Gustamos moito desta iniciativa da editora Urco, sobre a que xa temos falado noutra ocasión, emporiso nos alegramos de que a colección “Os libros da merenda” medre con 4 títulos novos que seguen a manter o prezo de 2,50 euros.
Son uns libriños pequenos, cunha historia falangueira e unhas ilustracións sinxelas ao tempo que moi explícitas, que nos fan pensar noutras publicacións -de moito máis elevado custe- e que malia todo, non logran o que estas, engaiolar aos nenos e nenas. Unha ra lacazana, unha ovella sabia, unha cenoura sabichona, un polo valente, un burro larpeiro, un porco fedorento…, que teñen vida e calidades máis ou menos desexables, que conviven con outros animais, unha historia con ritmo e rima, ben contada nun galego moi preciso, nun texto alixeirado de todo o superfluo. Aínda levando dentro unha mensaxe potente (a alimentación, a amizade, a xenerosidade) aproveitable na escola, esta non se superpón á historia nin distrae no pracer de escoitala.
Na publicación dixital Criaturas, centrada na LIX, dedícanlle un artigo á colección que ben paga a pena a súa lectura.
Nalgún momento, cumpriría unha reflexión sobre a finalidade das historias infantís. En calquera caso, Urco abre unha vía nova no ámbito das publicacións dirixidas ao público infantil:
Os libros da merenda” é unha aposta moi na liña desta editora levada por xente nova, cunhas concepcións diferentes sobre as maneiras de proporcionar libros a mozos/as e nenos/as, primando o fomento da lectura sobre o negocio. Calquera das súas obras poderían publicarse noutros formatos –máis custosos-, pero eles prefiren chegar a todos os petos, alixeirando custes na edición. Por outra banda, prescinden de toda a parafernalia que supón a presentación dos libros, a publicidade e encontros cos autores; así, neste caso, agóchanse baixo os seudónimos de Martinho Terrafría e Vladimir Zatonski.
Como lectoras, sempre nos preguntamos por que as editoras -se queren facer lectores- non sacan os seus libros en edicións de peto –moito máis accesibles, e logo en función do éxito que teñan –e para quen os queira- en formatos máis custosos; e non ao revés como se fai habitualmente.
Nalgún momento,tamén cumpriría reflexionar sobre o que quedaría de moitos libros infantís si se lle quitaran todos os adobíos cos que hoxe se disfrazan; contaríannos algunha historia que pagara a pena recordar?