Cinco anos e mil entradas de InnovArte

Spiral Jetty, Utah saltlake - earth work by Robert Smithson
Spiral Jetty, Utah, Lucie Maru, 2005

Hoxe fai cinco anos que comezamos con InnovArte. Certamente, daquela non podíamos pensar que teríamos tanto de que falar. Como dixeron os amigos de Gigas de Tiza,cinco anos nun blog hai que contalos coma na vida dos cans e dos gatos -multiplicando por sete-, xa que logo son moi intensos e non é habitual que duren tanto tempo polo esforzo que requiren para mantelos activos.

Aquela tarde na que a miña irmán e máis eu decidimos o que sería InnovArte, tiñamos no peto algo así coma vinte ou trinta posibles temas sobre os que falar, pero abofé que non contábamos con que a conversa ser prolongase ata mil ocasións máis, pero así foi e esta é a 1001. Mil é unha cifra que dá vertixe aínda que só sexa para contar, canto máis para decatarnos de que escribimos un milleiro de post ou entradas nas que expuxemos a vida nas nosas aulas, as experiencias que desenvolvemos, as nosas alegrías, as frustracións, os enfados, as sorpresas, as lecturas e os achados que imos facendo, mantendo sempre o obxectivo da procura do recoñecemento, dignificación e empoderamento da educación infantil.

Cando empezamos tiñamos presente que o que dixéramos na rede sería moi difícil de borrar, ocultar ou negar, e que isto nos “perseguiría” sempre nas nosas vidas, malia todo, botando a vista atrás non cambiaríamos nada do ata agora dito. InnovArte ten a súa música, haberá a quen lle guste, a quen lle sexa indiferente e mesmo a quen lle desagrade, pero sempre soa ao mesmo, o discurso non cambia. Poida que segundo o noso estado de ánimo, haxa tempadas nas que somos máis creativas, máis optimistas, máis orixinais e outras menos. Houbo tempos nos que críamos que tiñamos que manter un ritmo e unha frecuencia que nos levou a pensar en deixalo, agora tomámolo máis relaxadamente porque sabemos que quen nos sigue sabe que coma todas as persoas estamos supeditadas ás circunstancias profesionais, persoais, familiares e mesmo tecnolóxicas. Coma a obra da nosa imaxe de cabeceira, Spiral Jetty, somos máis ou menos visibles en función de ata onde nos chegue o nivel da auga.

Non sabemos por canto máis, agora ben, mentres haxa quen nos diga que lle somos de utilidade aquí estaremos. Énchenos de satisfacción que nos escriban mozos e mozas estudantes de Maxisterio ou opositores porque aí é onde nós focalizamos os nosos esforzos e compromiso, poñendo a nosa experiencia ao seu servizo. Cremos, e sempre insistimos nisto, que as máis veteranas temos unha obriga para cos noveles que non é outra que a de ensinarlle o bo, o malo e o mellorable desta profesión, sen fantasías, sen velos, sen segredos e sen fórmulas máxicas. Nós facémolo confiando en que lles axude a coñecer a vida real nas escolas contada día a día.

Como veu sendo habitual en cada aniversario de InnovArte, acompañamos este balance que facemos cunhas imaxes de Spiral Jetty; distintas visións, distintas tomas, distintos enfoques, distintas épocas, sobre unha obra senlleira do Land Art realizada por Robert Smithson que agora fai corenta e cinco anos.

Para pechar, non nos atrevemos a dicir “Por mil InnovArtes máis” porque sabemos de antemán que non seremos quen de cumprilo, pero si darvos a grazas a todos os que fixestes que InnovArte sexa o que é, compartindo, comentando, aportando.

Grazas tamén ás ferramentas 2.0 que nos permitiron que tivéramos a posibilidade de falar con xente que doutro xeito non teríamos ocasión. Malia que de seguro non lles chega, grazas tamén á plataforma WordPress que nos permite publicar de balde -coas peaxes da publicidade- os dous blogs, Innovarte Educación Infantil en galego e en español.

Mil grazas, grazas mil a todas e a todos os que nos acompañastes nestes seis cursos, cinco anos e mil entradas de InnovArte.

Spiral Jetty, Utah saltlake - earth work by Robert Smithson
Spiral Jetty, Utah saltlake, earth work by Robert Smithson. Fotografía de Lucie Maru, 2005

 

6 Comments

  1. Nón só axudades ós profesionais presentes e futuros, tamén as persoas que nos interesamos pola educación.
    Eu són unha aboa e collo moitas ideas vosas, así como libros e actividades que fago despois có meu neto que agora tén 5 anos.
    Moitas grazas.Apertas

  2. Mil grazas a vós! Impagable o labor que facedes compartindo tempo, experiencia e profesionalidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s