Levar ao alumnado a “pensar coa pel” é unha das constantes de InnovArte, así aproveitamos toda ocasión para desenvolver o sentido do tacto, verbalizar as sensacións que se perciben a través del e conectar esas percepcións con outras coñecidas ou gardalas na memoria para ser quen de rescatalas cando volvan a sentir algo semellante. O sentido do tacto aporta unha información inxente que sen embargo na escola reducímolo a duro/brando, quente/frío ou seco/mollado, pero hai moito máis, pensar coa pel pode ser o inicio de ricas aprendizaxes.
Este outono tan amable que permite tantos paseos e que convida a camiñar polo monte estanos a proporcionar “tesouros” diarios (follas, ramas, sementes, piñas, froitas…) que nos traen os nosos nenos e nenas, especialmente trala fin de semana ou festivos. Así fomos xuntando cantidade de anacos de cortiza das árbores, polo que pensamos en facer algo especial con elas, dedicándolle un tempo a saber máis da pel das árbores.
Tocar, sentir e poñerlle nome ao que perciben.
Comparar en función da suavidade ou aspereza.
Pesar comparando grosor e tamaño.
Sentir a calor ou o frío que emana da pel das árbores.
Coñecer outros seres vivos que habitan na cortiza das árbores.
Ver as pegadas (sucos, gretas, fendas, regañas ou cicatrices) que deixan as medras e a vida nas árbores.
Ver a estrutura da cortiza en función da variedade das árbores.
Con tal motivo fixemos unha saída a un monte próximo á escola e alí puidemos observar con lupas, medir cos brazos, tocar, palpar e abrazar as árbores, gozar correndo entre elas, así como facer calcos da súa pel.
Sempre dicimos que para pensar coa pel, a primeira condición e sacarlle o lapis e o folio das mans e deixarlles tocar de todo e sen medo.