A nosa achega á educación infantil

Rúas con nomes de árbores

In EncienciArte on 09/06/2014 at 06:57

Para nós, o traballo de coñecemento da propia contorna é previo a calquera outra saída didáctica que se poida facer co alumnado de infantil. Co cambio do tempo, de estación, da paisaxe e mesmo co gallo do mes das Letras e do Día do Medioambiente, decidímonos a coñecer un pouco máis o que temos ao noso carón.

Na localidade na que traballamos, O Milladoiro, especialmente na zona onde esta ubicada a escola, O Novo Milladoiro, as rúas, avenidas e travesías levan o nome de especies arbóreas coas que tamén engalanaron as beirarrúas. Isto é algo que lle pasa desapercibido á meirande parte da poboación. Aínda non sabemos ben se fai referencia a nomes dos agros que deron lugar ás urbanizacións ou se foi unha atinada ocorrencia de alguén, o caso é que nos gustou moito e decidimos tirar proveito diso.

Tras facérllelo saber aos rapaces (moitos, por exemplo, nin repararan que viven na rúa Palmeiras na que hai palmeiras nas rotondas, parques ou beirarrúas), buscamos nos seus enderezos familiares referencias a árbores.

Rúa Palmeiras, Rúa Figueiras, Rúa Oliveira, Rúa Xesteira, Rúa dos Cereixos, Rúa Camelias, Rúa do Buxo, Rúa das Hedras, Rúa da Pereira, Rúa Codeseira, Rúa Castiñeiras, Rúa das Espiñas …, As Mimosas ou Raíces, puxéronos na pista do que podíamos atopar. A toponimia galega está chea de referencias ao mundo vexetal.

Ver presentación.

Rúas con árbores

As procuras na rede, a consulta de catálogos de árbores e, como non, á recente publicación “Inventario das árbores” de Virginie Aladjidi e Emmanuelle Tchoukriel en Factoría K de libros, axudáronnos a recoñecer as especies que daban nome a todas esas rúas achegadas ao centro escolar. Árbores grandes ou pequenas, perennes ou caducas, froiteiras ou ornamentais, autóctonas ou foráneas, deron lugar a non poucas conversas e elucubracións arredor dos motivos dunha elección ou doutra. Tamén valoramos as vantaxes de nomear así as rúas de cara a quen non sabe ler ou non entende o escrito.

Comunicacións ás familias (escritas e no blog de clase) nas que os informábamos desta nosa nova actividade e para o que solicitábamos o seu coñecemento e colaboración, proporcionáronos moita máis información. Os pais e nais implicáronse a fondo na nosa proposta, así cada día enviábannos suxestións de “recantos segredos de árbores” que eles coñecen e aos que levaron aos seus fillos. Mesmo houbo quen nos enviou mostras da vexetación organizada por rúas. Hortas privadas, hortas urbanas, xardíns, árbores senlleiras ou exóticas …, foron algunhas das propostas que sinalaban no plano que cada neno/a levou para a súa casa e ao día seguinte compartían cos compañeiros.

Follas por rúas

Daquela comezou a planificación de paseos diarios nos que chegábamos a 2 ou 3 rúas para coñecelas e comprobar a concordancia do nome coas árbores alí plantadas (con Google Maps). Estes paseos quedaron recollidos no plano e nunha especie de caderno de viaxe, “Paseos polas rúas con árbores”, que se complementaba coas fotografías que íamos tomando, das placas co nome das rúas, das árbores, dos seus froitos, do seu estado, dos danos que se lle inflixen (lixo, excrementos de animais, pólas esgazadas, etc).

Ver presentación.

Libro paseos polas rúas con árbores

1º Día 2/06/14: “Paseo dos Plátanos”- Rúa dosCereixos- Rúa das Camelias- “Costa das Ameixeiras”.

2º Día 3/06/14: Rúa Palmeiras- Rúa do Buxo- “Aparcadoiro dos Liquidamabar”.

3º Día 4/06/14: “Paseo dos Plátanos”- “Monte dos Piñeiros”.

4º Día 5/06/14: “Paseo dos Plátanos”- “Camiño dos Eucaliptos”- “Costa das Ameixeiras”.

5º Día  /06/14: “Paseo dos Plátanos”- Hortas urbanas.

 Lugares significativos, a sinaléctica, a numeración dos edificios, a orientación e o coñecemento do lugar onde viven, son mostra do moito proveito que tiramos desta actividade.

Polo camiño, descubrimos outras rúas que non levando o nome de árbores, ben poderían levalo, así a Travesía do Porto (onde está a escola) podería ser o Paseo dos Plátanos, o Agro do Medio podería ser a Rúa dos Alfaneiros, etc. E tamén vimos outras aínda non “bautizadas” ás que perfectamente poderíamos poñerlle nome: Costa das Ameixeiras, Camiño dos Eucaliptos, Rúa das Silvas.

Coma sempre, unha cousa leva á outra, e así tratamos de saber quen decide o nome das rúas. Soubemos que se fai no Concello, polo que en vista de que hai dúas rúas novas ao carón da nosa escola que aínda non teñen placa co nome, decidimos poñérllelo nós e enviarlle a proposta á Alcaldía.

Grazas ao material co que nos agasallou unha empresa sita no Polígono do Milladoiro, elaboramos estas placas para algunhas das nosas rúas.

Puxémoslle son a esta actividade coa canción “Cos pés na terra” de Paco Nogueiras Nodar, recollida no libro CD/DVD “Brinca vai!

Carballo … cos pés na terra.
Ameneiro … cos pés na terra.
Buxo … cos pés na terra.
Se queres podes plantar.
Nogueira … cos pés na terra.
Castiñeiro … cos pés na terra.
Figueira … cos pés na terra.
Se queres podes plantar.

As conversas sobre os beneficios que nos proporcionan as árbores quedaron perfectamente resumidas coa lectura do fermoso libro “Árbores no camiño”, de Régine Raymond-García e Vanina Starkoff en OQO, que nos conta a historia de Karim que nunha visita ao mercado perde de vista á súa nai, e cando se encontran baixo un baobab cóntalle A árbore vermella deume forzas ,a palmeira deume de beber, a mangueira deume de comer, o baobab, os seus pans de mono…

Cando volve para a súa casa, a modo de despedida pregúntalle ás árbores.

—Estarás aquí cando sexa maior?–preguntou Karim.—Se ninguén me corta, estarei. —Aínda lles darás de comer aos monos? —Se ninguén me corta… —E daraslles lambonadas aos nenos? —Se ninguén me corta… Vouche contar un segredo: todo está en equilibrio…un equilibrio perfecto, pero fráxil!

 Preservar o equilibro do sistema só pode facerse desde o coñecemento real, e iso é o que intentamos facer nesta actividade.

Para rematar queremos recoller as palabras de Antoni Reyes, director do Arquivo Municipal de Blanes, que nunha charla dirixida ao alumnado sobre “El porqué de los nombres de las calles” dixo:

“El nombre de las calles refleja la manera de ver el mundo de la sociedad que les ha dado nombre, y que las calles de un pueblo son como páginas de un libro de historia”.

Gustaríanos que así fose en O Milladoiro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: