Sempre insistimos na idea de que as saídas escolares non poden quedar reducidas ao mero momento da súa realización; pola contra precisan tanto da preparación previa como aínda máis da continuidade da mesma. Cando visitamos un lugar e coñecemos a persoas que nos fan partícipes do seus proxectos e das súas arelas é coma si nos prendéramos cun fío invisible que de cando en vez tensamos para saber os uns dos outros, máxime si se trata dunha experiencia como foi a visita que realizamos no mes de setembro ao Pazo do Sol e da Lúa que tan fonda pegada deixou no noso alumnado que dende aquela aproveitan fins de semana e festivos para volver coas súas familias para amosárllelos sendeiros da beira do río e a árbore do amor plantada no Xardín do Recordo.
Xa no mesmo día da nosa visita ao Pazo do Faramello, convidáramos aos nosos anfitrións a que nos viñeran ver na nosa escola e quedaramos emprazados para cando lle caeran as follas á árbore plantada. E así foi como a finais do mes de outubro os recibimos coma se xa fosen parte da historia de vida destes pequenos.
Cómpre dicir que tiñamos ben preparada a recepción e acollida de Asun, Esther e Gonzalo; ao igual ca fixeron eles, nós tamén sabiamos o que queríamos ensinarlles e tiñamos distribuídas as responsabilidades de cadaquén nesa visita. E isto non é banal, certo é que a espontaneidade e a improvisación infantil poden salvar calquera situación, pero iso non quita que haxa que seleccionar, organizar e planear a maneira de facelo, sobre todo para que os nenos/as se decaten de como hai que tomar decisións e priorizar uns aspectos sobre outros, xa que logo non podiamos amosar todo un centro e os nosos tesouros nun breve período de tempo.
Ao remate da visita ás instalacións pasaron por cada unha das aulas dos grupos de 4 anos. Na nosa estaba prevista a entrega dun cadro a Asun, tamén mestra e nai dunha das vítimas do accidente de Angrois en memoria das que se erixiu o Xardín do Recordo.
Tamén esperábamos a que nos fixeran entrega das follas do cercis, coas que crearíamos unha intervención plástica para quedar na aula a modo de lembranza e de fito experiencial ata que na primavera se volva a cubrir de follas e flores. Con tal motivo, falaramos moito sobre o simbolismo desta árbore e de porque se lle chama “árbore do amor”; o manto de flores rosadas coas que se enche na primavera e a forma de corazón das follas son razóns dabondo pero, neste caso, aínda máis por tratarse da especie elixida para representar o amor das familias polos seus seres queridos.
Afondando máis niso, pedímoslle a cada neno e nena que nos dixeran unha palabra que asociaran ao amor, así anotamos vinte e cinco ideas persoais e diferentes ás que lle sumamos algunha más por cada un dos nosos convidados. Cunha escrita enlazada fomos plasmando nun papel o nome de cada neno/a e a súa definición, trazando ao tempo a forma dunha árbore, a nosa particular árbore do amor. Por grupos completamos con ceras acuarelables a sinxela composición que quedou lista á espera das follas que nos entregarían os nosos convidados.
De agora en diante acordamos que ao longo do inverno nos enviarían fotografías do estado do Xardín do Recordo e das súas árbores. Para cando volva a primavera xa temos pensadas varias posibilidades para seguir andando nesta colaboración tan enriquecedora para todos nós.
Aprender a dar, a recibir, a agradecer, a gardar recordos fermosos, a conservar as amizades e a non perder de vista aquilo no que nos implicamos son sempre constantes no noso traballo educativo, pois pensamos que poucas cousas pode haber máis importantes na formación dunha persoa.