Cousas pequenas de xente pequena en lugares pequenos: D. Olimpio Arca

Cando creamos este apartado en InnovArte, fixémolo como unha homenaxe a aquelas persoas que imos coñecendo que, dun modo ou outro, contribúen á mellora da educación e da sociedade. Chamámoslle cousas pequenas de xente pequena porque en case todos os casos se trata de iniciativas que xorden e se sosteñen grazas ao empeño dunha persoa ou grupo reducido (sen o pulo institucional), desde lugares pequenos e sen embargo deixan unha pegada que perdura no tempo e nos corazóns de quen os coñeceron. Ben se podería chamar “cousas grandes de xente grande en lugares pequenos”, que así o é, pero gustounos máis a expresión que empregou nunha ocasión Mimadriña, e así o deixamos. Hai moitas persoas que referenciar neste apartado, sobre todo porque para nós é un orgullo que aparezan en InnovArte, e tamén porque, aínda hai a quen lle resulta descoñecida a súa labor.

Nesta ocasión dedicarémosllo a D. Olimpio Arca Caldas, que nos deixou a pasada semana, e lamentablemente non o soubemos ata dous días despois, cando Fina Casalderrey, na presentación do seu último libro, mencionou que a tarde anterior estivera no enterro de D. Olimpio. Certamente saíu na prensa, e a súa filla enviounos unha mensaxe comunicándonos o desenlace, pero hai veces que as tecnoloxías e as circunstancias parecen confabularse na nosa contra. Nese intre botamos a mirada atrás recordando como o coñeceramos.

Foi por mor da organización do curso “Patrimonio tradicional e popular na escola” para o, daquela, CFR de Pontevedra. Quixeramos reunir a expertos na investigación, recuperación e divulgación do patrimonio da zona, e foi precisamente a súa filla Susi, mestra de infantil da escoliña que está ao carón do santuario dos Miragres de Amil, a que nos falou da labor desenvolvida polo seu pai nese eido. Puxémonos en contacto con el, e xa por teléfono e logo durante a charla amosou que era un home entusiasta e vital que dedicara parte da súa vida ao ensino nas escolas da Estrada e que tamén fora un motor de dinamización social e cultural desa zona. Pero sendo grande como era -en todos os sentidos-, destilaba esa humanidade e bonhomía que distingue aos que deixan pegada.

Logo, citámonos noutras ocasións ben no Museo de Pontevedra e mesmo no Museo do Pobo Estradense, no que el recuperaba pezas e recordos da vida desta comarca, desde aparellos para as labores agrícolas ata documentos. Gardamos como recordo, algunhas das publicacións coas que nos agasallou. Como historiador e ensaista recuperou a memoria dos emigrantes estradenses, dos canteiros de Cuntis, a figura do tamén estradense Reimondez Portela, do entroido no Ulla; como creador recreounos con pezas teatrais para seren representadas na escola a través das que relataba a vida cotiá no rural; e como mestre investigou sobre os docentes, sobre o certame escolar O Pereiriños e sobre a lingua. Nunca máis volvemos a coincidir, pero mantiñámonos ao tanto a través da súa filla ou de calquera persoa que coñecéramos da Estrada, ás que sempre lle preguntábamos por D. Olimpio, e das que sempre recibíamos a mesma resposta: que era un gran home moi querido e apreciado; rara era a familia que non tiña algo que agradecerlle, nomeadamente no que se refire a sacar rapaces para diante, facéndoos seguir estudos fóra e sentíndose orgullosos do que lles era de seu, os seus costumes, tradicións e cultura.

Participou, colaborou e animou en todo aquilo que se lle requiría, charlas, publicacións, entrevistas (ver o artigo de M. Gago), sempre levando por diante a labor das mestras e mestres e o amor por Galicia, de feito, segundo sabemos, foi un dos grandes provedores de saber do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA).

Sabemos que a súa familia, neste intre, sente a dor inconsolable da súa falta, pero tamén que están a recibir o cariño de todas aquelas persoas que, coma nós, nalgún momento da súa vida, tiveron a fortuna de encontrarse con D. Olimpio, e saben ademais que, durante moitos anos, perdurará na memoria de todos o agradecemento polo tesouro galego (persoas e patrimonio, pasado e futuro) que axudou a poñer en valor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s