Paxaros da Amaía

Cada vez máis detectamos no noso alumnado como diminúe o seu vocabulario relacionado co mundo natural. Hai moitos anos lemos “El pensamiento salvaje” de Claude Leví-Strauss e agora vólvenos moitas veces á cabeza unha das súas descubertas antropolóxicas: nas sociedades primitivas só lle daban nome a aquilo que lles era de utilidade; as plantas que usaban para comer ou para curar tiñan nome, o resto, todas as demais, eran herbas. Pois algo semellante acontece agora coas xeracións criadas en medios artificiais e urbanitas, que pouco a pouco van perdendo palabras de elementos da flora e fauna porque apenas teñen contacto con ela. Para o noso alumnado todo bicho que voa, ten alas, plumas e peteiro son paxaros. (sobre iso tamén falaremos máis adiante).
O CEIP Amaía leva o nome dun fermoso val fluvial, o Val da Amaía regado por ducias de regatos que embocan no río Sar, cun elevado valor ecolóxico con especial importancia como zona de paso e de reprodución de aves. Sen embargo a meirande parte dos pequenos non serían quen de dicir máis de 2 ou 3 nomes de paxaros en galego, malia a ledicia que sempre lles supón ver paxariños nas árbores do patio.Emporiso quixemos dedicarlle un tempo.
Dado que estamos cun grupo de 3 anos, trala conversa sobre este tema (inducido), e ante a escaseza de paxaros reais, fixemos casiñas, cada unha delas para unha variedade de paxaro, da que se pegou unha fotografía co nome por detrás. Agora acompañan o niño de palabras do Peizoque Roque que aínda conservamos no centro desde o pasado curso.

Ver presentación.

Paxaros Amaía

Ferreiriños, carrizos, petos, cucos, pardais, lavercas, verderolos, andoriñas, paporrubios, pegas, lavandeiras, merlos, e outros moitos encheron o noso centro cos seus cantos, ditos e información sobre eles que atopamos nos web ogalego.eu, a vida nos ríos galegos  e na “Guía de aves de Galicia” de Baía edicións.

Con respecto ás características das aves (peteiro, ás, plumas, pór ovos e voar) tamén lle fixemos unha revisión axudadas polo libro “Aves” de Nicola Davies, publicado en Baía edicións en 2007. Pensamos se todas as aves voan, se todas teñen ás, se todas viven en niños…
Ao tempo lles fomos apuntando algunhas preguntas, sobre a utilidade das aves, para o que botamos man do magnífico libro de Antonio Sandoval Rey, “¿Para qué sirven las aves?”, publicado en Tundra no 2013.

Niños

Tras aprender algúns poemas e ditos relacionados coas aves, demos paso á segunda fase: atraer os paxaros ao noso patio convidándoos a quedar connosco ou a visitarnos con frecuencia. Pero, como conseguilo? Ofrecéndolle alimento. Pero non queríamos botarlle migas no chan, pois iso só podería suceder nos días lectivos. Emporiso ideamos facer comedeiros de paxaros.

Ver presentación.

Comedeiros paxaros Maía

Comedeiros e bebedeiros  feitos con material de refugallo, cheos de graos e alpiste para os paxaros pendurados das árbores do patio.
Agora chega o momento de esperar as visitas tratando de identificar algunhas desas pequenas aves que viven nos nosos bosques, nas ribeiras dos ríos e nos parques do Val da Amaía.

Lingua galega e natureza da man.

Deixar un comentario