aula coa celebración dun aniversario hai unha serie de rituais a realizar: ser o encargado nese día; tacharse da listaxe na que figura con 4 anos para anotarse na columna de 5; tomarlle a medida do pé agora con un ano máis (ver “As medras dos pés”); elixir o libro que quere que leamos ou a dramatización, canción ou baile a realizar. O día do aniversario ten que ser unha data moi especial para ese neno ou nena, algo para anhelar que chegue, algo para recordar, algo para devecer por que volva a suceder.
O importante para nós, saír dos sendeiros consumistas nos que se converten as celebracións e vinculalos coa realidade facéndoos abrirse un pouco do egocentrismo propio destas idades, e por suposto ir construíndo a súa historia, gardando recordos fermosos e deixando pegadas dos fitos importantes das súas vidas.
Emocionome con o descrito porla titora do meu fillo que non para de falar que desexa moito que sexa o dia do seu cumpleanos. Que ilusión! Encantanos esta manera de celebar o cumple no colexio, emocionome con toda a aprendisaxe, unha gran actividade. En hora boa! Saudos.