Neste caso todo empezou cun poema sobre o outono da arxentina Laura Forchetti que nos enviou a nai dunha alumna, no que se fai un símil entre as follas que caen e as bolboretas. Pero aquí, na nosa zona -coas nosas árbores autóctonas, co retraso nos cambios de cor e caída da folla-, había que botarlle moita imaxinación. Ata que un día volvemos a un álbum xa clásico para nós, “El otoño” da tamén arxentina Claudia Degliuomini, daquela, vendo aquelas ilustracións, vimos a paisaxe da que nos falaba Laura Forchetti: toños alaranxados, amarelos, vermellos e follas que parecían bolboretas: as do ginkgo biloba. Na última páxina, na que Claudia fala de si mesma, aparece unha fotografía dunha caixa de acuarelas cunhas follas de ginkgo. Así, decidimos facer un mural do outono que substituíse ao do verán. Pintado con acuarelas de tonalidades marróns, ocres e cunhas pequenas frases (algunhas copiadas e outras inventadas) que dan idea do que é esta estación. Complétase finalmente coas fermosas follas do ginkgo, das que en principio dicían que lle recordan abanos e corazóns.
Unha compañeira do centro fálanos dunha fermosa lenda oriental na que explica a existencia dos ginkgos, así como a razón de que as súas follas tomen a cor amarela e teñan forma de bolboreta. Paga a pena lela. O que aínda non descubrimos é por que algunhas follas teñen forma de corazón. Daquela empezamos a buscar información na rede, descubrindo que está árbore é un “fósil vivente”, xa que logo, existía fai milleiros de anos, mesmo na época dos dinosauros. Tamén sabemos que é unha árbore sagrada no Xapón; que é motivo protagonista de infinidade de representacións artísticas, na xoiería, na pintura, escultura, artes decorativas, arquitectura, etc. Asemade, soubemos dos seus usos na menciña alternativa. O ginkgo biloba, é coñecido como unha árbore milagrosa.
Todo isto transcende ás familias do alumnado, e un pai infórmanos de que hai dous exemplares de ginkgo na nosa vila. Os nenos e nenas, advertidos de que o espectáculo da árbore das bolboretas amarelas só dura uns días, aproveitan para ir visitalos e recoller follas que traen para a aula e coas que facemos bonitas composicións.
Están tan marabillados con esta descuberta arbórea que nos piden facer un cadro –coma o mural pero en pequeno- que poidan levar para as súas casas. E nunha reviravolta das nosas, copiamos no lenzo o poema de Laura Forchetti que deu inicio a todo, e decoramos con bolboretas amarelas do ginkgo biloba.
Unha viaxe circular. Unha sorpresa deste outono 2014 que recordaremos sempre que vexamos algún dos escasos exemplares de ginkgo que hai na nosa comunidade.
Como curiosidade, velaquí un poema de Goethe decorado con follas de ginkgo.
![]() |
otoño |