Os encontros con autores sempre son ocasión excepcional para que os pequenos poidan poñerlle cara a quen escribe os libros que nos fascinan nun determinado momento. Ver que detrás de cada conto hai sempre unha historia fai que lle collan máis cariño.
Desde que tivemos nas mans “O branco non pinta !”, xa quedaramos con Antía Otero nun encontro na nosa aula; así dende a volta de vacacións de Nadal andabamos a darlle voltas a como faríamos a recepción da autora dese libro que tanto nos puxera a cabeza a bulir. Nós que neste curso estamos a pintar cadros sen pintura e a escribir sen lapis, queríamos amosarlle que o branco, a máis de complementar, contrastar ou mesturar con outras cores, tamén pode ser a cor protagonista dunha obra de arte e aínda así ter posibilidade expresiva de seu. Non é unha descuberta nosa, a máis de Malévich, son moitos os artistas que pintaron cadros empregando só a cor branca e con todo lograron transmitir unha idea que subxuga a quen os admira. Nesta reseña que leva por título “Antología del lienzo vacío” soubemos de artistas que pintaron en branco: Alphonse Allais, Robert Rauschenberg, Li Yuan-Chia, Agnès Martin ou Robert Ryman entre outros dos ligados ao expresionismo abstracto.

Pero a nós non nos interesaba tanto explorar as posibilidades artísticas do branco coma coñecer á nai da nena que se decepciona porque “o branco non pinta”; a quen lle amosa a Mara como o branco é a cor máis fermosa. Hai que dicir que o vídeo co que se presenta o libro, recolle fielmente o desconcerto dos pequenos cando descobren que o branco sobre papel branco case non se aprecia. O noso alumnado identificouse totalmente con Mara e quixeron coñecer a súa nai para con ela poñer os anteollos para detectar a presenza do branco no mundo.
Ben sabido é que coidamos moito a recepción das persoas que teñen a xentileza de vir a compartir un anaco do seu tempo e do seu saber con nós e que queremos que sexa un ritual pero personalizado e diferente para cada un dos convidados así, puxémonos a preparar a acollida de Antía Otero pensando como podíamos mostrarlle o noso agradecemento. Unha exposición de obras en branco, o catálogo da mesma para levarlle a Mara e un biscoito branco, comida de anxos, para celebrar o encontro foi a nosa elección.
Nos días previos quixeron coñecer a Antía, se era alta, loura, morena, nova o vella… e cando viron fotografías dixeron que parecía unha bailarina ou fada con sorriso doce e permanente. Así, cando por fin a viron en persoa xa a trataron como unha amiga á que levaron polo colexio amosándolle aquilo do que se senten máis orgullosos, convidárona á petiscar con nós e logo escoitaron a historia contada coa súa voz o que fai que sexa aínda máis fermosa. A explicación do proceso de creación das súas obras con pintura chorreada directamente do bote ao lenzo, os títulos elixidos para eles, a montaxe do catálogo e a rápida decisión de poñer os autocolantes cos que nos agasallou sobre os mesmos cadros, fixeron que voara o tempo ata o momento da despedida.
Coma sempre, non podemos máis ca agradecer que haxa persoas que queiran partillar cos nenos e nenas de igual a igual, escoitando as súas ideas e deprendendo os uns dos outros.
Mil grazas a Antía Otero, a María Brenn, a Mara, a Apiario, e a Dores Tembrás por deixar en nós unha rica experiencia de vida, desas que nos gustan, desas que lembraremos por moito tempo.
Ver todo o proceso.