A nosa achega á educación infantil

Día das Letras Galegas?

In RebelArte on 29/04/2010 at 19:17

Sabedes que? Que estou un pouco farta de ver no que se converteu a celebración das Letras Galegas. Ben sei que o que estou a dicir é un “sacrilexio”, pero certamente, non me gusta. Dedicar un día, ou dous, ou unha semana ás letras galegas paréceme un pouco forzado en calquera nivel educativo; nalgúns aínda ten un pase, pero na educación infantil, con nenos e nenas de tres anos, non lle atopo sentido.

A celebración das Letras Galegas iniciouse en 1963 a instancia da Real Academia Galega, coa finalidade de homenaxear a aquelas persoas que destacaron pola súa defensa da lingua e da cultura galega, sendo condición que pasaran máis de dez anos do seu pasamento. Na Comunidade Autónoma Galega ten o carácter de día festivo e aparece no calendario escolar como data de celebración. O groso do traballo dalgúns equipos de normalización dos centros xira basicamente sobre esa celebración, que finalmente se fai de modo moi similar en todos: un sinfín de actividades que case fan aborrecer o nome do homenaxeado, e cando pasa, xa nin se recorda nunca máis. En iso se converteu.

Invítovos a facer unha cousa: preguntádelle aos vosos alumnos e alumnas pequenos en que idioma falan; en que idioma falan o seu pai e a súa nai; en cal fala Bob Esponja; en cal falan as distintas mestras que pasan pola clase, e veredes… Non o saben. Saben que falamos distinto, pero non distinguen o que é galego do que é castelán. Tamén vos preguntaredes vós, e por que non llo preguntaches ata o de agora?, pois por iso da convivencia harmónica das dúas linguas. Como na clase pasamos indistintamente do galego ao castelán e nos diriximos a eles en galego ou en castelán, por isto da lingua materna, e da lingua vehicular, ao mellor non lles facemos ver cando o facemos nunha lingua ou noutra, malia que logramos facernos entender nas dúas linguas. Eu léolle todos os días contos, en galego ou en castelán. E entendémonos, iso é marabilloso. Poida que o faga máis en galego. Seguro. Porque non nos enganemos nin sexamos hipócritas, aínda que a normativa marque fifty-fifty, ou 60-40, ou 30-70, ou a porcentaxe que sexa, na clase fálase maioritariamente a lingua que fala o/a mestre/a. E punto. Aí radica a nosa responsabilidade. Prodixiosamente os nenos terán comprensión nunha lingua ou noutra e incluso expresión; pero empregarán aquela na que se dirixan a eles nas súas casas. Ollo!, na que se dirixan a eles na casa, non na que se fala na casa. Ás veces coincide. E que lingua falan na casa?, xeralmente a do contexto. E que lingua se fala no contexto?… Xa non sigo. Deberían continuar con esta batería de preguntas – que xa teñen resposta en moitos estudos, ou no PXNL- aquelas persoas que pensan que o conflito lingüístico hai que dirimilo nos centros educativos.

Creo que derivei moito. Estábamos co forzado de traballar nas aulas a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Pódese facer? Poder, pode, oh; e logo non lles falamos de dinosauros e do voo das bolboretas monarca? Todo se pode facer. E eles, coitadiños, moitas veces responden porque saben que con iso nos están agradando. Polo tanto, que toca recitar un poema de Uxío Novoneyra?, pois farase. Que aproveitamos e coñecemos o Caurel; fantástico, Turgalicia agradeceránolo. Pero, en realidade que estamos facendo polas nosas letras?; que repercusión ten iso sobre o coñecemento da nosa lingua e da nosa cultura? Ao meu modo de ver, en infantil, ningunha.

Malia que nos esforcemos moito en buscar o poema máis sinxelo para infantil, ou conto, ou o que sexa do homenaxeado. Son autores que, ata o de agora, ningún deles se dedicou ao público infantil; é máis en moitos casos, o seu campo de traballo é bastante lonxano dos nenos e nenas. Entón, por que nos empeñamos no sen sentido? Isto lévanos a situacións ridículas. Hai moitos anos, non lembro o nome do autor homenaxeado – case mellor-, pero si que a súa obra era bastante “árida”, excepto unha receita que escribira sobre as papas de arroz. Podedes crer que aquel home que tanto fixera pola lingua, acabou sendo coñecido entre os rapaces de infantil –e as súas familias-, polas papas de arroz? E non era isto o que pretendía a RAG cando instaurou o Día das Letras Galegas, verdade?

Apelo ao sentidiño común. Creo que se pode facer moito pola nosa lingua e pola nosa cultura nas aulas de infantil, sen caer na estulticia. Lendo, coñecendo, descubrindo, achegándonos cada día á obra de escritores, ilustradores galegos que escriben en lingua galega para nenos e nenas. E sobre todo, falándoa. Polo de agora creo que é homenaxe dabondo para a nosa lingua. Se isto se fai ben, xa chegará o momento no que coñezan ou descubran a obra de Uxío Novoneyra e doutros moitos.

Nota: Como sempre estamos en actitude de aprender, convídovos a que se tedes algunha proposta axeitada para traballar o autor homenaxeado en 3-6, nola fagades chegar. Aviso para navegantes: absterse de enviar actividades do tipo, buscar nunha sopa de letras o nome “Uxío”; ou repasar os puntos ata completar a cara de Novoneyra; ou contos estilo “El pequeño Uxío Novoneyra”; e de recitados-forzados cos nenos, xa nin falar!!!

Advertisements
  1. Creo que se pode dicir máis alto, pero non mellor. E é unha mágoa, porque debería de ser unha das grandes citas nas que concentrar a mellor e máis imaxinativa das nosas propostas. Eu levo anos fartiño, si. No caso do que comentas sobre EI, pois claro, sentidiño común, como ti dis. Non é nada agradable ver que unha grande iniciativa como foi instituir esta data caia no sensentido máis absoluto. O dito: coido que asino todas e cada unha das palabras deste post.

    • Francisco, non sabes como che agradecemos o comentario, porque no seu momento, cando o publicamos, provocou malestar entre algunhas compañeiras. Xa sabes sempre hai quen malinterpreta calquera cousa que dis. Non queríamos dicir que non estivéramos de acordo con actividades de fomento da lingua e da cultura galega, tan só que non todo é valido; o mesmo que cando cuestionamos algunhas das prácticas que se levan a cabo nas escolas sustentadas ben nun tradicionalismo e continuismo de carácter folclorizante, ou ben nun esnobismo tecnolóxico que en ningún dos casos aporta relevancia ás aprendizaxes dos nenos e das nenas nin ao obxectivo pretendido. Seguimos mantendo a mesma opinión, máxime cando vin algunhas das propostas institucionais ou “institucionalizadas” dalgúns grupos que se constitúen como referentes nesta celebración. Unha mágoa, porque a intención ninguén dubida que sexa boa, pero as propostas son lamentables desde o punto de vista didáctico e do do fomento do coñecemento da nosa riqueza cultural. Na vindeira semana publicaremos unha nova reflexión sobre isto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: