A nosa achega á educación infantil

O patrimonio dos nenos e nenas: a súa infancia

In FormArte on 27/01/2014 at 08:02

2014-01-25 11.58.50O pasado sábado participamos nas xornadas organizadas pola Fundación Barrié en Vigo. Para nós foi unha ocasión de tomar contacto con todas e todos aqueles coñecidos que nos seguen a diario na rede. Énchenos de orgullo e suponnos unha responsabilidade que toda esa xente nos diga que InnovArte é para eles un referente. Certamente foi unha inxección de ánimo para seguir tirando. Vaia por diante o noso agradecemento a EducaBarrié por brindarnos estas ocasións.

Como dixemos noutra entrada anterior, estas xornadas arredor do patrimonio e a infancia están estruturadas en tres fases: unha primeira celebrada na Coruña o pasado mes de novembro abordou a arquitectura e a paisaxe, agora en Vigo o patrimonio etnográfico, e a terceira parte versará sobre a relación dos pequenos co patrimonio inmaterial.

Cando nos convidaron dubidámolo un pouco, entre outras razóns porque nós non adoitamos participar neste tipo de actividades formativas, xa que logo, todo canto temos que dicir e que contar xa está recollido en InnovArte, e por outra banda, pensábamos que nós non tíñamos ningunha experiencia didáctica salientable nesa liña.

Accedemos porque entendemos que Innovarte é un discurso sobre o verdadeiro patrimonio dos nenos e das nenas, a súa infancia, e, nos últimos tempos, este patrimonio está sendo expoliado, privando aos pequenos de gozar dunha infancia plena e feliz tal e como cabe esperar que sexa este período vital único, irrecuperable e insubstituíble.

Así, no estilo de InnovArte, fixemos un alegato a favor da restitución da infancia aos nenos e nenas, analizando todos os puntos que se están a dar na sociedade actual e que fan que as crianzas teñan cada vez unha infancia máis semellante á vida adulta, chea de preocupacións, de présa, de presión e de anguria.

Defendemos que, ao igual que se considera de grande importancia que os nenos/as descubran, coñezan, gocen e velen polo patrimonio natural, arquitectónico ou etnográfico, do mesmo xeito, a sociedade valore a importancia da infancia, non coma un previo á vida adulta, senón coma una etapa con entidade e características propias cun papel determinante no posterior devir das persoas. Tal e como se viva a infancia, vivirase a vida adulta, e certamente, o que se está a ver non parece moi prometedor.

Ao igual que veu facendo ao longo destes catro anos, InnovArte defendeu como dereito fundamental dos nenos o poder vivir unha infancia feliz. O activismo feroz que invade a vida dos pequenos, as falacias da conciliación, a sobreculturización da infancia, a primacía do cognitivo sobre o relacional, a anticipación de temas non propios no pensamento dos nenos, a segmentación e presión curricular, a programación educativa de cada un dos minutos da súa vida, a falta de serenidade e de liberdade, foron algunhas das cuestións que deixamos enriba da mesa para a súa reflexión por parte das persoas asistentes, que xunto con outras que nos suxeriron, seguiran constituíndo a razón de ser do noso discurso.

Malia que en breve EducaBarrié publicará todos os materiais das distintas intervencións, deixamos aquí unha ligazón ao resumo e presentación de InnovArte.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: