A nosa achega á educación infantil

Mimadriña: unha barquiña no mar, o mar nunha barquiña

In CativArte on 09/01/2015 at 07:46

Días antes das vacacións recibimos a Mimadriña no noso centro. Era unha visita acariñada e esperada desde había tempo, pero por mor dos seus compromisos e da nosa planificación non fora posible antes. Adiamos ata o de agora o relato desta ocasión porque daquela había tal saturación de actividades que temíamos non recibira a atención que se merece.
Xa temos falado con anterioridade do traballo que desenvolve Palmira, unha moza de Sardiñeiro, relacionado coa creatividade e coa defensa do patrimonio natural e cultural da Costa da Morte, así temos convidado a entrar no seu web ou Facebook para seguila en moitas das súas andainas creadoras, nos obradoiros que desenvolve con nenos e maiores reflexo do seu mundo interior e exterior.
Dicir de Mimadriña que fai barquiñas é un reducionismo ou unha etiquetaxe inexacta, porque se ben fai figuriñas de origami coas que realiza unhas intervencións marabillosas, é moito máis. Mimadriña é unha barquiña no mar, o mar nunha barquiña. Unha visita de Palmira dá para abrir unha vía de traballo para todo un trimestre ou un curso enteiro, tal e como nos sucedeu a nós. Deixounos tantas portas abertas tralas que xa daquela tomamos nota de moitas das cousas que ía apuntando e que espertaban a curiosidade do alumnado.


A súa posta en escena é coidada e espectacular. Non esqueceremos aquel 16 de decembro cando chegamos ao centro ao abrente do día, aínda coa escuridade da noite cubríndoo todo, e vimos centos de barquiñas que nos conducían cara ela. Dentro, na aula, libros, tesouros que o mar bota fóra, anacos de madeira, barbas de balea, area, latas de conserva, cunchas, ou mesmo restos de naufraxios. A motivación estaba servida, nós estábamos preparados para recibila, en cada un dos grupos de 5 anos fixéramos barquiñas xigantes, calendarios de conta-atrás ou móbiles con barquiñas, pero ela superou todas as nosas expectativas. Dixéranos que dado que se trataba de nenos/as tan pequenos -e dispoñendo tan só dunha hora con cada un dos catro grupos-, non tentaría facer con eles origami, senón que lles iría contando historias ao tempo que traballaba coas mans. Que ninguén se confunda, porque tampouco é unha contacontos, Mimadriña é unha desas mulleres da Costa da Morte que, mesturando fantasía e realidade, conta historias do mar e da súa xente ao tempo que traballa coas mans. É unha versión actual do que eran aquelas mulleres que reparaban redes ou traballaban nas conserveiras sen deixar de falar das historias de vida. Non precisa de máis recursos que as súas vivencias e as súas mans, sen máis adobíos nin atrezos cativa a atención de todo aquel que a escoita creando un momento case máxico.

Pode parecer mentira, pero agora, á volta, o alumnado recordounos unha folla na que fixemos apuntamentos sobre todas aquelas cousas das que quedamos con ganas de saber máis, trala visita de Palmira: a Costa da Morte, Sardiñeiro, os baleeiros e pesca de balea en Galicia, naufraxios, conserveiras… Iremos dándolle forma e iremos contando para que nos deu a visita de Mimadriña.
Como agasallo de despedida, deixounos un exemplar do Manifesto Mimadriña, que nós fotocopiamos e enviamos para a casa de todo os nenos e nenas porque pensamos que é toda unha declaración de intencións cunha defensa da creatividade e da singularización no medio da globalización.
Grazas Palmira por traernos o mar da Costa da Morte ao Milladoiro.

 

Advertisements
  1. Moitas grazas a vos, de verdade por tantas e bonitas palabras e fermosas fotos, moitas grazas por ter eses ollos enormes para ver e comprender os ollos da cativada! eu ainda ando co corpo emocionado de aquela mañá e ando como a asentar os pensamentos e as palabras para contar como foi estar aí, as emocions, polo menos para min, precisan o seu reposo, moitas grazas e aínda debo moitos moitos enlaces que irei enviando con cousas para a cativada desta terra.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: