Avaliar en infantil (3ª parte)

Pásame sempre, cando remato de cubrir os boletíns informativos para as familias do alumnado asáltame a dúbida, ou mellor dito, teño a seguridade de que non reflectín os cambios producidos en cada un dos nenos e nenas, nin tan sequera os máis importantes. Se calquera persoa collera algunha desas follas informativas non se podería dar nin unha vaga idea de quen están falando. Isto non é cousa de agora, como dicía, pasoume sempre: cos boletíns XADE ou con calquera outro que empreguei ao longo da miña vida profesional. Cando os estou cubrindo e vou alá polo quinto ou sexto, teño a sensación de que noutro momento podería dicir outra cousa, preocúpame o como os entenderán as familias, e paréceme que converten aos nenos/as nuns iguais aos outros, cando en realidade son tan diferentes.

Ben sei que na nosa formación nos falan de instrumentos de avaliación coma listas de control, diarios de clase, anecdotarios, etc, etc, pero a min non me aportan moito máis e por riba xéranme a mala conciencia por non empregalos cando, na práctica, calquera sabe que iso é imposible de levar a cabo estando cinco horas ao cen por cen con 25 cativos. En calquera caso, non estamos a falar dos medios senón da forma na que se avalía.

Tan só hai dous feitos que me calman a mala conciencia dos boletíns: as conversas coas familias, e sobre todo, a avaliación que fago co alumnado (a diario, periodicamente, ao remate de trimestre).

Como en breve tamén lle dedicaremos no blog unha entrada á programación, alí xa explicaremos máis polo miúdo como planificamos a diario a sesión de traballo, e como logo dedicamos un tempo para facer unha valoración conxunta do realizado así como do axuste desa planificación. Parece algo do todo lóxico, calquera na súa vida persoal ou profesional, previamente, debe planificar en que vai empregar o seu tempo e esforzo na xornada, e ao rematar, valorar se acadou o proposto; do contrario, terase que analizar que fallou, a planificación ou o traballo. Este é un exercicio, para nós, diario co noso alumnado. Calquera neno ou nena, de antemán, debe saber ou ter uns trazos, do que vai pasar ese día na aula ou na escola. Logo poden xurdir imprevistos (que case sempre xorden), pero esa rutina (que case nunca aparece nin se fala dela nas programacións diarias) debería ser unha constante, porque lle aporta seguridade aos nenos, porque lles axuda a estruturar o tempo, porque lles permite organizar con lóxica e coherencia as tarefas; e finalmente, porque lles inculca un hábito fundamental na vida e do que carecen moitas persoas: a capacidade de planificar con sentido o tempo e o esforzo. Isto é elemental pero non habitual; hai quen se bota ao camiño sen saber para que, con que, canto tempo lle levará nin a onde chegará. Un neno ou unha nena, non poden estar cinco horas na incerteza de non saber o que vai acontecer nese tempo.

Planificar ao inicio da xornada e valorar o feito ao remate, é un modo de avaliar o realizado, o seu axuste e a validez dese traballo. De igual modo que facemos cando pechamos unha tempada, cada un deses bloques de tempo que se corresponden case sempre con ciclos naturais nos que se realizan unhas actividades propias dese tempo: á volta do verán, o inicio do outono, o tempo dos froitos, o previo as vacacións de Nadal, a invernada… Cadaquén dividirao como considere ou como cadre, pero sempre hai un tránsito, e nese momento, nós, ao peche de cada un deses bloques facemos co alumnado unha valoración do traballado e do pouso que nos deixa.

E chegado o remate de trimestre tamén hai que dedicar un tempo específico a esta labor. Por desgraza, un dos aspectos negativos da avaliación, é que introduce presión na vida dos cativos. As familias, por inercia adoitan dicirlle aos fillos/as  “a ver como veñen as notas”; é algo inevitable que case todos fan, iniciando unha especie de chantaxe que os acompañará ao longo de toda a súa vida académica. O peor é que na idade do noso alumnado, para eles é case un “misterio” a mensaxe que portan nesa folla que vai cos traballos escolares e que os pais/nais len con avidez. Emporiso, e porque cremos que a avaliación ten que ser enriquecedora para todos e non atemorizadora, nós dedicamos tempo para falar cos nenos/as sobre o contido deses boletíns.

Nós mesmos, na clase, en conxunto, facemos unha “avaliación” dos logros acadados no trimestre, así como dos puntos fortes e dos aspectos precisados de mellora. Comentámoslle que nos imos xuntar todas as mestras que estamos con eles e que falaremos destas cuestións. Logo, tamén lles avanzamos algúns dos items contemplados nos boletíns para que eles, individualmente, pensen sobre o dominio que teñen neses puntos. É relativamente doado que cada un deles saiba valorar se “emprega adecuadamente as tesoiras”, si “se esforza por rematar as tarefas”, “se sabe respectar as quendas de palabra”, “se recolle o material”, etc, etc. Si se fai a proba, pódese comprobar que as súas “avaliacións” son ben certeiras, emporiso insistimos en que isto non pode ser un misterio para os nenos. Hai que dedicarlle tempo, nada máis ca iso e cambiar dinámicas. Cubrir os boletíns e preparar os cartafoles co material ao remate de trimestre, son labores que case sempre fan as mestras sen contar cos nenos/as cando en realidade son ocasións magníficas para facer un balance do realizado, do aprendido e do que nos queda por aprender.

Nós, que case a diario subimos novas nos blogs de aula, tamén botamos man destes para facer balance. Ver e comentar cada unha das entradas do blog, coas novas, coas fotografías, coas informacións do día a día, abrir ese almacén e facelos conscientes de todo o realizado no trimestre, constitúe para nós un recurso inestimable da memoria da clase, que nos permite visualizar toda a vida escolar destes últimos tres meses: aniversarios, celebracións, actividades sorprendentes, novas, incidentes …, É coma se miráramos un album de fotos que permite conservar o recordo dun tempo de aprendizaxes, de afectos, de sorpresas, de emocións, mesmo de enfados, en definitiva un tempo que vivimos xuntos no que compartimos, aprendemos e ensinamos.

Esta é a avaliación que nos gusta e que nunca poderemos reflectir nun boletín, nun informe ou nunha acta, pero que, de facela así, estamos convencidas de que é unha fonte de aprendizaxe, non de control. Tan só hai que dedicarlle tempo co alumnado; non debe ser realizada pola mestra en soidade coa única compaña do ordenador. Ao remate de trimestre, en troques de ir ás carreiras, hai que deixar un tempo para mirar atrás e tamén cara diante.

Desde que o estudiamos na Facultade, repetimos coma papagaios que a avaliación ten que ser global, continua, formativa, cualitativa, criterial, persoal e participativa, pero en verdade, cremos que non se entende ben o significado e alcance destas características.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s