Hortas urbanas

 

IMG_7757

De entre as suxestións que nos fixeron as familias con relación aos lugares da localidade onde había zonas de árbores, xardíns ou hortas, descubrimos a existencia dunhas hortas urbanas, que casualmente están bastante preto da escola nunha rúa na que viven dous dos nosos alumnos. Así, na planificación de rutas por O Milladoiro, contemplamos a visita ás hortas urbanas.

Poucos dos nosos pequenos e das súas familias sabían da existencia destas hortas creadas hai poucos meses polo concello, emporiso tivemos que explicar en que consisten, quen pode ter unha, e as diferenzas con respecto ás hortas das casas dos seus avós ou familiares. Demos coa ordenanza municipal, e así soubemos das 48 Hortas Municipais Sostibles e Solidarias:

-Cal era a súa finalidade: promover boas prácticas ambientais de cultivo, xestión de residuos, aforro da auga, agricultura ecolóxica, recuperación de usos e costumes da agricultura tradicional, preservación de variedades autóctonas, favorecer a integración de colectivos, mellorar a alimentación e saúde …, ou potenciar o uso educativo destas hortas.

-Quen podía ter unha horta urbana: calquera veciño de Ames maior de idade, 14% delas para persoas en situación de risco social, outro 14% para maiores de 65 anos.

-Cales eran as condicións: coidala e traballala, non comercializar os produtos, non empregar velenos nin fertilizantes químicos, non levar animais, instalar galiñeiros, facer pozos, empregar trampas para animais, malgastar a auga,  ou facer lume.

-Cultivos permitidos: plantas hortícolas e florais de tradición local, aromáticas e medicinais. Non permitidos: arbustos e froiteiras, nin transxénicos ou psicotrópicos.

-Horario: desde unha hora antes da saída do sol ata unha hora despois do solpor.

-Colaboración: préstamo de utensilios e ferramentas compartidos para o que sempre hai unha caseta onde gardalas.

Consideramos necesario facerlle saber estas condicións que fan das hortas urbanas algo bastante diferente de calquera outra horta.

Preparados, anunciada a visita ás familias (coa petición de que levaran os seus fillos para así saber eles tamén das hortas), planificada a ruta no plano, feita unha listaxe de posibles verduras e hortalizas que atoparíamos, escoitados compañeiros que acompañan aos seus pais adxudicatarios de algunha horta, puxémonos ao camiño, sendo os guías os dous nenos que viven nesa rúa.

Ver presentación

Hortas urbanas II

 Chegados ás hortas, vimos que estaban pechadas todo á volta con arame e que había un portal, alí unha das mulleres que traballaban xa nos convidou a pasar. Antes fixémoslle entrega do noso agasallo, unha placa para sinalizar as Hortas urbanas. Entre todos os que alí estaban, fóronos dando explicacións das plantacións, dos coidados, do uso de ferramentas e recursos comúns, e tivemos ocasión de comprobar todo aquilo que nós xa sabíamos das hortas.

Sendo unha actividade moi interesante desde o punto de vista didáctico, á volta á escola, recomendámoslle as demais compañeiras que adíen a visita para o mes de setembro, xa que logo, arestora os nenos/as ven as plantacións pero aínda non os froitos, que é o que mellor recoñecen.

Ao día seguinte, fixemos unha actividade sobre o que non vimos: os froitos.

Para ilo, levamos á escola 30 variedades de verduras, hortalizas e legumes, que observamos, ulimos, conversamos e clasificamos en función de se o que se come nace enriba ou baixo terra; si se lle comen as follas, os talos, os froitos, as sementes ou as raíces. Complementamos a información co “Atlas ilustrado de las verduras”, de Susaeta e con “Una cocina tan grande como un huerto”, de Michael Serres y Martin Jarrie, en Kókinos

Sabemos que esta actividade aínda pode dar moito xogo, pero hai que recordar que agora estamos a piques de pechar o curso e os nenos/as moi cansos, e que neste caso veu derivada das visitas pola contorna.

Ver presentación

Verduras e hortalizas

Aínda estando preto da escola, nós queremos insistir na idea que apuntábamos na entrada “Hortas escolares ecolóxicas”, na que falábamos da posibilidade de que os centros cederan unhas pequenas parcelas para convertelas nesas hortas urbanas das que tanto se pode aprender ao longo do ano, e tanto intercambio pode propiciar con outras persoas.

Deixar un comentario