A nosa achega á educación infantil

A LOMCE en infantil

In LexislArte on 27/01/2014 at 08:02

O malo dos debates prolongados no tempo e feitos desde moitos foros é que un acaba perdendo folgos e ganas de seguilos, así, esta é unha estratexia bastante habitual para desgastar a opinión pública. Se a isto se lle suma que se introduce a polémica con tres ou catro “bombas de reloxería”, que de partida xa se sabe que son un despropósito, a atención focalízase neses puntos pasando por alto outros máis sutís e ás veces más perversos. Esta tamén é unha estratexia bastante común.

Coa LOMCE foron tantos os debates, críticas, faladoiros, artigos, opinións, folgas, manifestacións, boutades, manipulacións en aras de todo tipo de intereses (máis alá do educativo),  e outras, que xa non sabemos ben en que punto estamos. Isto apareceu e desapareceu, ata que, cando veu de verdade, xa nin se lle prestou atención.

Así é que, inopinada, intencionada e legalmente, entrou en vigor o pasado 3 de xaneiro, vinte días despois da súa publicación no BOE. Inopinadamente, cremos que non precisa de máis aclaración. Intencionadamente porque así dálle tempo a que se cumpran os dous meses preceptivos para que os centros privados aos que se lle rexeitou o concerto poidan volver a solicitalo alá polo mes de marzo (artigo 84.3). E legalmente porque contra o habitual na lexislación educativa, non entra en vigor co comezo dun novo curso, senón cando se determina na propia lei, así xa poderá ser de aplicación na admisión de alumnado, nas subvencións ás editoriais para elaboración de novos materiais acordes con ela e, como non, nos concertos educativos.

Non imos afondar na análise ideolóxica da Lei 8/2013, de 9 de decembro para a mellora da calidade educativa, nas causas nin nas consecuencias porque iso, como reza ao seu comezo, correspóndelle  “a todos los que la vieren y entendieren”, así, cadaquén xa terá formada a súa opinión. Para nós, desde un punto de vista da técnica normativa sempre nos pareceu unha chapuza, entre outras razóns porque:

-Cando se lle quere cambiar a filosofía a unha lei educativa non se fai unha modificación sobre a existente dicindo no propio preámbulo que se elixe a “técnica normativa  dunha modificación limitada”. Se así for, non se redactaría un novo preámbulo nin se lle cambiaría o nome á que está en vigor (isto non é o habitual). Para facelo así, redáctase unha nova na súa totalidade, recollendo aquilo que non se quere cambiar. Isto non fixo máis ca confundir e parece responder máis ao desexo de deixar a pegada no nome dunha lei. Como curiosidade dicir que non se recolle en ningún apartado, dese artigo único do que consta, o cambio de denominación. Paradoxos.

-O citado preámbulo, nótaselle que foi redactado a cachos recollendo unha suma de ideas felices máis propias dun discurso ca dunha lei. Por outra banda, certos parágrafos son citas máis adecuadas nun informe ca nunha lei; outros non aportan nada xa que deberan restrinxirse á memoria xustificativa que acompaña o proxecto de lei (porcentaxes e datos de Eurostat do 2011); e outros  son futuribles máis semellantes a vaticinios de videntes ca dunha lei.

-Nese preámbulo dáse como unha das razóns deste cambio os resultados de PISA, cando logo, tamén indica que esas probas teñen tan só un carácter formativo e de diagnóstico. Con respecto a PISA é extremadamente prolixa en detalles e datos, e sen embargo para xustificar que a educación pivote sobre as TIC non se bota man de ningún dos informes de investigación sobre os resultados e impacto das tecnoloxías na mellora dos resultados educativos (que tampouco son nada prometedores). Só se xustifica o que interesa.

Poderíamos seguir, pero non queremos aburrir con algo que corresponde aos servizos xurídicos e que non ten máis importancia que o de “curiosidades da LOMCE”, así que pasaremos ao que pode supoñernos a Lei na educación infantil.

Nós, desde o primeiro aviso –aquela presentación en ppt na que a o 0-3 aparecía con liñas punteadas- estivemos pendentes do que implicaría a LOMCE na etapa na que traballamos. Aparentemente non se toca, pero as leis da física –aceptadas tanto pola comunidade científica coma por todos os mortais- din que calquera presión exercida en calquera punto dun corpo acaba repercutindo e multiplicando a presión sobre a súa base. A nivel curricular, queda por ver como serán contempladas as competencias básicas, nin sequera asumidas por igual en todas as comunidades autónomas.

Como non atopamos moita información, remitímosvos a un artigo no que se fai un exhaustivo seguimento desde a LGE, LOXSE, LOCE, LOE e LOMCE.

Alá polo 2003 participamos no grupo de elaboración do currículo LOCE para Galicia –que nunca viu a luz- e daquela, as profesionais da educación infantil que o integrábamos, tratamos de alixeirar un contido no que se indicaba claramente a necesidade de insistir no “proceso lectoescritor”. Como andábamos preocupadas, consultamos cunha amiga desas que teñen a sabedoría labrada na experiencia e, sen tinxes dramáticos, contestounos cun ton chocalleiro que a ela lle pasaba como á banda de música do seu pobo que só sabía tocar unha peza pero que ás veces cargaban máis a man co bombo e outras cos trombón e así parecía que soaba distinto, pero tocar, tocaban sempre o mesmo. Temos pensado moitas veces neste comentario e non nos queda outra ca darlle a razón, as crenzas educativas do profesorado non se mudan con cada cambio de lei. Isto ten a súa parte positiva e, como non, negativa; para ben ou para mal.

Confiamos en que impere o sentido profesional. En todos os ámbitos.

NOTA: Case nunca explicamos os motivos polos que eliximos a imaxe coa que ilustramos cada entrada, adoitamos deixalo ao criterio dos que “vieren y entendieren“, pero hoxe si queremos facelo. Á vista deste obxecto imposible cabe preguntarse sobre a súa finalidade:  son mesas, son tobogáns ou só é decorativo? En ningún caso cumpre ben o cometido, así, ata o discurso estético queda enturbado pola súa escasa funcionalidade, e viceversa.
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: