Está aberto o prazo para a solicitude do programa Voz Natura para o vindeiro curso 2014/15, centrándose nesta ocasión na creación de hortas ecolóxicas. Como non podía ser doutro xeito, aplaudimos a proposta, agora ben, tomar esta decisión debe ser algo ben meditado, xa que logo coñecemos moitos centros nos que se decidiu contar cunha horta ou xardín e mantívose mentres durou o entusiasmo ou mentres permaneceu alí a persoa que o dinamizaba. Coma case todos os proxectos escolares, detrás de cada un deles hai unha persoa que lle dedica horas e esforzo e os demais déixanse ir. Ademais, o calendario vexetal non adoita coincidir co calendario escolar, supoñendo sempre un problema o coidado das plantas nos períodos vacacionais.
Emporiso, nós, apostaríamos por unha combinación entre as hortas urbanas e as hortas escolares.
A día de hoxe en case todas as vilas se dedicaron terreos para o cultivo por por parte de todo tipo de colectivos: xubilados, persoas con discapacidade, mulleres…, sendo esa para nós unha das mellores opcións, unha horta compartida, ben nos terreos escolares, municipais, comunais ou mesmo privados no caso dalgunha cesión para a súa explotación. Entendemos que con nenos/as de infantil non pode ser doutro xeito, sendo esta ademais unha maneira de cooperación que produciría algo máis ca froitos ou hortalizas.
Un grupo de pequenos pode ir un día a sementar, a plantar, a regar, a sachar, ou a ver a medra das plantas, agora ben, sen outro tipo de axuda, sería moi dificultoso soster a horta ao longo do tempo. Pero concibidas como espazo de colaboración pode ser unha fonte inesgotable de aprendizaxes e de vivencias.
Facilitámoslle aos interesados dúas publicacións sobre os requirimentos dunha horta escolar:
-“El huerto escolar ecológico”, de Montse Escutia, publicado por Graó en 2009.
-“Huerto escolar”, unha iniciativa da administración autonómica do País Vasco de 1998.
e unhas ligazóns sobre hortas urbanas ou iniciativas como a da vila inglesa de Todmorten no que converteron todos os espazos públicos en hortas logrando así un “pobo comestible” autosuficiente alimentariamente e onde educación e sociedade van da man en prol da sustentabilidade, así como no fomento de hábitos alimentarios saudables.