Pegadas indelebles


img_4215

Nestes días de xeadas, co perigo de esvarar polo patio do colexio, reparamos nas solas dos zapatos, nomeadamente naquelas que son as máis axeitadas para evitar escorregar. Así descubrimos a variedade de gravados e de relevos que hai no seu calzado. Tras tocalas e apreciar co tacto a súa rugosidade ou suavidade, vimos algunhas tan vistosas que decidimos facer un calco con ceras brandas. Ao tempo fomos atendendo a que botas diferentes poden ter solas iguais ou viceversa. Pé dereito, pé esquerdo, tamaños, contornos, plantas, talóns, etc, foron moitas das descubertas desa mañá.

Deseguido fixemos un traballo de creatividade: cadaquén pensou que pegadas lle gustaría ir escribindo polo chan, na neve, na area ou no barro, asunto complicado cando algúns decidiron que a solas de cada pé serían diferentes; daquela, que escrita irían deixando as súas pegadas.

Pero isto non rematou aí, continuamos pensando nas pegadas dos animais e nas das cousas. Sempre nos sorprende a súa capacidade de observación: as pegadas do po, as que deixamos no bafo das cristaleiras, no chan despois de fregalo, as dos avións no ceo ou as dos barcos no mar. Pegadas efémeras ou indelebles que deixan a súa escrita.

img_4216

Nada máis que unha actividade ao fío da realidade que se prolonga nun traballo de pensamento, imaxinación e creatividade.

Deixar un comentario