Aló polo outono xurdiunos o problema de representar plasticamente o vento. Foi trala lectura do poema “Ese vento” de Ana Mª Fernández, recollido no libro Versos da tarde laranxa publicado en Galaxia e dende aquela andabamos a darlle voltas. Buscamos inspiración na obra de artistas e ilustradores, pedimos axuda a outras persoas, pero non acababa de satisfacernos.
Ese vento/que fala en asubío./Ese vento/que ole a pel de esquío./Ese vento/que as follas ergue e deita./ Ese vento/que a xente trae dereita./Ese vento/que vén devagariño./Ese vento/que sopra no camiño./Ese vento que nace nas montañas./Ese vento/xa fala das castañas.
De onde vén o vento?, onde nace?, onde se agocha cando desaparece?, de que está feito?, estas e outras moitas preguntas xurdiron ao fío dos nosos debates, motivo polo que tivemos que buscar información, o que nos tivo ocupados por longo tempo. Ben é certo que logo sucedéronse outras actividades e deixamos o asunto a repousar un pouco, ata que agora á volta de vacacións, xa metidos de cheo no inverno, o vento era outra cousa ben diferente, tiña outra cor, outra temperatura e outro temperamento. Xa non nos acaricia, aguillóanos; xa non trae o recendo das castañas, só ule a frío; xa non é de cores cálidas, é dun branco borrallento; xa non xoga con nós, empúrranos. Con todo, o noso maior problema era representar o movemento dos seus refachos de vento, a súa friaxe e matices dentro do branco da néboa e da xeada.
Noutras entradas do blog temos amosado como gustamos de actividades como son o recordado, enrolado e pregado de papel, das que non é preciso abundar nas súas vantaxes canto a coordinación motriz, malia que nos últimos tempos foron moi deostadas na escola infantil. Froito de moitos deses traballos e con outros moitos elementos de refugallo fomos facendo a nosa interpretación do inverno, para máis tarde, cada neno e nena elaborar a súa propia, así como poñerlle un título.
Cando abrimos portas e xanelas, a corrente de aire crea ese efecto de movemento que tanto buscabamos, ás veces ata lle poñemos un ventilador e música de fondo (sons do vento na natureza) e daquela estamos totalmente satisfeitos. Con todo, é posible que aínda lle deamos outra volta.
Maneiras de representar o que sentimos, maneiras de sentir co que representamos.