A nosa achega á educación infantil

Éxodo a primaria das mestras de infantil

In RebelArte on 12/03/2014 at 07:56

En cada convocatoria de concurso de traslados hai un traspase de especialistas de infantil a primaria. Parece que é o paso natural no devir profesional das mestras máis ou menos alá polos vinte anos de servizo na segunda etapa de infantil.

Nós, nos últimos tempos tamén empezamos a barallar esa posibilidade, nomeadamente cada vez que comezamos cunha nova promoción, xa que logo, atopámonos con menos folgos para sobrelevar a adaptación dos pequechos, algúns de 2 anos. Logo, cando vamos pola metade do segundo curso, desbotamos a idea que nos asalta cada día ao rematar a xornada, ate que, cara o final de 5 anos, ao tempo que nos preparamos para despedir ao grupo -orgullosas do que temos logrado-, acariciamos  a idea de írmonos con eles. Pensar en volver a empezar de novo fainos correr unha suor fría polo espiñazo, e isto debe ser sintomático de algo.

Non é unha decisión doada, e certamente non sabemos que é o que nos leva a supoñer que en primaria a cousa será máis levadeira. Agora ben, nunca se soubo que volvera ningunha das que se foi, nin que viñeran para infantil especialistas de primaria.

Cando, con vintepoucos anos empezamos a traballar cheas de ilusión, de enerxía e de ganas de facer, ao atoparnos con compañeiras que tiñan a idade que temos nós agora, parecíanos que perderan gas. Daquela, cheas de soberbia e de ignorancia, dicíamos que chegados a ese punto había que cambiar. Agora, coa perspectiva que dá a idade e maila experiencia, en máis dunha ocasión pensamos naquel noso propósito de xuventude e vémonos inmersas nun mar de dúbidas. Emporiso, tratamos de analizar a situación obxectivamente, tanto dende o noso punto de vista, como tentando poñernos na pel dos nenos e nenas. Por unha banda somos conscientes de que para traballar con cativos todos os días hai que ter moita corda para cantar, para xogar, para brincar e para manter unha mirada expectante sobre eles e sobre o que lles queremos ensinar. Nós, agora xa non temos esa mesma frescura, pero, pola contra, temos paciencia, experiencia, bagaxe profesional que antes non tiñamos o que nos permite ser máis eficaces/eficientes ca antes. Entón, se ben estamos convencidas de que non lles damos unhas cousas, dámoslle outras tanto ou máis valiosas para a súa formación como persoas e como cidadáns. Aínda así, neste momento, case podíamos ser avoas de moitos deles, por iso vemos grandes diferenzas xeracionais cos nenos/as e mesmo cos seus pais, e iso marca. Ao fío, aparcaremos para outra ocasión o tema da idade de xubilación na nosa profesión.

Deixando a un lado as nosas divagacións, volvemos ao que nos trouxo aquí: as mestras que se van para primaria.

Non facemos máis ca pensar no gran coñecemento profesional que se perde neses tránsitos e no como rendabilizalo aínda alén do seu territorio de nacemento profesional. Nunca se deixa de ser mestra de infantil, agás que se renegue diso. Non é posible pechar un ciclo, botar chave e esquecerse de todo. Así que depositamos as nosas esperanzas nas que se foron, nas que se van e nas que se irán, para que cada vez haxa un maior entendemento entre estas dúas etapas educativas. Confiamos en que as mestras de infantil na diáspora sexan as que tendan pontes entre infantil e primaria, as que fagan ver nos centros que os nenos, tras un verán, seguen a ser nenos/as pequenos; que se pode estar en primaria e ter os espazos adaptados a idade dos cativos; que os aspectos emocionais e afectivos seguen a ser igual de importantes ca en infantil; que por pasar a primaria os nenos/as son igual de diversos pois non lles pasan un rolo homoxeneizador. E sobre todo, confiamos en que estas mestras non reneguen das súas orixes culpabilizando as de infantil das “carencias” e “escasa preparación” que lle detectan a cada nova promoción. Ao tempo, tamén nos gustaría que estas compañeiras nos contasen de que modo podemos favorecer a colaboración entre ciclos, xa que logo, ese cambio de mirada, permítelles ver cousas que non son visibles aos ollos das que estamos inmersas noutros contextos.

Pasar de infantil a primaria, ao igual ca no caso dos nenos e nenas, é subir un chanzo na escaleira do sistema, pero non quere dicir que o ese tramo superior sexa máis importante ca o inferior; un precisa do outro, e cada un deles ten unha entidade propia que hai que saber pór en valor.

Boa sorte para as/os que se van.

Advertisements
  1. Eu son unha mestra que hai dous anos marchou para Primaria e agora, neste curso, regresei de novo a Infantil. Recoñezo que agora estou na miña “salsa” e que non podo vivir sen as apertas e as miradas das nenas e nenos pequenos, confeso que os NECESITO. Cada mañán, cando me saúdan, non podo deixar de sorrir. Quen pode dicir iso cando vai traballar?

    Graciñas polos vosas reflexións, son moi enriquecedoras. Anímovos a que sigades compartíndoas cos demais.

    Se queredes poñervos en contacto comigo, no dubidedes en facelo. Eu sei que son rara, pero sabede que hai quen volve a INFANTIL!!!

    Saudiños,

    MJ

    • Benquerida compañeira, eu creo que ao escribir isto andábamos buscando que alguén nos dixera o que ti nos acabas de dicir. O medo que temos é que nós nos encontremos ben e sin embargo esteamos privando aos pequenos doutras cousas que lle poden dar as máis novas.
      Grazas, grazas a ti por este comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: