Concellos e éxitos na educación

O Premio de Pedagoxía Marta Mata 2016 estanos a dar moitas máis alegrías das que podíamos imaxinar, así  o concello de Ames, no que traballamos, tivo a ben homenaxearnos cun recoñecemento público da corporación municipal pola obtención deste prezado galardón educativo. Calquera pode imaxinar o que iso supuxo para nós e para a nosa familia, xa que logo é o lugar no que nacemos e vivimos.

Con todo, o que nos pareceu máis salientable foi esa sensibilidade de cara aos éxitos educativos que acontecen no concello, algo que tamén percibimos co recoñecemento que se lle fixo aos estudantes gañadores de diversos premios ao esforzo académico. Dicimos que un concello que se gaba desas conquistas vai no bo camiño, porque os éxitos educativos son éxitos da sociedade e da cidadanía.

Nós aprendemos a facer escola nun concello que deixou unha fonda pegada en nós, Muros. Tivemos a sorte de que ao comezo da nosa andaina profesional chegamos a un lugar onde cada mes nos reuníamos todos os directores dos centros educativos do concello e todas as responsables das escolas infantís unitarias, de modo que había un coñecemento común do que estaba a acontecer nos diferentes niveis educativos. Todo isto debíase ao bo facer da técnico municipal de educación, Madó Santos Maneiro e á actitude construtiva dos representantes educativos das diferentes formacións políticas. Isto que case parece de ciencia ficción, alí era unha realidade. Haberá quen diga que era froito do momento e do perfil profesional dos integrantes, é posible; pero sería o desexable entroques de ser un lugar onde lanzarse acusacións e reproches totalmente condicionados pola política e alleos ao interese educativo.

Foto de David Santomil.

Os tempos foron mudando e non é o mesmo traballar nun concello pequeno coma nun concello coma Ames, así ás veces sentimos mágoa de que se estean a facer tantas cousas nas escolas e nos concellos e que sen embargo non saben as unhas das outras, ou chocan entre elas. Emporiso, nas nosas palabras de agradecemento, fieis ao noso estilo, non puidemos desaproveitar a ocasión para facerlle dous apuntamentos á corporación municipal co ánimo de suscitar unha reflexión.

Aquí deixamos o texto completo da recepcion-na-casa-do-concello-de-ames-18 e un corte deses dos puntos.

Así, na nosa liña, van permitirnos que aproveitando o auditorio lles fagamos dous apuntamentos con respecto ao papel dos concellos na educación.

1º Estamos convencidas de que a calidade das nosas escolas pode ser un motor de dinamización dun lugar, dunha bisbarra ou dunha rexión. Hai experiencias escolares que colocan ás súas vilas nos mapas pedagóxicos, e créannos se lle dicimos que aló onde imos nós falamos dos centros amienses como prototípicos do amplo espectro social que se pode atopar na escola pública galega, dispensándolle unha educación de elevadísima calidade a todos os nenos e nenas. E iso, señores representantes dos grupos políticos dálle creto a un lugar. Aquí aínda temos que crelo, pero pensen por un intre en tantos sitios onde a xente elixe o distrito onde vivir en función da calidade das súas escolas. Pensen en concellos como Pamplona, Reggio Emilia, Trento, Pistoia ou Budapest a onde “peregrinamos” os mestres para poder coñecer as súas escolas, facendo que este “turismo pedagóxico” sexa motivo de orgullo e de riqueza para os seus habitantes.

Vostedes téñeno. En Ames hai bos centros, bos docentes, boa calidade educativa e máis ensinantes por metro cadrado que en ningún outro lugar. Aprovéiteno.

2º A calidade houbo tempos nos que ía asociada á cantidade, hoxe en día non, porén ao mellor non fai falla ter tanto de todo senón pouco, bo e coherente. Indo ao que nos ocupa, nas últimas décadas afloraron todo tipo de actividades extraescolares para ocupar aos cativos, e hai abondas, mesmo de máis, así estamos sobrestimulándoos. Os nenos e nenas, precisan descanso, serenidade, escoita e mesmo tempo para aburrirse, quédalles moita vida por diante, así que sexan vostedes un concello pioneiro e déanlle unha volta a todo iso devolvéndolle a tranquilidade aos cativos. Durmir unha sesta, dar un paseo polo monte, escoitar os paxaros, ler un libro á beira dos nosos ríos, andar en bicicleta, pode ser tanto máis beneficioso para eles que os hinchables, festas, actuacións, contacontos e foliadas varias cos que os temos entolecidos vulnerando todos os seus dereitos e todos os principios educativos. Se hoxe formulásemos unha aposta ou desexo, diríalles que os vinculen coa natureza. O noso Val da Maía ten de todo canto a biodiversidade, cultura e tradicións, non precisamos máis que achegar os nenos e nenas a elas. Fagan un concello que mire cara a infancia, evitando solapamentos, inferencias, intromisións, e sobre todo o hiperactivismo sensentido que invade a vida dos pequenos e pequenas. Fagan coma algúns concellos avanzados, creen unha comisión de persoas expertas na infancia que se pregunten e opinen sobre todo cando se lles ofrece aos pequenos, valorando a súa idoneidade. Hai xente válida dabondo. Aprovéiteno.

Foto de Isabel Ab.

 Vaia desde aquí o noso agradecemento e o noso ofrecemento a colaborar en todo aquilo que poida supoñer unha mellora á calidade educativa das nosas escolas e do noso concello.

2 Comments

  1. Parabéns polo premio e parabéns por ese, xusto e merecido, recoñecemento público. Eu tampouco entendo que esta sociedade non coide os seus tesouros dunha maneira máis activa, e que, no canto de confluír os esforzos, como moito (e xa no mellor dos escenarios) vaian por camiños paralelos. É unha mágoa que non se aproveiten os recursos humanos que existen para mirar polo ben común. E tamén o é que o ocio que se potencia ao final non sexa o máis atinado nin o máis “san” para a vida familiar nin para os pequenos e as pequenas.
    Talvez a solución é ben complicada nos tempos que estamos vivindo, pero agradécense os pequenos xestos en que se mostre que, polo menos, se comeza a ser consciente e a ter vontade de mellorar o que hai.
    (aínda que son escéptica, non podo deixar de selo, vendo que se vai escribindo coa man e borrándose co cóbado…)
    De calquera xeito. Oxalá o orgullo polo labor ben feito por parte dos centros escolares, as bibliotecas, as asociacións culturais, as asociacións veciñais… se estenda coma un fermoso virus.
    Parabéns ás dúas por sementar no concello e por buscar ese ben común que nos afecta a todos e a todas.

    1. Benprezada Luz, non sabemos como agradecer a túas palabras cheas de afecto e de sentido ao tempo que tamén de preocupación polo que se está a ver. Nós, a onde nos convidan, imos a facer a nosa achega, emporiso agradecemos moito que o concello de Ames tivera a ben facernos este recoñecemento público e como mostra de gratitude deixámoslle eses dous apuntamentos co ánimo de mellorar a calidade da atención que se lle está a dispensar á infancia. Como as imos a repetir moitas veces, algo quedará. Agora, cando botamos a vista atrás, cousas que dicíamos no 2010 que parecían exhabruptos, por romper coas dinámicas establecidas, agora xa aparecen con máis frecuencia nos debates. Cremos que imos deixando un chisco de nós aló por onde imos, e polo de agora, amizades e seguidores do blog dádesnos azos para seguir. Mil grazas coma sempre. Volveremos a atoparnos ou mandarémonos recados. Apertas

Deixar un comentario