O noso alumnado quedou marabillado cando a compañeira Luz nos trouxo unha bolsa de area cinética do Museo dos Nenos de Nova York. Nós non a coñecíamos, e sen vela e/ou tocala resulta moi difícil explicar a sensación que produce, tanto visual coma táctil, pero con este vídeo podemos facernos unha idea aproximada.
Daquela andábamos encerellados cos nosos obradoiros de modelado, e esta forma de modelar, con este material, era unha experiencia e unha sensación que non se parecía a ningunha das outras masas ou pastas que empregáramos. Mesmo ten un efecto relaxante, case hipnótico, cando se observa como se expande e esfarela.
Quedamos tan “enganchados” que buscamos pola rede como poderíamos facela na clase.
Agora, nestes días de tanta actividade, alteración e xa de cansazo, decidimos retomar o asunto, pensando que podía ser unha experiencia relaxante.
Nunha primeira procura, vimos varias receitas para facela, que nos pareceron do máis sinxelo; segundo dicían, só se trataba de engadirlle aceite de bebé. Cousa doada, así, buscamos area, tal e como nos indicaban, metémola no forno para eliminar xermes; peneirámola e, todos ilusionados, engadimos o aceite. Os nenos/as foron os primeiros en decatarse de que aquilo non era igual que a area cinética comercial que probáramos. Repararon en que esta quedaba pegada ás mans -cousa que non sucedía coa outra-, en que non lográbamos compactala para darlle forma, e que logo non se desfacía coma a outra. Miramos si se trataba de engadir máis aceite, pero non era ese o problema. Gozaron xogando con ela, pero non facían máis ca comparar co recordo táctil e visual que tiñan. Isto deu moito de si. Emporiso non o entendemos coma un fracaso, senón que nos deu azos para seguir indagando e probando novas fórmulas.
Un neno apuntou que ao mellor eu me confundira e que puidera ser xel de bebé, porque seica é máis pegañento. A todos os demais lle pareceu ben atinada a proposta, polo cal este sería o segundo intento. Outros apuntaron a posibilidade de botarlle auga. Outros de que podía tratarse de suavizante porque deixaba as mans moi suaves. Pareceunos incrible a cantidade de hipóteses ou alternativas que saíron. Concordamos asemade en que lle pedirían aos seus pais e nais que buscaran nos seus ordenadores por se lles aparecía algo distinto ca no noso.
Pola nosa conta afinamos máis a busca e soubemos que a area cinética é un composto que na súa meirande parte (98%) é area, máis un 2% de compostos químicos, coma o polidimetilsiloxano, unha silicona baseada nun polímero orgánico que lle dá unhas particulares propiedades coma a maleabilidade, que non se seca, non mancha -porque só se pega a si mesmo-, e non é nocivo. Engadían que este composto é tan caro que por iso non paga a pena facelo caseiro.
Pero xa estábamos embarcados. Agora non había volta atrás, cando menos probar as propostas dos nenos. Non tiñamos nada que perder, estabamos investigando, manipulando, exercitando a memoria visual é táctil, e por riba estaban entusiasmados. Así vimos tamén a alternativa de engadirlle amidón de millo (Maizena) e auga.
De novo preparámonos para as probas: dividímolos en catro grupos segundo apostaban pola auga + aceite, xel, suavizante, ou o ingrediente segredo da mestra, fariña de millo, que a verdade non contou con moitos seareiros, agás un neno e unha nena que cremos se apuntaron a esta opción máis por lealdade coa mestra ca por convicción.
No papel, preparamos unha táboa de verificación de hipóteses, que cadaquén iría cubrindo en función da súa percepción dos resultados acadados cos diferentes ingredientes. Así como do cumprimento das características da area máxica: non mancha-modela, desfarélase-móvese. Decatámonos na dificultade que lles supuxo a verificación dunha destas formulada en negativo -non mancha-, poderíamos poñela sen a negación -así a súa comprensión sería máis doada-, pero, pola contra non nos daba todas as comprobacións en afirmativo, polo cal decidimos mantela así. Se dábamos coa fórmula correcta, terían que cumprirse todas as condicións en “si”, ao igual que acontecía coa area máxica.
Tralos tres primeiros fallos, e vendo o seu desánimo, cheguei a prometerlle que se non a acadábamos, mercaría un paquete da area cinética comercial, malia o cara que é.
Velaquí os resultados do proceso. Ver presentación.
![]() |
Arena cinética |
Canto aos resultados do produto, cómpre dicir que só logramos achegarnos as calidades da area cinética comercial, coa mestura de Maizena, o que os fixo estalar de alegría, coma cando os científicos fan unha grande descuberta. Agás, que mancha un pouco, pero non tanto coma as outras, e o movemento que ten compénsaoo todo; así pode verse nas táboas de control, que os “investigadores” máis puristas, tiveron dúbidas sobre se poñer “si” ou “non” no apartado de cumprimento desa condición.
Cando iniciamos o proceso coa Maizena, a opinión dos observadores era totalmente negativa, dado que segundo indicaba na receita había que mesturar 2 tazas deste amidón con auga; isto solidificou de inmediato, de modo que os nenos/as xa dicían con mágoa, “Ángeles, é falso”; logo tivemos que esfarelala, e dicían que semellaba queixo. Mesmo parecía imposible que aquilo puidera “absorber” as 4 tazas de area que había que engadirlle. Botamos un chisco máis de auga, e entón veu a sorpresa: aquilo empezaba a moverse! Foi un momento incrible, no que empezaron a berrar “Conseguímolo!”, “É verdadeira!” Foi fantástico, pero coma case sempre, para nós, é máis importante o proceso da experiencia e da investigación ca o produto en si.
Certamente, cando comezamos, non pensamos que isto dera tanto de si, pero foi outra desas nosas actividades elásticas, que teñen máis calado do que se podería esperar. O que ía camiño de ser unha actividade puntual e relaxante, acabou por converterse en un pequeno proxecto de investigación.
ajá, pois esto teño eu que experimentalo, si oh!
mañan dámosche máis datos Palmira.