A Escola Bosque Amadahi e o Pazo do Sol e a Lúa, un binomio máxico

15304286_926171527518492_2421923518069668334_o

Hoxe queremos relatar unha desas nosas experiencias de vida con ida e volta malia que nesta ocasión non participou directamente o noso alumnado xa que logo, nós non fomos máis ca mediadoras ou propiciadoras dunha descuberta e dun encontro especial entre a tribo da Escola no Bosque Amadahi en Dexo, a maxia do Pazo do Faramello e moitas outras persoas que dun xeito ou doutro queremos facer a nosa achega para a re-naturalización da educación.

Coma en moitos contos comeza con dous protagonistas que de primeiras non se coñecían.

No mes de novembro a Facultade de CC.EE da Coruña convidounos  a InnovArte a dar unha charla ao alumnado que está a realizar o Practicum, xunto con outras experiencias entre elas a da Escola no Bosque Amadahi en Dexo. Nós sabíamos da existencia desta escola que toma a filosofía de tantas outras xa moi estendidas en países coma Alemaña, Dinamarca ou Canadá pero nunca tiveramos ocasión de coñecer a súa idiosincrasia. Escoitando a Paz Gonçalvez, a súa directora, espertouse en nós o desexo de coñecela in situ, así llelo manifestamos e convidounos a ir cando gustaramos, de modo que xa pechamos unha visita para uns días máis adiante.

Por outra banda, as persoas que seguen o noso blog saben que no mes de setembro demos inicio ao outono cunha visita do noso alumnado ao Pazo do Faramello e que, dende aquela, comezamos unha historia de engadidos na que en cada volta volvemos a encontrarnos mantendo vivo un vínculo que se estableceu entre os nosos nenos e o, para eles, Pazo do Sol e da Lúa. Desde o primeiro momento, Gonzalo, o seu dono, manifestounos o seu interese por darlle unha vertente educativa ao lugar de O Faramello, tirándolle especial proveito pedagóxico-lúdico ao bosque e ao Xardín do Recordo sen mediar máis interese có da divulgación ambiental e o fomento do compromiso social e educativo, de modo que, dende aquela, InnovArte faille algunhas suxestións nesa liña.

Así foi como xuntando estes dous elementos, pensamos que sería bo que se coñeceran en primeiro lugar en Dexo-Oleiros acompañándonos na visita a Amadahi. Naquela ocasión, a máis do responsable do Pazo viñan con nós dúas técnicos municipais de educación, Anayansi e Aída, persoas tamén moi comprometidas con buscar alternativas máis reais ás actividades extraescolares dirixidas aos cativos.

Esta primeira toma de contacto tivo lugar o pasado 21 de novembro, día no que caían chuzos de punta alá pola Costa Ártabra, o que non nos disuadiu de pisar o monte, as fragas, as rochas e os cantís polos que corren e deprenden os nenos e nenas da Escola Bosque Amadahi. Da man das responsables educativas de Amadahi coñecemos a vida cotiá nesta escola non convencional na que se priman as relacións escola-familia e na que os nenos son artífices das súas aprendizaxes sendo parte activa no seu propio proceso educativo xa que logo, as súas percepcións, os seus intereses, as súas singularidades e os seus gustos son os fíos cos que se vai andamiando o seu coñecemento, sempre coa axuda respectuosa das mestras, das monitoras e mesmo da veciñanza. Dicir que quedamos impresionados é pouco, Amadahi fíxonos volver a mirada ao básico, ao sinxelo, ao carente de adobíos irrelevantes. Alí cada lugar ten nome e ten sentido: a horta, a entrada, o portelo das palabras, o misterioso túnel vexetal de loureiros, os lugares de xuntanza, as árbores, mesmo a un bambán que demos en chamar o “máis fermoso do mundo” porque na súa cadencia trasládate desde o bosque ao mar. Aínda escoitando unha charla de Paz ou visitando o web un non se pode dar unha idea aproximada da sensibilidade e sentido educativo que alí se respira.

