Desde que no mes de xuño coñecemos a “O Peizoque Roque” andábamos dándolle voltas para desenvolver unha algunha experiencia centrada neste fermosísimo libro de Dores Tembrás que nos fala dun pequeno paporroibo que devece polas palabras, poemas e lindos versos.
E así vai pedíndolle aos distintos animais cos que se atopa palabras longas coma un río, palabras que collan nun saco, palabras que o estarrezan, palabras para soñar ou palabras que dean calor, ata que de volta ao niño, as comparte cos seus irmáns e así
O peizoque canso / reconta feliz / as palabras todas / antes de ir durmir.Unha compañeira préstanos dous niños abandonados polos seus habitantes, polo que buscamos información na rede, así descubrimos que este peizoque adoita facer os niños con forma de prato nas silveiras con follas, ramiñas e raíces, fai a posta de ovos alá polo mes de marzo, que se alimenta de vermes ou insectos e agora no inverno de baias. Escoitamos o seu canto e mailos seus nomes noutras linguas que sempre aluden ao seu característico peito roibo (petirrojo, paporrubio). Soubemos que é habitual que agora no outono baixen doutras latitudes máis frías e que é moi confiado cos humanos de tal xeito que é un dos paxaros máis fáciles de atraer para comedeiros e caixas-niño.
Retomando a historia de Roque, acordamos facerlle un niño especial na aula, un niño que iremos enchendo de palabras ao longo desta temporada para na primavera ofrecérllelo como lugar para aniñar, para poñer ovos e para criar aos seus fillos entre palabras poemas e lindos versos. Daquela pedirémoslle á súa autora, Dores Tembrás, e ao ilustrador, Xosé Tomás, que nos traigan ao Peizoque Roque para ver se lle gusta o lugar para quedar.
O niño será un lugar simbólico no que iremos gardando os coñecementos adquiridos, algo que se irá construíndo co tempo e coas vivencias da clase. Axudaranos a decatarnos do paso do tempo e das nosas aprendizaxes. Algo presente, para o que tamén pediremos a colaboración das familias e doutras especialistas que interveñen co alumnado, así, por exemplo, xa fomos xuntando tamén palabras en inglés. Ata pode ser que con algunhas lle fagamos lindos versos.
Esperaremos a ver se o Peizoque Roque considera a posibilidade de vir con nós.
![]() |
Niño de palabras do Peizoque Roque |
paréceme unha iniciativa marabillosa!
un niño para que as nenas mailos nenos acubillen palabras lindas e, despois,
ofrecerllas a un paporroibo… e non a un calquera: ao peizoque de Dores!
Grazas Zeltia, nós tamén estamos moi ilusionadas coa proposta. Esperamos estar á altura do peizoque para saber darlle o que precisa, lindas palabras e poemas, e ver se así quere aniñar na nosa escola. Un saúdo