InnovArte Premio de Pedagogía Marta Mata 2016

img_9027-1

Onte polo serán recibimos en Barcelona o prestixioso Premio de Pedagogía Marta Mata 2016 polo libro “Los hilos de infantil. InnovArte Educación Infantil”, que será publicado en español pola editorial Octaedro, en catalán por Rosa Sensat e, agora tamén, en galego pola editorial Galaxia.

Hai moito tempo que acariñabamos a idea de reunir nun libro algunhas das experiencias más significativas de InnovArte e así o fixemos con motivo de concorrer ao premio que convoca dende fai 36 anos a Asociación de Mestres Rosa Sensat.

A modo dunhas tecedoras que imos realizando un cobertor co que arroupar aos nosos cativos, introducimos vinte fíos ou constantes que sempre están presentes nas nosas prácticas escolares; poderían ser máis ou menos, pero son en definitiva os que nós consideramos deben guiar a educación dos nenos e nenas e que, desafortunadamente, se están a esquecer a favor doutros menos relevantes. Se logramos que os pequenos gocen coas súas conquistas, descubran aos outros, aprendan a manifestar os seus afectos, conecten coa Natureza e coa arte, valoren as pequenas cousas, xoguen e gocen, usen a lóxica para a vida achegándose ao pensamento científico e á sabedoría popular, se admiren coa beleza do cotián, esperten os sentidos, solten a lingua, se abran ao non académico, celebren a vida, aprendan a gardar recordos fermosos, descubran a contorna máis inmediata, se inicien no amor polos libros e a lectura, gocen da súa infancia como nenos, todo isto sumado a que sexan quen de manifestar agradecemento polo que a vida e as persoas lles dan, cremos que pouco máis e pouco menos se pode pedir ás aprendizaxes a realizar na etapa infantil. Para ilustralo con exemplos, recollemos máis de setenta experiencias de vida realizadas co noso alumnado. Non podiamos soñar con mellor respaldo para esta maneira de entender a escola que a do Premio Marta Mata 2016. Como sempre dicimos, mil grazas ao xurado por considerar que facemos unha achega de interese á educación infantil.

Para nós, Rosa Sensat é un colectivo con presenza na nosa vida profesional desde os inicios a través da revista In-fan-cia e representa os valores cos que os seus fundadores deron comezo a esta andaina de máis de cincuenta anos na formación do profesorado e na renovación pedagóxica, de modo que este premio nos fai sentir máis preto dos seus ideais, que tamén son os nosos.

Nunca agradeceremos dabondo o apoio de tantas persoas amigas que sempre nos deron azos para facer medrar InnovArte, plasmando nunha publicación o devir de seis anos do blog. Vai por vós e por todos os que confiades nas nosas achegas.

Deixamos aquí as nosas palabras (discurso-mm16) á hora de recoller o premio, con elas esperamos explicar o que nos conduciu a isto, xunto co noso orgullo de ser galegas e de traballar na escola pública galega.

Premi pedagogia Marta Mata 2016: “Los hilos de infantil” de Mª de los Ángeles Abelleira i Mª Isabel Abelleira from Rosa Sensat on Vimeo.

Fáltannos palabras para describir o que onte sentimos cando fomos poñéndolle cara a tantos membros de Rosa Sensat aos que coñecíamos a través dos seus artigos e dos seus libros. Tampouco somos quen de narrar o noso orgullo e satisfacción ao escoitar a glosa dos motivos polos que elexiron o noso libro en palabras de Antoni Poch, un mestre que dixo que ata fixera unha viaxe virtual polo noso Val da Mahía para coñecer o concello de Ames e as localidades de Bertamiráns e O Milladoiro e así contextualizar as experiencias escolares que lera. Lembrou tamén, que llelo dedicamos aos nosos pais, Manolo e Lina, os que nos ensinaron que é a educación o que nos fai mellores.

Acte de lliurament del Premi de Pedagogia i els guardons Marta Mata 2016 from Rosa Sensat on Vimeo.

15272194_1252860878111107_777787495236693461_o

Despois viñeron todas as referencias na prensa catalana e galega, das que deixamos aquí a ligazón: La Vanguardia (30/11), Faro de Vigo (30/11), ABC.es (29/11), Faro de Vigo (01/12), Diari de l´Educació , así como no web de Rosa Sensat.

Agora a esperar a telo xa nas mans, primeiro en catalán e en galego e logo en español, mentres tanto volveremos pola sé desa asociación senlleira da renovación pedagóxica que agora tamén é xa a nosa casa.

dscn4837

Mil grazas a todas as persoas que ao longo destes días compartiron con nós a nosa alegría e que nos enviaron palabras de respecto profesional, ben persoalmente, por teléfono ou polas redes sociais.

Sempre en débeda con todas e todos vós.

4 Comments

  1. Prezadas Ángeles e Isabel

    Antes de nada, miles de parabéns por ese merecido recoñecemento. Moito traballo, moita adicación e moita profesionalidade nas vosa sempre interesantes experiencias e reflexións e que sempre compartistes xenerosamente. Nunca me cansarei de agradecérvolo.

    Marisa

    1. Benquerida compañeira e amiga, para nós é moi importante porque é coma a confirmación de que imos no bo camiño, xa que ás veces ata dubidamos. Certamente foi moi especial coñecer en persoa a todos aqueles que tanto temos lido de Rosa Sensat. E por riba que agora nos publiquen un libro!!!
      Bicos para ti e familia.

  2. Noraboa polo premio e polo voso traballo que sempre sigo. Que sigades tecendo eses fíos!!!

    Moitas grazas por compartir a vosa experiencia e aprender dela.

    Unha mestra seguidora do voso blog.

    2016-12-04 8:10 GMT+01:00 InnovArte Educación Infantil :

    > Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira posted: ” Onte polo serán recibimos > en Barcelona o prestixioso Premio de Pedagogía Marta Mata 2016 polo libro > “Los hilos de infantil. InnovArte Educación Infantil”, que será publicado > en español pola editorial Octaedro, en catalán por Rosa Sensat e, agora > tamén, e” >

Deixar un comentario