Engaiolados como estábamos, trala visita, conversamos sobre a educación e as achegas que cadaquén pode facer, así o dono do Pazo convidounas a coñecer o seu lugar, a correr pola súa, tamén “aula con ceo, auga e árbores” e a plantar unha árbore no Xardín do Recordo o que de inmediato foi acollido con alegría e xa artillaron unha visita coa tribo Amadahi para o día 8 de decembro. Tras unha primeira toma de contacto que fixo Paz Gonçalves ao Faramello a finais de novembro, xunto coa súa compañeira María perfilaron como discorrería este día tan especial para os pequenos e as súas familias. Malia que querían que fose un encontro íntimo por tratarse da primeira saída do curso, pensamos que persoas poderían acompañarnos nesa aventura na que non poderían faltar Gloria Mosquera e Tomi do grupo musical Mamá Cabra -que van todas as fins de semana a facer con eles cantos na Marola (illote emblemático da costa de Dexo)-, e uns amigos comúns da Facultade de CCEE de Lugo -os profesores Lina Iglesias Forneiro e Uxío Otero Urtaza (director do Máster de Dirección de Actividades Educativas na Natureza)-, así como Anayansi e Aída, Esther e Asun -piares fundamentais no Xardín do Recordo- e nós de convidadas, asistimos a ese encontro tan máxico.

15284987_10210273242900967_8066134805726412891_n

Sentimos non poder ilustrar con fotografías o discorrer da xornada, a razón é que non dispoñemos das autorizacións de uso de imaxe, motivo polo que vos convidamos a visitar o Facebook de Amadahi e alí poderedes ver algúns momentos tales como o da chegada ao Xardín do Recordo;  o paseo ata a fermosa pontella romana de Francos; a plantación de dous exemplares de cornus florida, que completaron deixando como recordo pedras-palabra e un bastón-corazón;  a entrada ao Pazo ao carón da Rocha nai e do trono celta onde nos fixeron sentar por quendas a Gonzalo, a InnovArte e a Gloria e Tomi para facernos entrega dun agasallo moi especial, un toro dunha árbore pintada polos nenos nas que plasmaron mensaxes como “Quen comparte o seu bosque comparte o seu corazón” na dedicada ao anfitrión, ou “Maxia de nen@s” na dedicada a nós.

img_1260

Unha vez dentro xa era hora de xantar, momento tamén especial no que as familias sacaron das súas mochilas elaboracións caseiras para compartir entre todos mentres partillábamos sobre a vida e a infancia, ao tempo que íamos petiscando nun gorentoso pan con forma de árbore amasado por todos os nenos.

15417077_1191023990978069_575435427_n

Xa na sobremesa unha sorpresa máis, Gloria e Tomi sacaron os seus instrumentos musicais puxéronse a cantar as cancións preferidas da tribo Amadahi.

15424586_1191023887644746_999322245_n

A xornada rematou cun paseo pola lendaria senda da Traslatio Xacobea co cantareiro río Tinto a un lado e polo outro coas recentes reforestacións que se fixeron no bosque de O Faramello para así eliminar especies invasoras devolvéndolle o lugar de seu ás árbores autóctonas. Finalmente despedida e agradecementos que se prolongaron ate o lusco e fusco.

15423562_1191024087644726_1531878059_n

Quizais por iso demos en denominar esta experiencia coma un binomio máxico. Énos imposible relatar a atmosfera especial que se creou nese lugar neste día no que ata a climatoloxía colaborou; é moi difícil describir o que senten unhas mestras cando ven que outra educación é posible; non é doado contar como se constata que a natureza debe ser unha aliada e protagonista educativa, polo que tomaremos unhas palabras de Paz Gonçalvez:

“Síntome emocionada polo que provoca Amadahi….curiosidade, sorrisos …e sobre todo ganas, ganas de vincularse a Natureza, de aprender a través de ela, de amala con mimos , pequenos e grandes, achegándonos a ela a través de cancións, da escoita…As primeiras familias e María fan que todo isto sexa máis doado.”

Esperamos asistir a outros moitos encontros entre nós ou entre outros grupos que teñan a sensibilidade suficiente para entender que a natureza non é un tema a tratar unha quincena ou un trimestre na escola ou para celebrala no día 5 de xuño, moi pola contra é o noso medio máis natural emporiso hai que propiciar todo tipo de encontros entre os nenos e ela salientando todas as compoñentes que interveñen neste proceso: afectivas, emocionais, cognitivas, sensoriais e moitas outras que non se poden anticipar pero que sempre nos agardan agochadas para sorprendernos.

15356011_1191023914311410_78108997_n

Grazas á Escola Bosque Amadahi e ao Pazo do Faramello por deixarnos estar.

15416148_1191024097644725_975959722_n

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s