Aproveitando a nosa estancia en Barcelona con motivo da entrega do XXXVI Premio de Pedagogía Marta Mata 2016, pedímoslle á Asociación de Mestres Rosa Sensat si nos podían xestionar a visita a dúas escolas de infantil o que nos facilitaron con toda eficacia e cariño Mercè Marles e máis a directora da revista In-fan-cia. As escolas propostas foron Els Patufets (0-3) e Pompeu Fabra (3-6), das que deseguido daremos conta.
Escola Bressol Municipal Els Patufets de Navas
Xa nos advertiran de que sería bo chegar cedo a este centro para poder asistir ao momento no que se acollen dos nenos e nenas das mans das súas familias, así estabamos na porta ás 8:30 da mañá nunha escola dun barrio do ensanche de Barcelona, sita nun complexo moderno que xunta un centro de 3ª idade, un centro cívico e a propia escola, todo ilo enriba dun garaxe. Isto que vimos de dicir, non se convertera nunha eiva senón máis ben nunha potencialidade do centro pois traballan conxuntamente no Plan Comunitario do barrio de Navas, pensando no que como centro de infancia poden aportarlle á comunidade, procurando a coherencia de todos os centros de Navas nas súas intervencións sociais.
Recíbenos na porta a súa directora, Clara Salido, ao tempo que lle vai dando a benvida a pequenos e familias. Sorpréndenos ver a moitos pais ou avós, explícannos que se debe a que algunhas nais pediron concentración de xornada laboral de modo que empezan a traballar máis cedo, motivo polo que son os homes os que se encargan de deixalos na escola.
O centro ábrese a un espazo-patio sobre o que a directora nos dixo que andaban a darlle voltas, pois viran a imposibilidade de facer un espazo verde por ter debaixo o garaxe e haber perigo de filtracións, así o cubriran con area de praia de modo que mesmo parecía un área recreativa dun recuncho da costa, coas súas mesiñas merendeiros, con xogos de madeira, con pás e caldeiros, tendo todas as estancias un acceso directo a ela desde o interior, así como unha pequeniña solaina que permitía o xogo exterior mesmo nos días de choiva.
Xa só accedendo ao recinto do centro se notaba unha sensibilidade e unha sutileza extraordinaria, o que fomos constatando segundo íamos avanzando polos distintos espazos e saudando a nenos, familias e traballadoras.
Non hai demasiada profusión decorativa porque cren que non se deben saturar demasiado os estímulos; isto ao parecer está moi reflexionado coas familias así como argumentada a súa razón de ser, especialmente para evitar a sorpresa dos pais ao chegar os primeiros días e ver ambientes tan espidos. Con todo, teñen conformado un equipo de traballo para crear ambientes, non centrándose en cuestións decorativas, senón noutros aspectos tan cruciais como poden ser a iluminación, a accesibilidade, o ton de voz e o xesto. Así van facendo axustes dos que deixan constancia nun rexistro dos cambios que realizan nos espazos e a razón de por que os fan. Participan ademais nunha comisión municipal creada coa finalidade de que de cara á construción de novas escolas, se poidan facer achegas para a mellora do deseño e da distribución dos espazos.
Nalgunha estancia atopamos pais/nais dentro, explicáronnos que era acorde coa súa concepción escolar na que a apertura e a vivencia do cotiá son piares fundamentais, malia todo as persoas adultas teñen que interaccionar con todo o grupo sen interferir, pola contra, si se quedaron por un demanda dos seus fillos, teñen un lugar específico onde facelo, fóra da mirada dos demais nenos. Recordan continuamente que a mestra non é unha substituta da nai, asumen o seu rol docente o que non lles resta afectividade. Ao remate da xornada falan persoalmente con cada unha das familias -polo que lle preguntamos se non tiñan exposto como en moitas escolas un libro no que se fixera un resumo do día, descartaron esa opción porque tras debatelo moito concluíron que non todos os nenos fan o mesmo e así sería falsear ou concederlle máis importancia a unha actividade sobre a outra.
Os nenos poden cambiar libremente de estancia, respectando que as rutinas se realizaran co grupo de referencia, entre elas a do descanso, algo sobre o que aínda andan a matinar para mellorar o espazo dormitorio.
Xa nos anticipara o día anterior o profesor Miguel A. Essomba, Comisionado de Educación e Universidades de Barcelona, que as escolas bressol estaban en pleno proceso de cambio volvéndose a remunicipalización das mesmas, deixando a xestión externa ata agora vixente. Dicíanos que era un proceso complexo pero que coidaban podía mellorar a concordancia de todas elas na prestación do servizo.
Rematamos cun café no que tivemos ocasión de partillar con distinto persoal do centro, laboral e educativo, notando en todas elas a ilusión de ser parte dun proxecto de vida e de futuro.
Para quen queira saber máis, aconsellamos a visita ao web de Clara Salido a súa directora, membro tamén da xunta reitora de Rosa Sensat, do que salientamos artigos como: “Acoller ao neno á vida”, “Infancia, sociedade e educación“, ou “Que esperamos da escola? Vivir o cotiá, oportunidades de aprendizaxe”.
Sensibilidade, profesionalidade, reflexión sobre a práctica, respecto polo neno e polas súas familias e vinculación coa comunidade poderían ser algúns apuntamentos resumo da visita.
Os nosos parabéns á Escola Bressol Els Patufets de Navas e todo o noso agradecemento por permitirnos coñecela.