Adoitamos dicir que para vincular os pequenos coa realidade non hai nada mellor ca abrir as portas da escola a todo o que a sociedade e a contorna nos brindan; iso si, coa única condición de que solten o as consabidas fichas. Tocar, apalpar, ulir, escoitar, observar…, son os pasos previos que darán lugar a un monllo de actividades que calquera poder circunscribir aos obxectivos e contidos da etapa.
A primavera cos seus froitos sempre nos dá unha chea de ocasións de aprender, mostra diso é o que nos sucedeu cando unha nai nos dixo que ao seu fillo do que máis lle estaba a gustar nestes días era debullar chícharos, algo que quería compartir cos seus compañeiros e compañeiras.
Chegou cunha saca chea de chícharos, e xa nos amosou como diferenciar os que estaban cheos dos que estaban aínda pequechos; el facíao tanto polo tacto como polo seu renxer ao apretalos. Medir, comparar, contar, pesar, facer estimacións, observar como é cada gran, saborear o doces que son os máis tenros, saber de como nacen da semente que é o mesmo que se come, das súas variedades e ata de cancións populares, alimentación, preparacións todo isto foi o que os chícharos nos brindaron.
Retamos a quen queira a que nos demostre que cunha ficha ou cunha aplicación informática se pode facer o mesmo. O máis sinxelo sempre dá máis xogo educativo ca calquera requintado material didáctico.
Queremos insistir nisto, agora que todas as editoriais andan a presentar os seus inxentes lotes de fichas para infantil, tanto para 3-6 coma para 0-3, algo que nos ten absolutamente perplexas: meniños e meniñas que aínda toman biberón xa teñen material estandarizado para ir á escola! Pero de que valen tantos cursos, tantas publicacións, tantas experiencias respetuosas cos seus intereses e coa súa neurobioloxía. Isto é inaudito! Onde temos a cabeza as persoas que nos dedicamos á educación da infancia?