A nosa achega á educación infantil

Xiqui Xoque, fiú, fiú! de María Fumaça

In MusicArte on 27/05/2014 at 06:00

En rara ocasión reseñamos un libro infantil en InnovArte sen antes “probalo” co noso alumnado, pero para nós, a verdadeira “proba do algodón” é que pase a valoración do noso xurado particular e independente: a dos nosos sobriños/as. Casilda (10), Julia (4) e Manuel (2) sempre nos din o que pensan, eles non se ven na obriga de agradarnos, e con total sinceridade aplauden ou rexeitan un libro, sendo para nós fundamental contar coa súa opinión. E polo de agora case nunca fallaron canto ao éxito que pode ter entre o público miúdo.
Cando o curso pasado as levamos á presentación e escoitaron o CD María Fumaça, fixéronse fans devotas e espalladoras do proxecto (para nós María Fumaça é unha historia e o proxecto de vida dunha familia). Caeron rendidas perante os videoclips e diferentes ritmos de “Bailaches, Carolina?”, “Bananaphone”, “Que é o que ten a sopa do nené?”, “Alegría”, “Fun ao mercado”, “Tem pouca diferença”, e outras moitas. E sobre todo, decatáronse de que María Fumaça é o agasallo que lle fai unha familia especial a un neno especial, Ruí, que sempre está presente en todas as cancións.
Agora recibiron con ilusión a segunda entrega, que leva por título Xiqui Xoque, Fiú Fiú!, que no seu limiar nos recorda o obxectivo de facer público este proxecto no que colaboran diversos músicos, artistas, nenos e nenas, amigos e amigas de María Fumaça:
Fiuuuuú! Partimos de novo! Velaquí outra vez a locomotora da alegría coas máquinas de vapor preparadas para novas risas e aventuras. María Fumaça ten o cumbustible preciso para atravesar vales e montañas: o voso alento. (…)
Por iso, esta nova aventura, ademáis de divertirnos, móvenos e conmóvenos ata facernos capaces de imaxinar un mundo sen barreiras físicas e mentais, no que as discapacidades sexan unhas das moitas diferenzas máis que enriquecen a nosa vida e o noso planeta, sentirémonos afortunados e ditosos coa sensación grata da misión cumprida. Sabedes cal é o noso gran segredo? O máxico canto de Ruí.
Subir a María Fumaça supón sumar a vosa voz á de Ruí. Queremos o voso apoio para conseguir a dignidade, os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades, ata lograr a súa integración en todos os aspectos da vida.
Emporiso queremos recomendar este libro CD e aconsellar que se lle conte ao alumnado que é o que hai detrás das músicas e dos vídeos. Hai que facerlle saber por que motivo algunhas cancións se cantan con lingua de signos. Teñen que saber que, malia as diferenzas, Ruí tamén pode cantar -“O canto de Ruí”-, emocionarse cos outros nenos cando lle din “Oh, Ruí, Ruí, cólleme a lúa”, ou alegrarse coa celebración do seu aniversario en “Parabéns, Ruí”.
María Fumaça é moito máis ca un libro CD, é unha aposta pola normalización da vida de todas as persoas.
Boa viaxe!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: